Este domingo en Verín a manifestación unitaria do feminismo galego lembrou que o traballo de coidados segue a recaer de forma maioritaria sobre as mulleres. Un traballo invisible, non remunerado e non recoñecido que tamén realizan as mulleres con empregos fóra da casa. Aínda que nas últimas décadas incorporáronse masivamente ao mercado de traballo, o sostemento e organización do fogar continúa sobre os seus ombreiros.
"As causas están maioritariamente nas tarefas e coidados da familia e o fogar, que establecen ese patrón tan difícil de romper", sinala o estudo
Así o denuncia o estudo 'Mercado de traballo e coidados: a dobre xornada das mulleres galegas', que este luns presentou CC.OO., e que analiza a partir de datos estatítisticos a parte do traballo de coidados realizado polas traballadoras e como isto afecta á súa actividade remunerada e ao seu desenvolvemento profesional. E tamén á fenda laboral de xénero, que se mantén no 22,6%, como subliñaba un informe de UGT hai uns días.
"As mulleres levan as de perder na fenda salarial porque os seus traballos son peor remunerados e contabilizan menos horas", sinala o estudo, que fai fincapé en primeiro lugar na elevada porcentaxe de mulleres que teñen empregos a tempo parcial.
Máis do 97% das persoas que asumen traballar en xornada parcial por coidado de menores ou de adultos enfermos, incapacitados ou maiores son mulleres
As xornadas parciais están ocupadas maioritariamente por mulleres (acumulan o 75% deste tipo de empregos). E, ademais, estas xornadas medraron para as mulleres en máis de 5,5 puntos porcentuais nos últimos anos. O sindicato subliña que "a xornada parcial non adoita ser elección da persoa traballadora e devén en situacións de precariedade laboral porque lastra o salario e empobrece as persoas e as súas familias".
"As causas están maioritariamente nas tarefas e coidados da familia e o fogar, que establecen ese patrón tan difícil de romper, no cal elas teñen que asumir esas tarefas e coidados reducindo a súa xornada laboral ou traballando a xornada parcial, e tamén as sitúan na imposibilidade de atopar un traballo a xornada completa", explica o estudo.
Os datos falan por si sós: máis do 97% das persoas que asumen traballar en xornada parcial por coidado de menores ou de adultos enfermos, incapacitados ou maiores son mulleres. Tamén na categoría de 'outras obrigas familiares ou persoais' atopamos que as mulleres con xornada parcial por esta razón ascenden a un total de 10.900, fronte a só 1.900 homes.
Máis do 92% das excedencias laborais para o coidado de menores foron solicitadas por mulleres
Así mesmo, máis do 92% das excedencias laborais para o coidado de menores foron solicitadas por mulleres. Neste senso, CC.OO. apunta con preocupación que "a comparación interanual non resulta positiva, pois entre 2013 e 2015 semellaba descender a porcentaxe de mulleres fronte á medra que experimentaban os homes, pero nos últimos dous anos asistimos outra volta ao aumento das cifras femininas de excedencias por coidado de fillas/os". CC.OO. lembra que "este tipo de excedencias contribúen á fenda nas pensións ao tempo que repercuten na posibilidade de ascensos ou promocións, por quedar completamente fóra do eido laboral a persoa que se acolle a elas".
De igual xeito, a gran maioría das persoas que non están en situación activa en Galicia son mulleres, ao redor do 75%. As mulleres que se atopaban en situación de inactividade por coidado de persoas enfermas, discapacitadas, maiores ou menores ascenderon a 32.700, mentres que os homes nesa mesma situación só foron 4.500.
A taxa de paro para as mulleres con estudos superiores foi no 2019 de arredor do 10%, fronte ao 7% dos homes con estudos superiores
Finalmente, o estudo salienta que "as cifras de paro tamén afectan máis ás mulleres", con 79.500 mulleres paradas a finais do 2019 fronte a 66.200 homes en paro, cunha taxa de paro feminina do 13,3% fronte a unha masculina do 10,3%. Ademais, a taxa de paro para as mulleres con estudos superiores foi no 2019 de arredor do 10%, fronte ao 7% dos homes con estudos superiores.
CC.OO. reclama a "aplicación real da corresponsabilidade" e facer fincapé "na erradicación das diferenzas que levan á dobre xornada das traballadoras galegas e á fenda salarial"
"Estes datos amosan a necesidade de reorganizar o mercado de traballo galego para que sexa equitativo coas mulleres", sinala o sindicato, que afirma que o mercado laboral galego "está aínda moi nesgado polos roles tradicionais de xénero, no cal os empregos a tempo completo e con mellores salarios se atopan nas ocupacións máis masculinizadas, mentres que o espazo reservado para as mulleres segue a ser o dos coidados".
"Hai que seguir loitando e vixiando para que se aplique a normativa que pretende reducir esas discriminacións, dándolle especial pulo á aplicación real da corresponsabilidade e facendo fincapé na erradicación das diferenzas que levan á dobre xornada das traballadoras galegas e á fenda salarial", conclúe o estudo de CC.OO.