As dependentas galegas volven amosar a súa forza contra o convenio estatal do téxtil

Mobilización contra o convenio ARTE na praza de Lugo da Coruña CC-BY-SA Praza Pública / Cedida

Coincidindo cunha nova xuntanza en Madrid para a negociación do convenio estatal, centos de persoas traballadoras do comercio téxtil e de calzado de toda Galicia secundaron unha nova folga convocada por CIG e UGT e manifestáronse nas sete cidades. 

Centos de dependentas volveron mobilizarse en toda Galicia nunha folga que pechou tendas contra o convenio estatal que pretende a patronal ARTE

"ARTE é a nosa morte", rezaba unha pancarta que lideraba as protestas polas rúas da Coruña, en referencia á patronal ARTE —integrada por grandes compañías como Inditex, Mango, H&M, Primark, Cortefiel ou Bimba&Lola— que o pasado 23 de marzo asinou cos sindicatos CCOO e Fetico un preacordo de convenio para todo o sector no Estado —agás Euskadi— que ergueu fortes protestas en todas as provincias galegas. 

Mobilización contra o convenio ARTE na praza de Lugo da Coruña CC-BY-SA Praza Pública / Cedida

"Aquí traballamos, aquí negociamos" foi unha das proclamas máis escoitadas nas mobilizacións de dependentas e traballadoras do téxtil, que advirten de que a aplicación dun convenio estatal por riba dos provinciais suporía "precarizar as condicións laborais e eliminar dereitos contemplados" nos convenios de cada territorio. Unha situación que afectaría máis de 35.000 persoas traballadoras en Galicia pero que non é definitiva aínda. Na reunión deste luns na mesa de negociación non se asinou documento definitivo ningún á espera de futuras xuntanzas

CIG e UGT impulsan as protestas e denuncian que o novo convenio suporía "precarizar as condicións laborais e eliminar dereitos" para o persoal do téxtil en Galicia

Foi doutra volta unha exitosa mobilización —a quinta folga na provincia da Coruña nos últimos meses—, con moitas tendas pechadas e de novo coa demanda á patronal galega, por parte dos sindicatos convocantes, para que negocie un acordo interprofesional que "blinde os convenios provinciais e garanta a súa prioridade aplicativa". En definitiva, que se faga en Galicia o mesmo que na comunidade autónoma vasca, onde as protestas e as varias xornadas de folga levaron a que os marcos laborais de cada unha das provinciais non se vexan afectados por un futuro acordo estatal. 

A CIG denuncia que, respecto aos actuais convenios provinciais, as condicións que recolle o preacordo entre ARTE e CCOO e Fetico suporía a rebaixa de entre 2.000 e 3.000 euros ao ano na Coruña e Pontevedra ou duns 5.000 euros para quen se incorpore ás tendas de Inditex na provincia coruñesa. Ademais, perderíanse complementos de antigüidade ou de transporte en diferentes territorios, así como a voluntariedade do traballo de festivos e domingos. 

O persoal mobilizado denuncia perdas de entre 2.000 e 3.000 euros anuais e de complementos de antigüidade ou de transporte

Segundo denuncian a central nacionalista ou UGT, a aplicación do convenio de ARTE suporía tamén perder outros dereitos conseguidos tras anos de loita en diferentes provincias galegas, como o cobro íntegro do soldo no caso de enfermidade ou vacacións sen períodos vetados, entre outros. Tamén se reduce a planificación de horarios e calendarios a cinco semanas de antelación, recupérase a categoría de persoal axudante dependente durante 15 meses e permítese a contratación fixa-descontinua a tempo parcial, denuncia a CIG. 

Mobilización contra o convenio ARTE na praza de Lugo da Coruña CC-BY-SA Praza Pública / Cedida

A respecto da xornada anual pactada (1770 horas para o ano 2026, 1760 para 2027 e 1740 para 2028), a CIG advirte que, "malia a propaganda, as horas de traballo anuais aumentarían en realidade, xa que o tempo de descanso de cada día (de 15 minutos como mínimo) deixaría de computar como tempo efectivo de traballo".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.