As dependentas do téxtil e do calzando manteñen o pulso na súa loita contra o convenio estatal da patronal ARTE e por un acordo interprofesional galego que blinde os marcos laborais provinciais. Á folga do pasado sábado —sétima na provincia da Coruña e terceira en todo o país nas últimas semanas— únese agora unha acampada diante da patronal coruñesa por parte de persoal do comercio vario.
Persoal do comercio téxtil inicia unha campada diante da patronal coruñesa contra o convenio ARTE e por un marco galego
A medida pretende ser unha "medida de presión" e de "visibilidade de 24 horas" ao rexeitamento rotundo que boa parte do persoal, impulsado por CIG (sindicato maioritario) e UGT, contra o convenio que a patronal das grandes multinacionais e empresas do téxtil negocia en Madrid para todo o Estado canda a CCOO e Fetico. A acampada iníciase na mesma semana na que hai previstas dúas reunións máis da mesa negociadora (mañá e o mércores), coas que se pretende pechar o convenio e asinalo o 2 de xuño.
"Pretenden pechar a negociación e perpetrar este atraco ao persoal do comercio”, asegura o secretario nacional da CIG-Servizos Carlos Alján, que asegura que este convenio suporía "unha precarización laboral, a perda de dereitos tanto no económico como no social e deixar fóra dos convenios provinciais a un número moi importante de persoas deste sector".
Tras a folga do pasado sábado, as dependentas manteñen a presión contra un convenio que prevé asinarse nos vindeiros días
A CIG, e tamén UGT, piden á patronal que asine un acordo galego que fixe a prioridade aplicativa dos convenios provinciais fronte o estatal de ARTE. "Non estamos pedindo máis salarios, só demandamos que se garantan os dereitos conseguidos nas loitas e folgas en cada convenio e que se respecte o ámbito de negociación provincial", lembrou. Tamén por iso, o mércores 27 haberá unha mobilización ás 12 ante a sede da confederación de empresarios na Coruña ao mediodía.
Precarización e "dous tipos de traballadoras"
Pola súa banda, Lucía Domínguez, presidenta do comité de Stradivarius da Coruña, incidiu en que a sinatura de ARTE, ademais dun retroceso de anos nos dereitos, tamén suporá que "dentro dunha mesma tenda haxa dous tipos de traballadoras": por un lado o persoal “ao que por lei non lle poden rebaixar as condicións e o salario que xa teñen, e por outro todo o persoal eventual e de nova incorporación que entraría cunhas condicións moi inferiores".
Domínguez advirte de que a medida que os convenios provinciais foran decaendo o resto do persoal "tamén iría perdendo dereitos", e ademais o sector deixaría de ter a capacidade de decidir "dende aquí, o que se negocia". Por iso cre que se dá a reiterada negativa da patronal da Coruña a constituír a mesa para renovar o convenio do comercio vario, que caducou o 31 de decembro.
A mobilización continúa logo de que o pasado sábado a xornada de folga celebrada en Galicia provocara de novo o peche de moitas tendas das grandes cadeas de marcas, como Bershka ou Stradivarius nas cidades da Coruña ou de Pontevedra.