A exitosa loita das dependentas dá freado a patronal: "Non imos perder o conseguido"

Mobilización de dependentas do sector téxtil na Coruña durante a folga CC-BY-NC-SA CIG

O pasado mércores, en plena campaña de Nadal e nas rúas máis céntricas e comerciais da Coruña, a maioría das tendas de roupa —as do grupo Inditex, Cortefiel ou Mango, entre outras— pecharon e algunhas outras traballaron a menor ritmo pola ausencia de persoal. Centos de dependentas deixaron as caixas, as perchas e os estantes para ocupar a rúa lembrando que as prendas que venden poden ser "low cost" pero que os seus dereitos "non".

A folga no comercio téxtil logrou pechar a maioría de tendas de roupa na Coruña en plena campaña de Nadal e levou centos de dependentas á rúa

Convocadas pola CIG e UGT á folga na provincia da Coruña, a resposta das traballadoras do comercio téxtil, un sector fondamente feminizado) volveu ser masiva. Arredor do 90% do persoal secundou, segundo as centrais, un paro que coincidía cunha xuntanza en Madrid no marco da negociación entre os sindicatos e a patronal ARTE — integrada polas grandes compañías como Inditex, Mango, H&M, Primark, Cortefiel, Bimba&Lola, Uniqlo, Punto Roma, ou Mayoral— para a elaboración dun convenio estatal que afronta un rexeitamento masivo das dependentas en Galicia, ao igual que en Euskadi

Mobilización de dependentas do sector téxtil na Coruña durante a folga CC-BY-NC-SA CIG

As traballadoras mobilizadas advirten da intención da patronal de "impor" un convenio para todo o Estado que empeoraría as condicións do convenio provincial, que sería inaplicable nese caso e cuxa vixencia remata a finais deste ano. Condicións mellorables pero moito máis vantaxosas que as de moitos territorios, conseguidas —como lembran— hai tempo tras anos de loita, mobilizacións e folgas. As mensaxes eran claras: "Queren esmagar os nosos dereitos"; "non queremos formar parte de ARTE"; "aquí traballamos, aquí negociamos"; "do convenio provincial non nos moverán"

"Sabemos o que nos custou chegar ata aquí e non estamos dispostas a perder o conseguido"

"Nesta provincia, hai xa vinte anos empezamos a loitar, facendo paros moi importantes e conseguindo melloras no convenio; moitas seguimos sendo as mesmas e estamos moi concienciadas; sabemos o que nos custou chegar ata aquí e non estamos dispostas a perder o acadado", resume Lucía Domínguez, representante da CIG, ao ser preguntada polos motivos do éxito de mobilización e implicación na folga e nas protestas. 

Ás poucas horas da marcha na que centos de dependentas —1.500 segundo os sindicatos e arredor de 700 segundo a policía local— percorreron o centro da Coruña, e case ao mesmo tempo no que un cento de traballadoras se concentraban en Vigo rexeitando tamén o convenio estatal, a xuntanza entre patronal e sindicatos en Madrid pechaba sen sinatura, marcando outra reunión para xaneiro e cun cambio de postura das empresas, que recuaban sobre a súa intención inicial

O éxito das protestas en Galicia, e antes en Euskadi, levou a patronal a cambiar de postura e aceptar que os acordos autonómicos e provinciais teñan prevalencia ante un posible convenio estatal

Por primeira vez, a patronal aceptaba abertamente a prioridade de aplicación dos acordos marcos laborais que se acaden a nivel autonómico, dando prioridade aos convenios provinciais. Un cambio de guión que CIG e UGT atribúe ao "éxito" das protestas en Galicia, sumadas ás que antes tiveron lugar en Euskadi. 

Logo de máis de quince reunións e dous anos de negociación, explica a CIG, o sindicato CCOO —que non apoia as protestas e con Fetico ten maioría na mesa estatal— presentou unha nova proposta á patronal "máis ambiciosa" e que melloraba as anteriores, que eran "moi inferiores a moitos convenios provinciais" como os de Galicia. A reacción de ARTE, ao comprobar que estas novas demandas elevaban as condicións salariais e laborais polo alto e mesmo superando a da maioría de acordos territoriais, foi aceptar que teñan prevalencia os pactos a nivel autonómico sobre un posible futuro convenio para todo o Estado

Tenda de roupa pechada durante a folga na Coruña CC-BY-NC-SA CIG

Tras a xuntanza, CCOO asegurou que a proposta da patronal fora "insuficiente" e que queda "moito que falar aínda". "A súa oferta segue lonxe da nosa", di Comisións, que xunto a Fetico ten maioría para asinar un acordo e que exixe a ARTE "un compromiso real cos obxectivos de homologar á alza e garantir que ninguén perda dereitos". 

A patronal estatal decatouse da dificultade de impor un convenio rebaixado en territorios onde a loita das traballadoras xa lograra acordos mellores hai anos

"O único camiño é a loita por un acordo galego que nos libre definitivamente do convenio de ARTE; hoxe abriuse esa porta", aseguraba a CIG, que pedía "pelexar con máis forza". 

No fondo, explican fontes sindicais, o éxito dunhas mobilizacións que fixeron decatarse á patronal da dificultade de impor un convenio rebaixado en territorios onde a loita das traballadoras logrou acordos con melloras hai anos. "Sabemos do concienciado que está o persoal, algo que é motivo de orgullo, pero sempre sorprende a enorme mobilización e implicación; a xente ten moi presente o que se pelexou hai tempo para conseguir melloras e iso inflúe moito", explica Lucía Domínguez que, aínda así, recoñece que se fose preguntada tres días antes "non diría que fose a ser un éxito como o que foi". 

Presións pero éxito

Por que? "Estamos nas épocas que estamos, cada un ten as súas circunstancias persoais e todos sabemos o que supón facer folga... Somos un sector con grandes multinacionais, no que as compañeiras con máis responsabilidades en tenda reciben presións, algunhas delas chamadas ata as dez e media da noite do día anterior ao paro", conta. Con todo, a maioría de establecementos pecharon e os que non, os máis grandes, abriron en mínimos "a pesar de que a maioría do persoal secundou o paro". "Que non pechasen ten que ver con que hai moito eventual ou que acaba de empezar a traballar contratado nestas datas", engade. 

Porque as dependentas do sector téxtil volven reivindicar a mobilización como clave para as melloras laborais. Como fixeran na negociación do convenio ou con Inditex, cando hai tres anos a protesta acabou cunha suba de case 5.000 euros anuais de salario para as súas traballadoras. Tamén noutros puntos de Galicia. 

"Estamos preocupadas porque non nos fiamos; pode que algunha provincia saíse beneficiada dun convenio estatal, pero aquí suporía ir moito cara atrás e empeorar moitísimo as nosas condicións", explica unha dependenta da Coruña. 

Mobilización de dependentas do sector téxtil na Coruña durante a folga CC-BY-NC-SA CIG

En Pontevedra, o convenio leva máis dun ano caducado e traballadoras e sindicatos acusan a patronal de ir adiando a súa sinatura á espera de que un convenio estatal se impoña sobre o da provincia. "Ese acordo estatal que negocian ten moitas cousas que nos prexudican respecto ao noso, quérennos rebaixar as nosas condicións laborais e é unha vergonza", explica unha dependenta dunha tenda en Vigo, onde a protesta do pasado mércores tivo lugar fronte ao MARCO.   

O próximo obxectivo do persoal mobilizado é que as patronais provinciais asinen un acordo marco galego que blinde as súas condicións

Segundo explican CIG e UGT, o convenio que se estaba a negociar, antes das novas propostas levadas a cabo por CCOO, contemplaba "salarios máis baixos (entre 2.000 e 3.000 euros anuais menos respecto do provincial da Coruña, por exemplo), a eliminación de calquera concepto retributivo ligado á antigüidade e á permanencia, a redución das licenzas, supresión da voluntariedade do traballo nos domingos e festivos, maior flexibilización nos calendarios e horarios ou mesmo o recorte do complemento que se percibe nas situacións de incapacidade temporal, que na Coruña está recoñecido no 100% da cobertura".

Logo de que a patronal aceptase unha das condicións inescusables de CIG e UGT, o próximo obxectivo que se marcan os sindicatos é o de lograr que as patronais provinciais asinen un acordo marco galego, un pacto interprofesional de ámbito autonómico que blinde e iguale as condicións e recoñeza a prioridade dos convenios provinciais no país. 

Por iso, a central nacionalista xa solicitou a través do Consello Galego de Relacións Laborais unha xuntanza coa representación das patronais para a consecución deste acordo marco. Se non se dese, advirten, as dependentas volverán á rúa. "Para demostrar que non imos permitir nin a máis mínima perda nas nosas condicións laborais", advirten. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.