Caras cotiás do machismo: tres mulleres relatan como impregna o seu día a día

Mobilización feminista en Vigo, nunha imaxe de arquivo CC-BY-NC-ND Galiza Contrainfo

As mulleres volven chegar ao 8 de marzo cargadas de razóns para protestar. Están convocadas manifestacións en vilas e cidades de toda Galicia. Este ano o lema do feminismo galego quere dirixir as miradas a un sector cunha incontestable maioría feminina e invisibilizado: ‘Sen coidados non hai vida. Mudando o sistema, derrubando o patriarcado’. As que seguen son as historias cotiás de tres mulleres relacionadas cos coidados e que reclaman igualdade de oportunidades:

Lorena Quintas. Allariz. Vende cadros a través de Internet

“Teño artrite. Desde pequena andei mal, desde os 15 anos ando nunha cadeira de rodas e desde hai sete non vexo”, explica Lorena Quintas, que ten como primeira demanda que as institucións “miren máis polas mulleres do rural”. Se pensa na súa contorna, acórdanlle “moitos” casos, “todos de mulleres”, con discapacidade física ou intelectual que “non interactúan coa sociedade”, sobre todo, cre, por falta de medios. 

Percibe unha triple discriminación na súa contorna: por ser muller, por vivir no rural e por ter discapacidade

Ela é de Allariz, aínda que agora vive nunha aldea de Xunqueira de Ambía, e considera que ao seu arredor é fácil atopar discriminación por ser muller e por vivir no rural. “Se lle metes a discapacidade, xa é a hecatombe”, protesta. Nalgúns casos parécelle que ás que cumpren os tres requisitos se lles trata “coma se foran bichos raros”. A algunhas, as familias “téñenas moi protexidas” e terminan por estar “illadas” e non saír da casa. “Iso case é un pecado”, opina.

O seu caso, di, é distinto porque os seus pais, a súa irmá e os seus amigos teñen coche. “Non todos temos as mesmas oportunidades”, lamenta.

Mobilización feminista en Ourense, nunha imaxe de arquivo de 2012 CC-BY-NC-SA Galiza Contrainfo

Nota que algunha xente lle fala coma se fose "unha nena pequena" e cre que as persoas con discapacidade padecen máis isto se son mulleres

Lorena estudou Ciencias Empresariais, pero hoxe pensa que tal vez tería sido mellor escoller outra carreira porque as empresas en Ourense adoitan ser pequenas e ela non atopou un traballo. Cre que as mulleres se ven máis “condicionadas” na busca dun emprego e a súa experiencia é que a discapacidade tamén supuxo unha barreira. “Xa o notei nas propias entrevistas”, indica e lembra que percibía a pouca disposición a contratala cando mencionaba que precisaba adaptar o seu posto. Na actualidade, á espera dun emprego por conta allea, vende a través de internet cadros que fai ela mesma. Aprendeu unha técnica con fío nunha actividade formativa da ONCE e converteuno na súa ocupación.

No seu relato aparece aínda un aspecto máis no que sente unha discriminación. “Fálanche coma se foses unha nena pequena”, di e refírese a casos de, por exemplo, persoal de coidados no fogar. “Eu creo que é máis aínda ás mulleres. Dáme esa sensación”, reflexiona. Este 8 de marzo está nas protestas en Ourense.

Patricia Estévez. O Porriño. Traballadora de Termocalor que denunciou acoso

“O problema comezou cando quedei embarazada da miña primeira filla”, lembra Patricia Estévez, unha traballadora de Termocalor que logrou, coa súa denuncia, que se lle impuxese unha multa de 20.000 euros a esta empresa viguesa por acoso laboral

Ao regresar da baixa por maternidade, trasladárona a traballar a “un medio almacén” que había nun corredor. “Empezou a ir moi mal cando pedín a redución de xornada”, indicou. Quería facer cinco horas pola mañá para ocuparse dos seus fillos, pero a empresa partiulle a xornada para que fixese tres horas pola mañá e dúas a última hora da tarde. O seu xefe, “un misóxino”, referíase a ela con expresións coma “esa chica”, “esa persoa”. "Non podía nin achegarme aos compañeiros”, relata, porque dicían que o xefe lles pedía posteriormente explicacións.

Patricia Estévez (no centro), tivo problemas na empresa ao quedar embarazada © CIG

Na actualidade, e pese a que a multa que a Inspección do Traballo lle impuxo á empresa por acoso foi ratificada polo Tribunal Supremo, a situación non se normalizou. “Tenme noutro despacho que fixo case especialmente para min, e puxo un sistema de aire acondicionado e a min púxomo, pero desconectouno”, explica.

Patricia Estévez opina que as mulleres sofren machismo "en todos os ámbitos e de todas as formas posibles" no seu traballo

Patricia Estévez pasou por máis empresas antes de traballar para Termocalor e cre que o machismo está moi espallado “en todos os ámbitos e de todas as formas posibles”. “Non é só que o haxa, é que o consentimos”, afirma e relata que “a todas” as súas amigas “lles pasou algo cos seus xefes por ser muller ou por ter fillos”, pero estas situacións non terminaron en denuncia por medo a perder o traballo como consecuencia. Ela decidiuse a seguir adiante porque a súa parella tiña un emprego e porque contaba co apoio da súa contorna.

As cousas están “algo mellor”, pero “non todo o mellor que deberían estar a estas alturas”, opina. “O máis urxente é a conciliación real”, reclama e destaca que “ningunha muller está tranquila” cando ten que faltar ao traballo se, por exemplo, un dos seus fillos se pon enfermo. Ata o momento en que un pai ou unha nai poidan avisar no seu posto de que precisan ausentarse para ocuparse dos nenos non haberá, ao seu xuízo, conciliación. Ela volve apoiar hoxe as manifestacións feministas e participa na de Vigo.

Mar Castrillón. Lugo. Traballadora do servizo de axuda no fogar

“E logo, es muller e non sabes coser?”, “ai, Deus, que corpiño tes!”, “lávame máis por aquí”. Estas son algunhas expresións que Mar Castrillón ou as súas compañeiras de traballo, auxiliares do servizo de axuda no fogar de Lugo, teñen escoitado nas súas xornadas laborais. “O machismo nesta profesión haino a todos os niveis”, recoñece.

Algúns usuarios dos servizos "intentan aproveitarse" e "todas" as coidadoras pasaron por que lles "metan man"

“Unha cachoada no cu ou que che metan man...iso nalgún momento dado tivémolo todas”, afirma. Entre os casos que lembra está o de un home que “era entrar pola porta e xa empezar con babosadas” do tipo “ai, Deus, que guapa me vés hoxe!”, “ai, Deus, que corpiño tes!”, “mira, agáchate aí...”. Chamábanlle a atención e ameazábano con retirarlle o servizo, pero “non lle importaba porque o collera obrigado”.

Unha coidadora, cunha persoa en cadeira de rodas Dominio Público Pixabay

Hai casos nos que os usuarios dos servizos “intentan aproveitarse”, afirma Mar Castrillón, que cre tamén que as traballadoras do sector están hoxe “máis concienciadas” e que “iso o soportaban máis antes”. Nestas situacións, explica, na súa empresa póñense medidas e, se non se atopa outra solución, terminan por enviar a eses servizos aos dous únicos homes cos que contan nun equipo dunhas 180 persoas. Algún caso “grave”, que prefire non relatar, chegou aos xulgados.

O traballo das coidadoras non está "nada valorado" socialmente. A  súa labor require tamén esforzos físicos e unha carga psicolóxica que tampouco están sempre recoñecidos

A principal queixa desta traballadora é que a súa labor non está “nada valorada”. “Creo que a xente non é consciente do traballo que facemos, da axuda que chegamos a aportar. Imaxina que todo o sector da axuda a domicilio parara. A xente non imaxina o problema que tería enriba”, protesta. É habitual, cita como exemplo do que se “denigra” o seu traballo, que se refiran a elas como “a chica da limpeza”. “Nós non somos limpadoras, somos coidadoras”, reivindica e recorda que esta é unha ocupación que require esforzos físicos e ten “moitísima carga psicolóxica” polas situacións que presencian.

Outro dos problemas do seu sector, agrega, é a falta de unión para facer forza nas súas demandas. Explica que hai diferencias de salarios entre distintas zonas de Galicia por facer o mesmo traballo e o convenio colectivo está sen revisar desde 2010. Neste momento hai protestas en Chantada “porque queren privatizar o servizo”. Mar Castrillón está este 8 de marzo nesta localidade para unirse ás mobilizacións. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.