Fixérono de novo. O feminismo galego volveu reunir nunha manifestación masiva a milleiros de mulleres que, chegadas dende todo o país, encheron as rúas de Verín. Foi o primeiro acto dunha semana de mobilización que levará, o vindeiro domingo, ás protestas convocadas en todas as cidades e vilas polo 8M. 'Sen coidados non hai vida' era o lema da marcha, que nesta ocasión fixo fincapé nestes traballos, realizados maioritariamente por mulleres, moitas veces sen recoñecemento ningún e case sempre de forma "invisible".
Foi o primeiro acto dunha semana de mobilización que levará, o vindeiro domingo, ás protestas convocadas en todas as cidades e vilas polo 8M
"A meirande parte do traballo dos coidados realízase sen remuneración ningunha, pese a que a gratuidade do seu labor aforra custes de saúde, coidado de crianzas, do fogar, das persoas con dependencia, da labranza das terras", destacaba ao comezo da marcha Galegas 8M, convocante da manifestación unitaria do feminismo galego. "E cando estes traballos son remunerados, realízanse en condicións de precariedade e son infravalorados tanto social como economicamente", engadían, subliñando que o obxectivo da mobilización era "sacar á rúa o que fica oculto nas nosas casas, esixindo responsabilidade social e colectiva no coidado do territorio e do medio ambiente, esixindo tamén que se recoñezan os coidados como un ben social non valorado".
Houbo máis de 6.000 persoas, segundo a Policía Local, 8.000 segundo a organización
Máis de 6.000 persoas, segundo a Policía Local, 8.000 segundo a organización. Independentemente da cifra final, o éxito semella evidente. "O éxito foi rotundo. Estamos moi contentas", sinalan dende Galegas 8M, que destacan que "o visto hoxe fainos ser moi optimistas de cara ás manifestacións do vindeiro domingo. Cada ano cada vez hai máis persoas involucradas no feminismo".
Estivo moi presente a reivindicación do feminismo na Galicia rural: "se as labregas non plantan, a cidade non xanta".
A escolla de Verín non fora casual. A vila ourensá foi escenario nos últimos meses dunha intensa mobilización da veciñanza en contra do peche da súa sala de partos. A mobilización tivo éxito e forzou á Xunta da dar marcha atrás na medida, un triunfo celebrado na manifestación deste domingo, na que se fixo fincapé en que "estaremos vixiantes, porque o que aconteceu en Verín pode repetirse en calquera outra zona do país" e na que se subliñou a "loita exemplar que desempeñaron as compañeiras de Verín fronte á privatización e precarización dos servizos públicos de saúde".
A cidadanía de Verín respondeu, o mesmo que as mulleres do resto do país. "Era a primeira vez que esta manifestación nacional se convocaba fóra dunha cidade e tiñamos certo medo, porque esta non deixa de ser unha vila pequena", destaca Puri (Galegas 8M), que engade que "estamos moi agradecidas a todas as mulleres que se desprazaron dende toda Galicia".
"Era a primeira vez que esta manifestación nacional se convocaba fóra dunha cidade e tiñamos certo medo, porque esta non deixa de ser unha vila pequena"
A mobilización polo paridoiro de Verín e pola defensa da sanidade pública e dos servizos públicos nas zonas rurais e nas vilas estivo moi presente na marcha, en faixas e berros, e tamén no manifesto final. Tamén o estivo a reivindicación do feminismo na Galicia rural, con presenza de tractores e de carteis alusivos, dende "desbrozando o patriarcado" a un recordo ao papel fundamental da agricultura e a gandaría (e das labregas e gandeiras) para o sostemento da sociedade: "se as labregas non plantan, a cidade non xanta". "No ámbito dos coidados a muller rural é un referente: coidan da terra, coidan dos seus e de todo", destaca Puri, de Galegas 8M.
Houbo tamén numerosas alusións críticas ao Partido Popular e ao propio Alberto Núñez Feijóo, que no momento en que se desenvolvía a manifestación interviña nun mitin en Ourense
Esta fin de semana, no marco do Encontro Anual da Secretaría de Mulleres do SLG, o sindicato lembrou "o fracaso na aplicación da Lei de Titularidade Compartida", vixente dende o ano 2012 para que todas aquelas mulleres que traballan na granxa familiar, sen constar como profesionais, se dean de alta como cotitulares para que lles sexan recoñecidos os seus dereitos laborais. "A pesar de ter pasado oito anos dende a súa entrada en vigor, só 18 mulleres se fixeron cotitulares na Galicia, cando dende o Ministerio de Agricultura estimaban que 35.000 galegas se podían beneficiar da medida", subliña o SLG.
Houbo tamén numerosas alusións críticas ao Partido Popular e ao propio Alberto Núñez Feijóo, que no momento en que se desenvolvía a manifestación interviña nun mitin en Ourense, a uns 70 quilómetros de distancia, acompañado por Pablo Casado e Mariano Rajoy. Na manifestación de Verín puido verse, ademais, aos candidatos e candidatas de todas as forzas da oposición progresista, que subliñaron deste xeito o seu apoio á reivindicación feminista.
Entre os berros que se escoitaron na marcha destacou por riba de todos o "Verín non se pecha"
Xa na Praza Maior de Verín, onde rematou a marcha, leuse o manifesto final, redactado de forma conxunta por todas as organizacións e colectivos que compoñen Galegas 8M. A súa lectura correspondeu a Cristina Huete (xornalista), Susana Bueriberi May (verinesa dedicada aos coidados e que participou activamente na defensa do paritorio), Daniela Ferrández (activista trans e feminista) e Rosana Méndez (enfermeira do Hospital de Verín).
Foi na Praza Maior onde mellor puido verse a dimensión da mobilización que tivo lugar este domingo. O espazo cubriuse das cores lilas que vestían boa parte das participantes na marcha e resoou con son dos tambores e o berros nas manifestantes, entre os que destacou por riba de todos o "Verín non se pecha".