Coa vista posta nas mobilizacións do 8 de marzo, o sindicato UGT vén de realizar un estudo sobre as diferenzas de xénero nos salarios que cobran as traballadoras e traballadores en Galicia. Unha fenda salarial que se sitúa no 22,6% nos últimos datos dispoñibles, correspondentes ao ano 2017 e que durante os peores anos da crise se moveu entre o 20,9% e o 24,2%.
As traballadoras galegas cobran cada ano 5.488 euros menos que os traballadores varóns
Iso significa unha diferenza de máis de cinco mil euros cada ano (5.488,11), comparando o salario medio que cobran homes e mulleres no noso país. Esa cifra é a máis elevada das rexistradas dende o ano 2010. Se contabilizamos a fenda salarial de forma completa, atopamos que "as mulleres en Galicia deixaron de percibir 2.752 millóns de euros no ano 2017", explica UGT. "E isto deixando á marxe o que supoñería o traballo non retribuído das mulleres que se desempeña dentro do ámbito familiar coidando menores, persoas dependentes e realizando as tarefas do fogar, no que non entrarían só as mulleres ocupadas", engade o sindicato.
As mulleres galegas cobran cada hora dous euros menos que os traballadores varóns, 12,63 fronte a 14,65 euros
Mentres que no salario base a diferenza entre homes e mulleres é do 20,9%, a fenda é moi superior nos complementos salariais, chegando ao 27,8%. "Actuando sobre estes poderíase reducir en boa medida a desigualdade nos salarios entre homes e mulleres, e máis tendo en conta que moitas veces estes complementos non se basean en cuestións obxectivas nin cuantificables, polo que esconden tras de si discriminacións directas", reclama UGT.
No salario por hora a fenda salarial no Estado Español sitúase no 15,1%, algo por debaixo da media da UE (16%), o que implica que as traballadoras españolas realizan a súa actividade sen cobrar desde o 5 de novembro ata final de ano, en comparación co que fan os varóns. As mulleres galegas cobran cada hora dous euros menos que os traballadores varóns, 12,63 fronte a 14,65 euros. Tan só as canarias e as murcianas cobran menos que as galegas cada hora que traballan.
A fenda salarial é moi superior no sector privado (26,8%) que no sector público (5,9%). Porén, tanto por grupos de idade como por formación, as diferenzas entre homes e mulleres son grandes en todos os niveis. A menor fenda salarial dáse nas persoas entre 35 e 44 anos (19%), pero esta crece tanto nas xeracións máis novas (22,9%) e nas persoas de máis de 55 anos (22%) e sobre todo no grupo de idade entre 45 e 54 anos (24,3%).
As maiores diferenzas danse nos traballadores e traballadoras con estudos Primarios (37,2%)
En canto á formación, as maiores diferenzas danse nos traballadores e traballadoras con estudos Primarios (37,2%) e vai reducíndose nas persoas con estudos secundarios (25%) e máis aínda nas persoas con estudos universitarios (18,9%).
Analizando os salarios medios de homes en mulleres en función do seu nivel de formación, vemos como os traballadores varóns con estudos Primarios gañan máis (18.448,46 euros ao ano) que as traballadoras que cursaron o Bacharelato (16.285,84 euros ao ano). Temos que chegar ata as traballadoras con diplomaturas universitarias para atopar un salario maior (22.217,96 euros) que o que perciben os homes con formación básica.
UGT pide unha Lei de igualdade salarial, dotar dos medios suficientes á Inspección, actuar no eido da negociación colectiva e seguir incidindo na mellora do SMI
As fendas salariais que homes e mulleres arrastran durante toda a súa vida laboral chegan ata as pensións que cobran cando se xubilan, que son un 36% superiores no caso dos varóns. A marxe relativa mesmo aumentou dende o ano 2000 (33% de diferenza), aínda que chegou a ser do 38% entre os anos 2014 e 2016. Esta diferenza cífrase en máis de 400 euros entre as pensións medias que perciben os homes (1.128,88) e as mulleres galegas (718,65) cando se xubilan dos seus empregos.
Ante esta realidade UGT-Galicia reclama que "hai que seguir avanzando en materia lexislativa para rachar dunha vez por todas con esta lacra" e reitera a súa demanda dunha Lei de igualdade salarial. Pide tamén dotar dos medios suficientes á Inspección "para que actúe neste ámbito de xeito incisivo", actuar no eido da negociación colectiva, seguir incidindo na mellora do SMI, "que actúa directamente dun xeito positivo para acurtar a brecha".