Quen corta a madeira? Propietarios envellecidos, en parte dende a cidade e con montes de eucalipto

Concellos con máis corta de madeira sobre unha imaxe dunha plantación de eucaliptos no Ortegal © Montaxe: Praza.gal

No ano 2023 cortáronse preto de nove millóns de metros cúbicos de madeira en aproveitamentos forestais solicitados en Galicia. O volume foi notablemente inferior ao cortado nos anos 2021 e 2022, pero mantense en cifras semellantes ás rexistradas en 2019 e 2020

No ano 2023 cortáronse preto de nove millóns de metros cúbicos de madeira en aproveitamentos forestais solicitados en Galicia. O volume foi notablemente inferior ao cortado nos anos 2021 e 2022, pero mantense en cifras semellantes ás rexistradas en 2019 e 2020. Un ano máis, a metade norte de Galicia concentrou a parte máis importante das cortas de madeira, debido principalmente á maior presenza do eucalipto na Mariña e na maior parte da provincia da Coruña, especialmente as comarcas do litoral.

Ortigueira, A Fonsagrada, O Pino, Oza-Cesuras e Santa Comba foron os cinco concellos nos que máis madeira se cortou no ano 2023, último con rexistros actualizados polo IGE, nunha listaxe na que tamén aparecen nos primeiros lugares Carballo, Foz, San Sadurniño, Curtis, A Pontenova e Vimianzo.

Ortigueira, A Fonsagrada, O Pino, Oza-Cesuras e Santa Comba foron os cinco concellos nos que máis madeira se cortou no ano 2023

Unha das cuestións que máis chaman a atención nos datos que anualmente publica o IGE sobre as solicitudes de aproveitamentos forestais é a gran diferenza existente entre os concellos nos que residen as persoas que solicitan os aproveitamentos e os lugares nos que realmente se corta a madeira. 

O mapa de cortas de madeira -dominado maioritariamente por concellos rurais da Coruña e do norte de Lugo- é moi diferente do mapa elaborado en función dos concellos de residencia dos solicitantes, que nunha ampla porcentaxe viven noutros lugares, moitas veces nas cidades.

Segundo os concellos de residencia, Lugo e A Coruña son os lugares nos que as solicitudes de corta levaron a un maior volume recollido, seguidos de Santiago, Narón e Viveiro, con Ferrol e Vigo tamén nos primeiros lugares da lista

De feito, segundo os concellos de residencia, Lugo e A Coruña son os lugares nos que as solicitudes de aproveitamentos forestais levaron a un maior volume recollido, seguidos de Santiago, Narón e Viveiro, con Ferrol e Vigo tamén nos primeiros lugares da lista. En Lugo, Viveiro e mesmo Santiago si se cortou unha cantidade importante de madeira, pero noutros concellos, como A Coruña, Narón, Ferrol e Vigo a maior parte das solicitudes referíanse a parcelas situadas noutros lugares.

A maior parte da madeira que todos os anos se corta en Galicia é de eucalipto, que concentra 5,5 dos 9 millóns de metros cúbicos de madeira obtida nestes aproveitamentos forestais, un 61%

A maior parte da madeira que todos os anos se corta en Galicia é de eucalipto, que concentra 5,5 dos 9 millóns de metros cúbicos de madeira obtida nestes aproveitamentos forestais, un 61%. No ano 2023 a cantidade de eucalipto cortado no país descendeu, o mesmo que o doutras especies, pero en todo caso o volume recollido foi moi semellante ao de anos anteriores. 

O piñeiro, nas súas distintas variedades, sumou algo máis de tres millóns de metros cúbicos de madeira e o resto correspondeu ás frondosas caducifolias, que se moven todos os anos ao redor dos 250 mil metros cúbicos.

Cada vez teñen máis peso as solicitudes de aproveitamentos forestais realizadas por persoas xurídicas e entidades de todo tipo

A maior parte das solicitudes de corte son realizadas todos os anos por persoas físicas. No ano 2023 representaron o 85% de toda a madeira cortada. Porén, a tendencia é á baixa (no 2019 e 2020 representaron ao redor do 89%) e cada vez teñen máis peso as solicitudes de aproveitamentos forestais realizadas por persoas xurídicas e entidades de todo tipo. 

Destacan as comunidades de montes (as cortas realizadas atendendo ás súas solicitudes sumaron preto dun millón de metros cúbicos).

No ano 2019 houbo algo máis de 40 mil solicitudes de corta realizadas por persoas físicas, entre 2020 e 2022 moveuse ao redor das 32 ou 33 mil e en 2023 o número de solicitudes caeu ata as 28 mil

As estatísticas do IGE amosan, sobre todo, unha redución moi importante no número de solicitudes de corta realizadas por persoas físicas, independentemente do volume cortado finalmente. Así, no ano 2019 houbo algo máis de 40 mil solicitudes de aproveitamentos forestais realizadas por persoas físicas, entre 2020 e 2022 moveuse ao redor das 32 ou 33 mil e en 2023 o número de solicitudes caeu ata as 28 mil.

Dúas de cada tres solicitudes de corta foron realizadas por persoas de máis de 60 anos

O descenso vén producíndose sobre todo entre os propietarios de maior idade e, por exemplo, en 2019 houbo 16 mil solicitudes de corta de persoas de máis de 70 anos e no 2023 foron menos de 11 mil. 

En todo caso, os datos de idade das persoas solicitantes dos aproveitamentos forestais revelan o envellecemento dos propietarios actuais do monte. Dúas de cada tres solicitudes de corta foron realizadas por persoas de máis de 60 anos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.