Máis autonomías esquivan o convenio téxtil estatal cun acordo que dependentas reclaman en Galicia

Concentración de dependentas do téxtil ante a sede da Xunta na Coruña CC-BY-SA V. Pereira

O acordo interprofesional autonómico que reclaman CIG e UGT para Galicia vén de ser aprobado tamén en Cantabria, logo de que antes fose asinado en Euskadi. Nestes dous territorios blíndase a prioridade dos convenios provinciais do comercio do téxtil e do calzado con mellores condicións que o convenio estatal que veñen de pactar a patronal ARTE —que representa a Inditex e outras grandes multinacionais como Mango, Primak ou H&M— e os sindicatos CCOO e Fetico. 

Cantabria e Euskadi pactan blindar a prioridade dos seus convenios provinciais ante o convenio estatal que vén de ser acordado en Madrid

Foi o pasado venres cando os integrantes do Consello de Relacións Laborais de Cantabria pactaron un acordo interprofesional autonómico, semellante ao que xa existe no País Vasco, para garantir que cando concorra máis dun convenio colectivo se aplique o que ofreza condicións máis vantaxosas ao persoal. Este pasado luns, o pleno do Parlamento cántabro votou a favor de xeito unánime a prol dunha proposición non de lei para defender esta demanda e trasladar á mesa negociadora do marco laboral estatal a necesidade de respectalo integramente. 

Mobilización de dependentas do téxtil ante a sede da Xunta na Coruña CC-BY-SA V. Pereira

Pola contra, en Galicia, dependentas do téxtil, convocadas por CIG e UGT, volveron este martes á folga para demandar á patronal un acordo semellante que "blinde a prioridade aplicativa dos convenios provinciais e garanta os dereitos laborais e salariais". Xa o demandaran tamén ante o Consello Galego de Relacións Laborais e mesmo de maneira directa a Alfonso Rueda, sen recibir apoio ningún. 

Dependentas volveron este martes á folga convocadas por CIG e UGT para reclamar ese acordo interprofesional en Galicia

Ademais, e malia que algunha patronal provincial galega si se amosou disposta a chegar a un acordo a nivel autonómico, desde a CIG e UGT sinalan á patronal coruñesa por "ser a máis reticente" a un pacto e, ao tempo, por negarse a "constituír a mesa de negociación do convenio provincial de comercio vario que caducou o 31 de decembro". 

A man de Inditex

Por detrás desta negativa ven a man de Inditex e a intención de que a preponderancia do convenio estatal de ARTE sobre un convenio xa caducado empeore —e moito— as condicións do persoal na provincia da Coruña, considerablemente mellores ás do acordo estatal e ás de moitos outros territorios logo de anos de loita sindical e das dependentas mobilizadas. 

Precisamente, durante a xornada de folga deste martes, traballadoras e traballadores do téxtil concentráronse diante da Confederación de Empresarios da Coruña, onde varias dependentas levan a cabo unha "acampada reivindicativa" desde o pasado 25 de maio. Ademais, en Vigo tamén tivo lugar unha manifestación para amosar o rexeitamento ao convenio de ARTE e reclamar un acordo interprofesional galego. 

Acampada de persoal do comercio téxtil na Coruña CC-BY-NC-SA CIG

O persoal do comercio téxtil mobilizado en Galicia desde hai meses asegura que a aplicación do convenio estatal suporá un empeoramento das súas condicións laborais e a perda de numerosos dereitos, ademais dunha considerable redución salarial en moitos casos. No país, son arredor de 35.000 os traballadores e as traballadoras afectadas. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.