Medio Rural permitirá substituír piñeirais enfermos por eucaliptos e cifra en 1.100 as sancións impostas desde 2022 por plantar esa especie en lugares non permitidos
"Dixemos que escoitariamos ao sector, e así o vimos facendo", asegurou este xoves a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, na rolda de prensa na que avanzou que o Goberno galego vai "flexibilizar" a moratoria da plantación de eucaliptos no noso país, para a que tanto o sector –propietarios e empresas– como as asociacións ecoloxistas estaban a pedir unha maior duración.
María José Gómez, acompañada polo secretario xeral da Oficina de Coordinación Económica da Presidencia, Juan Carlos Reboredo, e polo director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, manifestou que "a decisión é que flexibilizaremos a situación actual co único fin de aumentar a produtividade, evitar o abandono e ao mesmo tempo incrementar a plantación de frondosas e coníferas"
A Xunta tiña que tomar unha decisión antes de fin de ano, data na que expiraba dita moratoria para as novas plantacións de eucaliptos. Nun comunicado deste mércores, a Fundación Arume, que aglutina empresas e colectivos da cadea de valor da madeira, asociacións de propietarios forestais, empresas de servizos forestais, viveiros, serradoiros e empresas da segunda transformación da madeira, incidía na importancia de "evitar un efecto rebote na expansión das especies de eucalipto" co obxectivo de desenvolver unha "planificación forestal" en base ás "directrices que marca o Plan Forestal de Galicia" aprobado polo Parlamento.
"Permitiranse novas plantacións para substituír existentes de eucalipto que se transformen en piñeiros ou frondosas", sinalou María José Gómez
"O noso obxectivo principal –defendeu este xoves a conselleira– é traballar por unha axeitada xestión forestal con tres piares: produtividade, biodiversidade e loitar contra o abandono". A medida irá na lei de acompañamento dos Orzamentos, entrará en vigor 1 de xaneiro do próximo ano e estará vixente ata 2030.
"Continuaremos con restricións pero flexibilizarémolas", detallou María José Gómez, polo que esta medida "non significará un incremento total da superficie do eucalipto, o obxectivo segue sendo cumprir co establecido no Plan Forestal".
Así, os propietarios que teñen plantacións de piñeiros afectadas por sanidade vexetal, en concreto polo fungo da banda marrón, "poderán reforestar o 50% con eucalipto e o outro 50% con piñeiro e/ou frondosas". Ademais, "permitiranse novas plantacións para substituír existentes de eucalipto que se transformen en piñeiros ou frondosas".

Isto "ata agora permitíase se as parcelas eran do mesmo titular e agora poderase facer con titulares diferentes". Segundo relatou a conselleira, a parcela na que había eucalipto debe ser plantada con piñeiros ou frondosas e a superficie equivalente poderá ir a outra parcela, e nela o eucalipto non poderá superar o 75% da superficie de orixe, mentres que o 25 restante debe ser de piñeiro ou de especies frondosas. "O titular terá un prazo de tres anos desde a autorización da consellería para levar a cabo esa substitución", sinalou Gómez.
En definitiva, a conselleira aseverou que o "obxectivo é producir o máximo en menor superficie".
A conselleira aseverou que o "obxectivo é producir o máximo en menor superficie"
A titular de Medio Rural defendeu que se debe "retirar eucalipto de zonas onde non se pode ter", como "as faixas secundarias [de protección de incendios]" ou os espazos protexidos pola "Rede Natura 2000", e trasladou que levan impostas "máis de 1.100 sancións desde 2022" por plantación de eucaliptos, "a maioría por non manter distancias a vivendas ou plantar en terreos que non están permitidos".
A fin de deseñar unha normativa específica para o eucalipto, "sustentada en criterios técnicos, ambientais e socioeconómicos", no marco das directrices do Plan Forestal vixente, a Fundación Arume proponlle á Xunta a creación dun grupo de traballo para desenvolver un traballo técnico en coordinación coa consellería que permita acadar o obxectivo o antes posible.