As traballadoras da limpeza en Galicia rebélanse contra a súa precariedade

Mobilización das traballadoras do sector da limpeza, este sábado en Lugo CC-BY-NC-ND CIG

Superados xa os vinte días de folga indefinida, as traballadoras da limpeza da provincia de Lugo manifestáronse este sábado na capital lucense, baixo unha intensa chuvia e un forte temporal, reclamando un novo e digno convenio que renove o vixente, sen actualizar desde hai anos. 

Con fregonas a modo de perruca nas súas cabezas, volveron reclamar unhas condicións decentes, tendo en conta que o seu é un dos convenios máis baixos de toda Galicia e que o soldo anual está por baixo do salario mínimo interprofesional (SMI). Nun servizo altamente feminizado e cunha elevada parcialidade, o que agrava aínda máis unha precariedade laboral que se estende nun sector da limpeza que, nesta altura, ten o persoal de Correos tamén en folga e acumula mobilizacións nas provincias de Ourense e Pontevedra, así como nos hospitais de Santiago ou na Xunta. 

Mobilización das traballadoras do sector da limpeza, este sábado en Lugo CC-BY-NC-ND CIG

As traballadoras da limpeza en Lugo cualifican de "lixo" e "indigna" a última oferta da patronal que, din, suporía "deixar o soldo por baixo do SMI"

O convenio que propón a patronal en Lugo, nunhas negociacións que lidera a asociación estatal ASPEL, "suporía deixar o salario por baixo do SMI". "Iso non o imos aceptar de ningunha maneira", aclara Asunción Castiñeira, da CIG-Servizos, sobre unhas negociacións que denuncian que están a ser paralizadas adrede polas empresas, que —advirten— utilizan as traballadoras para que lles suban os contratos de adxudicación mentres as administracións, principais contratistas do servizo, tampouco fan nada. 

Así, cualifican a última oferta da patronal de “lixo” e “indigna” e lembran que esta está composta, maioritariamente, por grupos empresariais con enormes beneficios con "patróns, alá dende o palco do Santiago Bernabeu (en referencia a Florentino Pérez, propietario de Clece), aos que non lles importan as familias da provincia de Lugo máis que para facerse cada vez máis ricos á costa da súa suor”.

A diagnose e a situación do sector da limpeza en Lugo valería tamén para as provincias de Pontevedra e Ourense, onde desde hai semanas que se mobilizan traballadoras ante a paralización da negociación dos convenios colectivos provinciais e tras a negativa da patronal unha suba salarial que como mínimo permita recuperar o poder adquisitivo perdido nos últimos anos pola suba do IPC. 

"A situación está complicada", resume Transi Fernández, secretaria nacional de CIG-Servizos, que advirte da insultante precariedade das condicións laborais e da "estratexia de paralización e tensión" por parte da patronal. "Hai mobilizacións en Lugo, Ourense e Pontevedra e axiña as haberá na Coruña porque agora toca renovar o convenio e tampouco hai acordo", aclara sobre unha situación das traballadoras da limpeza tan sabida como agochada. Tan precaria como asumida. 

"En Lugo e Ourense a loita é por non quedar por baixo do SMI e nas outras dúas provincias a situación é algo mellor, pero hai moitos casos nos que tampouco se chega ao salario mínimo", lembra quen insiste noutra característica común: a maioría das traballadoras traballan a tempo parcial, o que empeora as súas condicións. 

Mobilización das traballadoras do sector da limpeza, este sábado en Lugo CC-BY-NC-ND CIG

As traballadoras da limpeza en Correos levan dous meses en folga e dous de impagos: "É o que pasa cando se contratan empresas pirata"

No caso de Lugo, por exemplo, as limpadoras mobilizadas denuncian que levan cos soldos conxelados desde 2021, perdendo poder adquisitivo polo suba dos prezos e cuns salarios que quedaron hai tempo por baixo do SMI. Por iso advirten de que non van deter as mobilizacións, máis aínda cando, en folga e tras varias semanas sen ingresos, a patronal non as convocou a unha reunión ata o vindeiro día 10. "É unha vergonza", resumen. 

Se estas traballadoras acumulan xa tres semanas sen cobrar por estaren en folga, a situación é aínda peor entre as limpadoras de Correos en Galicia, nun conflito que vai máis alá xa do seu sector. Levan dous meses de paro e a empresa concesionaria —da que xa prescindiu a compañía estatal— aínda lles debe as mensualidades de xullo e agosto. "É o que ocorre cando se poñen condicións tan baixas e se acaban contratando empresas piratas", explica un persoal mobilizado que leva mesmo paralizou a saída de camións con correspondencia desde Compostela. 

O caso destras traballadores é semellante ao resto: traballando por horas e con soldos "precarios que apenas chegan ao salario mínimo". Denuncian que  Correos sacou unha licitación a un prezo tan baixo que non cobre nin as subas salariais do convenio colectivo e obrigou a unha adxudicación directa porque ninguén máis aspiraba á concesión e que acabou na empresa SCT, que iniciou xa demorando pagos e acabou por non abonar os soldos. E aínda non hai quen asuma o servizo nin quen lles pague o que se lles debe. 

Lourdes García, unha das traballadoras da limpeza en Correos, explica que a maioría delas traballan "a tempo parcial" e que son "minoría" as que xuntan unha xornada completa entre as varias empresas ou administracións que acosen a limpar. Unha limpadora, cun contrato de seis horas diarias, 25 anos de antigüidade e trienios, rolda os 900 euros ao mes. Quen careza de experiencia, non chega nin ao SMI, resume.

Mobilización de traballadoras da limpeza de Correos en Ourense CC-BY-SA CUT

"Polo xeral, as empresas de limpeza reciben unha cantidade máis que suficiente por hora, pero logo somos as traballadoras as que sufrimos os recortes e a precariedade; é evidente onde se fai o negocio", advirte Lourdes, que repara na "impotencia" que senten moitas das compañeiras e nas "bágoas e crises de ansiedade" que se puideron ver na última mobilización no CTA (Centro de Tratamento Automatizado) de Correos na Lavacolla, un dos espazos máis afectados pola insalubridade e falta de hixiene que provoca a folga que, no entanto, apoian a maioría de sindicatos da empresa postal. "Pasámolo mal pero seguiremos loitando", conta García. 

O persoal da limpeza dos hospitais en Santiago mobilízase ante os "incumprimentos" da concesionaria e advirte da "sobrecarga de traballo"

Tamén advirten de que seguirán mobilizándose, como fan desde hai semanas, as traballadoras da limpeza dos hospitais Clínico, Gil Casares e Provincial en Santiago. Neste caso, denuncian os continuos incumprimentos do convenio e dos acordos pactados por parte da concesionaria UTE-Ilunion, como as compensacións non pagadas dos traballos durante a pandemia da COVID, o pago da carreira profesional ou a convocatoria de prazas. 

Ademais, como no resto de casos, protestan tamén contra a "sobrecarga de traballo" e as condicións "precarias" dun persoal esgotado, como explica Irene García, traballadora na limpeza do CHUS e delegada de CCOO. "Non hai persoal suficiente, a empresa non cumpre co acordado e a xente está moi queimada", resume quen insiste na "precarización" dun sector que, di, vai a peor nos últimos anos. 

"Miña nai deixou este traballo hai 14 anos e daquela, con todo, as condicións eran mellores, con máis limpadoras por planta; agora hai situacións nas que levar a cabo o traballo en condicións é inviable", explica quen, con máis de 15 anos de experiencia acumulada e varios trienios, ten un soldo neto que supera escasamente os 1.200 euros sen os complementos dos domingos. No caso de empezar de cero, advirte, o salario pasa por moi pouco dos 1.000

"Ocorrerá como ocorre sempre neste sector: as empresas marcharán, quedarannos a deber e cando veña outra teremos que empezar de cero para reclamar os nosos dereitos e mellores condicións", engaden Irene que, como fan os sindicatos, advirte dos novos pregos de licitación para a limpeza dos hospitais, que suprime horas para realizar os mesmos traballos. 

Porque, como lembraban xa nas mobilizacións que levaron a cabo tras o peor da pandemia, os soldos no sector da limpeza apenas superan o SMI e a maioría das traballadoras ingresan anualmente entre 8.000 e 10.000 euros, resultado da suma de varios contratos, temporais e parciais maioritariamente. 

Agora, volven rebelarse e a esta vaga de mobilizacións no sector sumouse esta semana o persoal de limpeza da Xunta de Galicia, que se manifestou ante o edificio administrativo de San Caetano en Santiago denunciando os "incumprimentos" da empresa concesionaria privada Samaín, do grupo CLECE. 

Mobilización do persoal de limpeza nos hospitais de Santiago CC-BY-SA CUT

Neste caso, as traballadoras denuncian que a empresa segue sen dar cumprimento ao acordado en materia de carreira profesional, establecida para o persoal laboral e funcionario da Xunta, e "cuxa aplicación foi recoñecida para o persoal de limpeza en virtude dos acordos de equiparación salarial e social existentes desde o ano 2000", como recorda a CIG que neste e noutros casos alude aos problemas que creou a externalización dos servizos de limpeza en numerosos organismos públicos, especialmente para as condicións laborais do persoal, unha situación que mesmo cuestionou o Consello de Contas. 

No fondo, o eterno debate sobre a externalización de tantos servizos que, como no caso da limpeza, acaban en demasiadas ocasións implicados en conflitos laborais, precarización e mesmo impagos por parte das concesionarias. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.