O Grupo Ence saíu no ano 2024 das perdas coas que pechara o ano anterior e culminou o exercicio económico cunhas ganancias de case 32 millóns de euros. A principal explicación, sinalou a compañía aos seus accionistas e aos mercados de valores na presentación de resultados rexistrada a finais de febreiro, foi "a mellora do prezo da celulosa e a redución de custos no conxunto do ano".
A celulosa saíu de perdas en 2024 e rematou o exercicio con beneficios de case 32 millóns de euros
Canda eses resultados, que abordará o vindeiro abril na xunta xeral de accionistas, a propietaria da fábrica de celulosa de Pontevedra achega diversa documentación sobre o seu funcionamento interno. Un deles é o informe de sustentabilidade, que recompila diversas cuestións en materia ambiental. Entre elas, as vencelladas ao xeito en que afronta a compañía o cambio climático tanto en termos de "riscos" como en termos de "oportunidade". No segundo grupo encadra a posibilidade dunha maior expansión da variedade de eucalipto máis común en Galicia, o Eucalipto Globulus.
Ence analiza que "aínda que o cambio climático presenta riscos", a "adaptación ao mesmo e á transición cara a unha economía baixa en carbono" vai implicar para os seus intereses "máis oportunidades". Así, por exemplo, considera que "os cambios na distribución da temperatura e as precipitacións" poden ter "impacto no patrimonio de Ence por redución do crecemento do Eucalipto Globulus no sur da península". Ese risco, non obstante, considérao "insignificante" ao "compensalo" con "previsións de variación de superficie" destas e doutras especies "por factores non climáticos".
A empresa analiza que coa crise climática o Eucalipto Globulus se vai adaptar "mellor" a "zonas onde hoxe a temperatura é demasiado baixa para o seu desenvolvemento", o que permitirá "aumentar a produtividade" e a "dispoñibilidade de madeira" para as súas fábricas
Pero ademais, acrecenta, "outra oportunidade derivada do cambio climático é a mellor adaptación" do Eucalipto Globulus "a zonas onde hoxe a temperatura é demasiado baixa para o seu desenvolvemento". E isto, prognostica, "permitirá aumentar a produtividade das plantacións nesas zonas" e, por extensión, "a dispoñibilidade de madeira" para as súas fábricas.
Sinala Ence que a "análise de riscos climáticos" é xa unha "peza fundamental" na súa estratexia para "garantir" que as "oportunidades" da crise climática "se utilizan como base de novas liñas de negocio". No que atinxe ao negocio de celulosa e forestal, central para a compañía no noso país, o devandito informe desenvolve máis as liñas que a levan a sinalar a expansión do Eucalipto Globulus como oportunidade: o "desenvolvemento de material vexetal adaptado ao cambio climático".

Ence traza como "prioridade estratéxica" poder seguir dispoñendo de eucaliptos malia ao cambio climático e por iso, avanza, está "potenciando o programa de I+D" para "producir material vexetal adaptado ás novas condicións climáticas e resistente ás novas pragas e fungos". Así, Ence vén de sumar tres novos clons de Eucalipto Globulus que elevan ata 12 o seu catálogo, "seleccionados polo seu crecemento, adaptación e resistencia a enfermidades".
Ademais de traballar con esta especie e co Eucalipto nitens -máis resistente ao frío-, Ence avanza tamén aos mercados que leva anos "potenciando a busca de novas especies" como a Corymbia. É un exemplo de especie da mesma árbore "que na actualidade están en produción en diferentes partes do mundo nas que xa se están dando as condicións climáticas previstas para as zonas de produción a raíz do cambio climático" na Península Ibérica.
"Riscos" pola seca en Pontevedra
Alén do que ten que ver coa súa materia prima, o eucalipto, Ence tamén admite que outro "risco" para a súa actividade derivada da crise climática é "a diminución ou cambio nos patróns" das chuvias, por implicar que cheguen a non dispor de auga dabondo. "Este risco -lembra- xa se materializou" na súa fábrica de Pontevedra no verán de 2022, cando se "viu obrigada a interromper a actividade pola seca".
Asegura a pasteira que, para "mitigar" este risco, está a "traballar na redución dos consumos de auga". Tamén, agrega, ten dende aquel ano un "proxecto piloto para a recirculación do efluente da propia instalación" que puxo en funcionamento en 2024, cando xa "permitiu superar o período estival sen afectar á produción". Medidas coma esta ou a posibililidade de utilizar no futuro augas residuais rexeneradas da depuradora de Praceres, mantén, permiten que o seu consumo de auga por tonelada de pasta, 23,8 metros cúbicos, sexa "a menor ratio da historia" da fábrica.