Reclaman a prohibición "indefinida" de novas plantacións de eucalipto en pleno debate sobre Altri

Plantación de eucalipto globulus en Galicia © Asociación Forestal de Galicia

O 31 de decembro, en oito meses, remata a moratoria temporal para as novas plantacións de eucalipto que entrou en vigor en xullo de 2021 e que no seu primeiro ano de implantación non detivo a expansión da especie

O vindeiro 31 de decembro, en oito meses, remata a moratoria temporal para as novas plantacións de eucalipto acordada pola Xunta en febreiro de 2021 e que entrou en vigor en xullo dese ano. A medida supuxo o recoñecemento por parte do Goberno galego da existencia dun problema na expansión desta especie forestal. e na planificación e xestión destas plantacións. 

A iniciativa, tímida, tivo nestes catro anos un efecto moi limitado e, de feito, segundo os datos preliminares do Inventario Forestal Continuo de Galicia correspondentes ao ano 2023, en Galicia existen 419.051 hectáreas de eucaliptais (masas dominadas por esta especie), un 1,4% máis que en 2022, debido a que comezou a aflorar o boom de plantacións realizadas xusto antes de que entrase en vigor a moratoria.

Agora, en pleno debate aberto pola posibilidade de implantación da celulosa de Altri en Palas de Rei, que incentivará a demanda de madeira de eucalipto, son numerosas as voces que reclaman estender a prohibición de realizar novas plantacións desta especie, mesmo facendo permanente a moratoria. Este martes varias organizacións, encabezadas pola entidade ecoloxista ADEGA e a Organización Galega de Comunidades de Montes, reclamaron esta "moratoria indefinida" para as novas plantacións de eucalipto.

Rolda de prensa ofrecida por ADEGA, FEG, SLG, ORGACCMM, CIG, FRUGA e outras organizacións © ADEGA

Dez organizacións, encabezadas por ADEGA e as Comunidades de Montes, piden unha prohibición permanente ata que se elabore una normativa específica para a ordenación das masas de eucalipto

As dez organizacións que compareceron publicamente para demandar a prohibición definitiva de novas plantacións lembraron o incremento continuado da extensión do eucalipto en Galicia, que pasou de 370.000 hectáreas en 2011 a 419.000 na actualidade. O Plan Forestal para o período 2021-2040, aprobado pola Xunta en 2021, prevía ata un 3% máis de eucaliptos no seu primeiro quinquenio de aplicación, ata 2025 (un obxectivo amplamente superado), coa promesa de acadar unhas reducións do 4% para 2035 e do 5% para 2040 en relación á cifra existente en 2021.

Ademais, as entidades criticaron que a moratoria en vigor dende xullo de 2021 "adoece dunha absoluta falta de transparencia, avaliación e coñecemento público das actuacións realizadas e das plantacións ilegais eliminadas por parte da Consellaría".

As dez entidades enmarcan a súa reivindicación no probable incremento da demanda de madeira de eucalipto provoacado pola posible implantación da planta de Altri en Palas de Rei

ADEGA, Asociación Galega de Apicultura, APDR, CIG, Federación Ecoloxista galega, FRUGA, Galicia Ambiental, Instituto Galego de Terras Comunitarias, Organización Galega de Comunidades de Montes e SLG enmarcan a súa reivindicación no probable incremento da demanda de madeira de eucalipto provoacado pola posible implantación da planta de Altri en Palas de Rei. 

Advirten de que o incremento da superficie de eucalipto se ve "favorecido por un modelo de aproveitamento do monte intensivista e forestalista, que aposta pola produción de madeira de pouca calidade e de baixo valor acrecentado", un modelo que tamén é "caldo de cultivo para os lumes no espazo rural, favorecidos pola mudanza climática e o carácter maioritariamente pirófilo das especies empregadas".

Plantación de eucaliptos en Palas de Rei CC-BY-SA Simon Burchell

Alertan de que a planta de Altri "incrementaría a demanda de eucalipto para a industria da pasta de celulosa en case un 50%". Non sería posible abastecela sen incrementar a área ocupada por eucalipto en Galicia ou sen importar un volume considerable de madeira desde América

Lembran que a industria da pasta de celulosa consome aproximadamente o 70% das cortas de eucalipto en España e alertan de que a presenza de Altri en Galicia "incrementaría a demanda de eucalipto para a industria da pasta de celulosa en case un 50%". 

"Os datos expostos abondan para afirmar que non sería posible abastecer a planta de Altri sen incrementar substancialmente a área ocupada por plantacións de eucalipto en Galiza, ou ben sen importar un volume considerable de madeira desde o sur de América", sinalan as dez entidades, que engaden que "as dúas conclusións parecen opostas aos intereses da política pública na Galiza, xa que a primeira entra en clara contradición cos obxectivos do Plan Forestal de Galicia actualmente en vigor, e a segunda negaría a pretendida conexión entre o sector forestal galego e a nova industria".

As dez entidades piden desbotar o actual "modelo intensivo e forestalista, en base ao monocultivo de eucalipto", para substituílo por "un monte que siga como principios reitores a diversidade de hábitats e especies, a multifuncionalidade"

Nas súas conclusións, as dez entidades piden "mudar a visión e a orientación da política para o monte", desbotando o actual "modelo intensivo e forestalista, en base ao monocultivo de eucalipto", para substituílo por "un monte que siga como principios reitores a diversidade de hábitats e especies, a multifuncionalidade de usos, o fomento do arborado autóctono, o mantemento dos servizos ecosistémicos".

Neste senso, propoñen a "moratoria indefinida" para novas plantacións de eucalitpto "até que se elabore una normativa específica para a ordenación das masas de eucalipto no territorio galego" e a prohibición da especie na Rede Galega de Espazos Protexidos. En especial, fan fincapé na prohibición de plantación de eucalipto nitens (máis resistente ao frío e con máis capacidade de expansión a zonas ata agora libres de eucalipto)

Plantación de eucalipto nitens © Asociación Forestal de Galicia

Recomendan un "programa de eliminación das plantacións ilegais en terras agrarias e bosques autóctonos" que contemple opcións alternativas ao uso do eucalipto para os e as titulares do monte

Así mesmo, recomendan un "programa de redución progresiva" da superficie ocupada por eucaliptos e outras especies exóticas invasoras presentes no monte galego e un "programa de eliminación das plantacións ilegais en terras agrarias e bosques autóctonos" que contemple opcións alternativas ao uso do eucalipto para os e as titulares do monte.

Finalmente, suxiren a constitución dun grupo de traballo que teña como obxectivo a elaboración dunha normativa para a ordenación das masas de eucaliptais, conformado, entre outras, polas entidades e organizacións que viven, traballan ou xestionen o monte e o medio rural.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.