As traballadoras da limpeza, en folga polas súas precarias condicións, empeoradas durante a pandemia que enriqueceu as empresas

Protesta do persoal da limpeza na porta de El Corte Inglés na Coruña © Esquerda Unida

O sector da limpeza é un dos máis precarios, marcado pola temporalidade, as duras condicións laborais e, sobre todo, polos baixos salarios e polo carácter parcial de boa parte dos contratos, que obriga a moitas traballadoras a encadear un gran número de empregos no mesmo día, en diferentes localizacións. É, ademais, un sector absolutamente feminizado, cun 95% de mulleres, que -segundo denuncian os sindicatos- sofren peores condicións que os seus compañeiros homes, a maioría con contratos a xornada completa e con mellores salarios. 

O sector da limpeza é un dos máis precarios e feminizados. A maioría das traballadoras ingresan anualmente entre 8.000 e 10.000 euros, resultado da suma de varios contratos

Os soldos apenas superan o Salario Mínimo Interprofesional e a maioría das traballadoras ingresan anualmente entre 8.000 e 10.000 euros, resultado da suma de varios contratos. "En moitos casos estas traballadoras para poder ter un salario minimamente digno teñen que comezar a súa xornada laboral as 6 da mañá e a rematan ás 20 ou 22 horas”, denunciaba hai uns días Paulo Rubido, de CIG-Servizos, explicando que “pasan o día traballando para bastantes empresas, tendo que realizar desprazamentos dunha a outra sen que ese tempo de desprazamento teña a consideración de retribuído”. 

A patronal propón a eliminación do dereito á xubilación parcial ou a supresión do dereito das traballadoras a tempo parcial a ampliar xornadas. A cambio, ofrecía unha conxelación do salarios no ano 2020 e un incremento do 0,8% no ano 2021

Debido a esta situación o persoal de limpeza da provincia da Coruña vén demandando dende hai tempo un novo convenio colectivo que mellore as súas condicións. Porén a patronal do sector amósase inamovible e mesmo ofrece un recorte dos dereitos destas traballadoras. Así, a patronal propón a eliminación do dereito á xubilación parcial no sector ou a supresión do dereito das traballadoras a tempo parcial a ampliar xornadas cando haxa vacantes ou postos libres no centro de traballo e na empresa. A cambio, ofrecía unha conxelación do salarios no ano 2020 e un incremento do 0,8% no ano 2021, unha proposta cualificada de "tomadura de pelo" pola CIG, que denuncia que “o único que queren é quitarnos dereitos a cambio de nada. Por eles volveriamos aos tempos da escravitude”. 

O paro sería continuado por dúas xornadas de folga consecutivas para os días 11 e 12 de maio

CIG, UGT e CCOO propoñían pactar primeiro os salarios do ano 2020, para despois continuar co resto da negociación do convenio, proposta que rexeitou a patronal, o que acabou provocando a convocatoria dunha xornada de folga de todo o persoal da limpeza da provincia da Coruña para este xoves, un paro que sería continuado por dúas xornadas de folga consecutivas para os días 11 e 12 de maio, advertindo os sindicatos de que “no caso de non ser atendidas as nosas reivindicacións, máis xornadas de folga haberá”.

Estas empresas están "entre os grandes beneficiados" da pandemia, debido "ao incremento de horas e facturación coas limpezas extra”, lembra Rubido

"Non respectan as regras de xogo, nin actúan cunha mínima lealdade na mesa de negociación e, sobre todo, non lle teñen respecto ningún ás traballadoras e traballadores”, denuncia Rubido, que chama a atención sobre o efecto da COVID no sector. A pandemia fixo necesario, por protocolos e seguridade, un incremento dos traballos de limpeza e desinfección en empresas e edificios públicos. Isto incrementou a esixencia para as traballadoras, a súa saturación e tamén os riscos aos que se expoñen. 

Mentres, ao persoal “que é quen está a poñer a cara e a saúde nesas desinfeccións, o que pretenden é quitarlle dereitos e conxelarlle o salario"

Porén, este sobreesforzo non levou a unha recompensa, senón que a pandemia está a ser utilizada pola patronal como argumento para non mellorar os salarios. Así, aínda que a COVID supuxo un golpe importante para varios sectores, que viron reducida a súa actividade, para as empresas de limpeza o efecto foi todo o contrario, incrementando os seus contratos e os seus ingresos. Estas empresas están "entre os grandes beneficiados" da pandemia, debido "ao incremento de horas e facturación coas desinfeccións e limpezas extra”, lembra Rubido. Mentres, ao persoal “que é quen está realmente a poñer a cara e a saúde nesas desinfeccións, o que pretenden é quitarlle dereitos e conxelarlle o salario", denuncia.

Protesta das traballadoras da limpeza na Praza de Lugo da Coruña © Esquerda Unida

Concentracións ante El Corte Inglés ou a Xunta

Nos días anteriores á folga os sindicatos denunciaron os "abusivos" servizos mínimos fixados pola Xunta nos edificios da administración autonómica, que chegan a ser do 100%

A folga está a rexistrar un seguimento do 50% na cidade de Compostela, segundo a CIG. Tanto en Santiago como na Coruña leváronse a cabo concentracións en varios centros de traballo, destacando as protestas ante as sedes de El Corte Inglés nas dúas cidades, ante o Parlamento ou as sedes da Xunta. Na Coruña as manifestantes marcharon por toda a cidade, concentrándose finalmente na Praza de María Pita; de igual xeito, pola tarde concentraranse no centro comercial de Marineda City.

Nos días anteriores á folga os sindicatos denunciaron os "abusivos" servizos mínimos fixados pola Xunta nos edificios da administración autonómica, que chegan a ser do 100%, imposibilitando o exercicio do paro. A este respecto Rubido sinalou que “as centrais sindicais somos perfectamente conscientes do que representa neste momento realizar unha convocatoria de folga nun servizo que é máis esencial que nunca, pero malia ter mantido xuntanzas abondo coa patronal para intentar desbloquear esta situación, foi imposible”. 

A Xunta “volve situarse do lado daqueles que gañan cartos e non queren distribuílos co seu persoal, que é que pon a cara e quen se viu afectado en moitos casos pola propia enfermidade", di a CIG

A CIG criticou tamén a actitude de boa parte das administración públicas, que contratan estes servizos de limpeza ás empresas denunciadas, explicando que contactaron con elas "para que presionaran á patronal para desbloquear a situación". Porén, "non amosaron ningún interese", asegura o sindicato.

As maiores críticas diríxense ao Goberno galego, que “volve situarse do lado dos poderosos, do lado dos empresarios, do lado daqueles que gañan cartos e non queren distribuílos co seu persoal, que é que pon a cara e quen se viu afectado en moitos casos pola propia enfermidade”, di a central.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.