Teito de cristal ou chan pegañento? Os obstáculos das mulleres para acceder a espazos de poder

Esta imaxe segue a ser habitual: unha xuntanza de alto nivel coa presenza unicamente de homes. Na foto, encontro entre o vicepresidente Rueda e empresarios no Club Financiero da Coruña © Xunta

Un dos conceptos que máis se repite en relación coa desigualdade que as mulleres sofren no mundo laboral é o dos teitos de cristal: limitacións non explícitas (non fixadas en normas, en prohibicións) que dificultan o ascenso e a ocupación de postos de responsabilidade. E todo a pesar de que estas traballadoras conten cunha formación e competencia neses ámbitos igual ou superior á dos seus compañeiros varóns. 

As explicacións para estes teitos de cristal (glass ceiling barriers na súa forma orixinal en inglés, aparecida no Wall Street Journal en 1986) suxiren que a importancia da previa ocupación destes espazos de poder por parte de varóns (que beneficiarían o ascenso doutros homes), pero sobre todo destacan o impacto negativo xerado pola maternidade e as dobres ou triplas xornadas realizadas polas mulleres, que deben ocuparse tamén da maior parte das tarefas de coidados e traballo doméstico cando viven en parella cun home, e ocuparse das persoas dependentes (nenos/as, maiores e enfermos/as).

Algunha vez estes teitos de cristal foron reformulados como solos pegañentos, definindo todos aqueles factores que manteñen a moitas mulleres atrapadas na base da pirámide económica. A precariedade laboral afecta en moita maior medida ás traballadoras. Pero as fendas de xénero prexudican tamén ás mulleres cunha mellor situación laboral, que atopan grandes obstáculos para chegar ás cimas das súas profesións. Por exemplo, ás Catedras no mundo universitario, aos Consellos de Administración das grandes empresas, ás Alcaldías no mundo da política ou a certos postos no sector da Xustiza.

 

Só 38 alcaldesas elixidas en 2015

En maio celébranse eleccións municipais. Ás espera de que se pechen as candidaturas que competirán por renovar as Alcaldías e plenos, podemos lembrar os datos das corporacións saídas dos comicios de 2015. A Lei Orgánica 3/2007 para a igualdade efectiva de mulleres e homes, chamada tamén Lei de Igualdade, determina a presenza equilibrada de homes e mulleres nas listas electorais, movéndose un e outro sexo entre o 40% e o 60% en toda a lista e en cada treito de cinco persoas.

Porén, a lei non fixa límites sobre o xénero das persoas que encabezan as listas ou sobre as que ocuparán finalmente as alcaldías. E así, hai catro anos foron elixidas en Galicia 38 alcaldesas e 276 alcaldes. E, de feito, 4 de cada 5 candidatos á Alcaldía eran homes. Cómpre salientar que esas 38 alcaldesas (apenas o 12%) constituíron un récord en Galicia, cun gran aumento dende as 24 de 2011 ou as 14 de 2003. A porcentaxe galega é unha das máis baixas do Estado e está moi lonxe da media española (19%), con datos encabezados por Murcia (33%), Euskadi (25%), Madrid (24%), Asturias e Andalucía (23%). De feito, a cifra de alcaldesas en Galicia só é superior á de Cantabria (11%).

Un 22% de catedráticas

Nas univesrsidades galegas hai xa varias décadas que as mulleres son maioría entre as estudantes. Porén, seguen a haber máis profesores que profesoras, unha diferenza que crece a medida que aumenta a categoría dos docentes. Así, entre o profesorado axudante dáse practicamente unha situación de paridade (50,4%-49,6%), no profesorado titular as mulleres son só 41,5% e hai apenas un 22,8% de catedráticas. Na última década a diferenza entre homes e mulleres no profesorado das tres universidades galegas diminuíu moi timidamente.

Moitas máis xuízas, pero non nos tribunais superiores 

En Galicia o número de xuízas (200) é moi superior ao de xuíces (143) e semella que esta diferenza en favor das mulleres continuará a aumentar nos vindeiros anos, tendo en conta que un gran número de maxistrados varóns está a piques de xubilarse (34 teñen máis de 60 anos, fronte a 12 mulleres que superan esa idade) e que entre os xuíces que teñen menos de 40 anos hai 56 mulleres e 16 homes.

Porén, os varóns seguen a ocupar a maior parte das prazas nalgunhas instancias e tribunais de grande importancia, como o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (28 homes, 12 mulleres) ou as Audiencias Provinciais (35 a 25). Mentres, nos xulgados de primeira instancia, a maioría feminina é clara (56 a 16). 

O mesmo pasa no conxunto de España: as mulleres son maioría (un 53.2% de xuízas), pero só ocupan o 14,5% dos postos no Tribunal Supremo ou o 38,5% na Audiencia Nacional. E, igualmente, a media de idade das maxistradas é moito máis baixa que a dos seus compañeiros varóns. Veremos nos vindeiros anos se tamén aquí se reproduce o esquema dos teitos de cristal.

Clara minoría nas grandes empresas

A desigualdade é aínda maior nos consellos de administración das grandes empresas. No conxunto das compañías que forman parte do IBEX-35 a porcentaxe de mulleres é do 23,7%. E no total de empresas que cotizan na bolsa española a proporción é aínda inferior, un 18,5%. 

En Galicia a situación é semellante. Se observamos a distribución dos consellos de administración das empresas galegas con maior facturación, a presenza de mulleres móvese por debaixo dun terzo. Así, en Inditex son 3 de 9, en Abanca 3 de 10, en Coren 2 de 9, en Jealsa 2 de 7, a mesma proporción que en Froiz. En Pescanova hai tan só 1 muller nun consello de administración formado por 10 persoas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.