As traballadoras de limpeza de Correos en Galicia, en folga desde o 4 de setembro contra os impagos da concesionaria da empresa estatal; as súas compañeiras en Lugo, que suman máis de dous meses en loita tamén contra a precariedade e por un convenio digno; as limpadoras en Pontevedra, que anunciaron un paro para o día 24; as dependentas de Perfumerías Arenal, que volven ser convocadas a parar o 5 de xaneiro na súa loita por soldos decentes que superen o salario mínimo (SMI); as caixeiras que pararon nos supermercados durante o verán; ou o persoal do primeiro ciclo de Educación Infantil, mobilizado por melloras das condicións laborais e que acumulan no que vai de ano seis xornadas de folga.
Son só algúns exemplos das últimas mobilizacións laborais e folgas en sectores ocupados moi maioritariamente por mulleres. Protestas moitas veces longas e sostidas no tempo, con paros indefinidos que duran meses nalgúns casos, en loita contra precarias condicións salariais e de traballo. Ou paros máis curtos, con mobilizacións de gran simbolismo, como as que lograron melloras importantes en importantes empresas do sector téxtil, como Inditex ou H&M, algunhas xa en 2021.
En 2021, o 55% do total de traballadores que secundaron folgas foron mulleres; en 2022 case a metade e en 2023, o 40%
Foi precisamente ese ano, 2021, tras o peor da pandemia da COVID, o que marcou un fito histórico, impulsado tamén polo paro feminista do 8M convocado por CIG e CUT. As mulleres lideraron as folgas desenvolvidas en Galicia durante aquel exercicio, superando o 55% do total de traballadores que secundaran algunha.
Case 9.300 mulleres participaron nalgunha folga aquel ano fronte aos 7.561 homes, segundo os datos do Ministerio de Traballo e Economía Social aos que tivo acceso Praza.gal. Unha tendencia que practicamente se mantivo o seguinte ano, en 2022, cando case o mesmo número de mulleres ca homes secundaron algún paro laboral: 10.114 traballadoras fronte a 10.670 traballadores.
Limpeza, comercio ou a educación infantil suman este ano numerosas folgas e protestas laborais, xusto nos sectores máis feminizados e precarizados
Neste 2023, con datos actualizados ata o pasado 11 de decembro, foron xa 9.118 as mulleres que fixeron folga nalgún momento, o 40% do total de persoal que secundou algún paro en Galicia, unha porcentaxe que pode aumentar tendo en conta as mobilizacións vixentes durante todo o mes de decembro e ata o final do ano que vén de rematar en profesións claramente feminizadas.
Se o peso feminino nas folgas non foi maior neste ano débese, en boa parte, á importancia dos paros que o metal levou a cabo en Galicia, un sector moi masculinizado e en loita por melloras de convenios que abranguen milleiros de empresas e operarios.
Nos tres últimos anos, das máis de 60.000 persoas que secundaron unha folga en Galicia, máis de 28.500 foron mulleres, case a metade do total (47,2%)
Así, no acumulado destes tres últimos anos, á espera dos datos definitivos de 2023, das máis de 60.000 persoas que secundaron unha folga, máis de 28.500 foron mulleres. Supoñen case a metade (47,2%) e a media de mulleres que participou en paros laborais supera as 9.500 ao ano fronte aos arredor de 10.600 homes, malia que en Galicia as traballadoras representan menos da metade da forza laboral, sobre o 49% dos traballadores afiliados á Seguridade Social.
Tamén sofren moita máis parcialidade —o 21% fronte ao 7,4% dos homes— e máis temporalidade, cun 21% fronte ao 15%. E seguen soportando unha fenda salarial que se acentuou en Galicia durante 2022, cando as mulleres cobraron uns 4.500 euros menos de media ao ano que os homes. Contra todo iso se rebelan tamén sectores claramente feminizados e precarizados onde, precisamente, adoitan coincidir xornadas curtas, contratacións temporais e salarios que, nalgúns casos, nin tan sequera alcanzan o SMI. Da limpeza ao comercio, pasando pola sanidade, onde as protestas laborais das enfermeiras son importantes tamén desde hai anos.
Neses baixos soldos está unha das claves que explica a crecente participación de mulleres en folgas e protestas laborais. As continuas subas do SMI nos últimos anos —case dun 50% desde 2018— provocou que as remuneracións nalgúns sectores moi precarizados quedasen por baixo dese salario mínimo debido a condicións antigas de convenios que agora loitan por renegociar. A importante inflación acumulada provoca aínda máis precariedade e unha maior resposta feminina en sectores como os de alimentación, limpeza ou comercio, onde as mulleres son clara maioría.
Moitas menos xornadas perdidas por folga
A situación é semellante no Estado. A falta de recompilar todos os datos de 2023, arredor do 58% do total de traballadores que participaron en folgas durante o ano foron mulleres, sete puntos máis que en 2022. En canto ás xornadas perdidas por folga, o 51% foron de mulleres, fronte ao 38% de 2022.
Nesta última estatística, o de xornadas non traballadas por folgas, en Galicia inflúe moito a elevada parcialidade no emprego feminino e, precisamente, nos sectores onde hai maior mobilización. Así, no que vai de 2023, o 32% destas xornadas perdidas por paros foron entre mulleres, fronte ao 36,6% de 2022. En 2021, malia que houbo máis mulleres que homes secundando folgas, pouco máis do 40% das xornadas non traballadas se correspondían con persoal feminino.