25.000 hectáreas máis de eucalipto en dous anos malia a moratoria

Gráficos de evolución e presenza do eucalipto en Galicia, sobre unha imaxe dun eucaliptal CC-BY-NC-SA Montaxe: Praza.gal | Mapa: INVEGA | Foto: Asociación Forestal de Galicia

A superficie forestal de eucalipto no país medrou en 2024 ata rozar as 440.000 hectáreas. Son, en concreto, 438.156 segundo os datos do Inventario Forestal Continuo de Galicia (IFCG) relativos ao pasado ano, presentados este xoves polos científicos da Universidade de Vigo e a Universidade de Santiago de Compostela. 

Os datos do inventario forestal cifran en 438.156 as hectáreas de eucalipto en Galicia en 2024, 19.000 máis que en 2023 e 25.000 máis que en 2022

As cifras, que supoñen un incremento na superficie do eucalipto do 4,6% respecto de 2023 e dun 6% respecto de 2022, confirman o que xa se agardaba: que a presenza da especie segue a medrar malia que existe unha moratoria desde 2021 para limitala e que vén de ser prorrogada, aínda que cunha aplicación máis "flexible"

Son 19.015 hectáreas máis de eucalipto as contabilizadas en 2024 que as que había en 2023 e 25.070 máis que no ano 2022. Isto supón un 4,6 % de incremento respecto de 2023 e máis do 6% respecto do ano 2022. 

Segundo Juan Picos, enxeñeiro forestal e profesor na Universidade de Vigo, os datos que constatan o incremento do eucalipto non queren dicir que esas 19.000 hectáreas de máis en 2024 ou as 25.000 desde 2022 fosen plantadas neses anos de moratoria, senón que si foron detectadas. A razón é que as imaxes de satélite utilizadas non as captan no seu proceso inicial, ao pouco de plantarse. Pode haber casos de plantacións previas á moratoria e outras durante e incumprindo a norma. 

O que si desvelan os datos é que hai máis de 5.000 hectáreas desta especie en parcelas non forestais —prohibido pola Lei de Montes— ou que o incremento na superficie de coníferas e frondosas autóctonas foi mínimo. De feito, no caso destas últimas a súa extensión baixou en case 4.000 hectáreas desde 2022. As coníferas aumentaron en arredor de 18.000 no mesmo período. 

As cifras confirman as advertencias que sector forestal, entidades ecoloxistas ou oposición parlamentaria viñan facendo

Con todo, os datos do IFCG confirman as advertencias que sector forestal, entidades ecoloxistas ou oposición parlamentaria viñan facendo. O mes pasado, a Xunta anunciaba a prórroga da actual moratoria ata 2030, pero cunha importante "flexibilización", como a que permitirá substituír piñeirais enfermos por eucaliptos. Ademais, advertía daquela tamén da imposición de máis de 1.100 sancións desde 2022 por plantación desta especie. 

As reaccións a estes datos actualizados do Inventario Forestal non se fixeron agardar. Desde Greenpeace consideran que as cifras constatan o "fracaso de vez" da moratoria en vigor —cuxa prórroga activarase o próximo 1 de xaneiro— e "poñen en evidencia o pouco interese da Xunta cumprir o Plan Forestal de Galicia e a súa desidia perante esta moratoria". 

Ao ser aprobada, en xullo de 2021, a moratoria establecía, basicamente, que só se permitía a plantación de eucalipto en parcelas onde xa existisen antes. Un dos seus obxectivos era o de cumprir cunha das directrices marcadas no Plan Forestal de Galicia: unha suba do 3 % no período 2021-2025 e unha rebaixa dun 4 % da superficie de eucalipto no horizonte 2035 e un 5 % para o ano 2040, o que implicaría minorar a súa presenza nunhas 20.000 hectáreas, cifra semellante ao aumento entre 2023 e 2024. 

Greenpeace tamén advirte de que o feito de que se introduzan novas excepcións na moratoria, permitindo plantacións onde até o de agora non existían, "é para todos os efectos unha renuncia para manter a moratoria, significa dar pasos atrás para evitar a expansión sen fin do eucalipto no territorio, que colonizará novos ambientes, e non parece que vaia a servir para resolver os problemas que sofre a cadea de valor da madeira coas pragas do piñeiro". "É especialmente grave que se tomase a decisión sen sequera dar a coñecer unha análise pormenorizada dos efectos que tivo a moratoria vixente desde 2021", engade. 

Distribución das coberturas arbóreas en Galicia, segundo o INVEGA CC-BY-NC-SA Mapas: INVEGA

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.