No día da corresponsabilidade

En todas as sociedades, cando se examina a distribución das tarefas entre mulleres e homes, vese que aquelas destinadas aos homes son as mais valoradas. Tamén é común que, malia que as tarefas masculinas non ocupen todo o seu tempo, os varóns se neguen a realizar practicamente todas as tarefas asignadas ás mulleres. Historicamente os homes se teñen oposto a que as mulleres realicemos os traballos de alto nivel deles ao tempo que se teñen negado a asumir os de baixo nivel que realizaban as mulleres.

Historicamente os homes se teñen oposto a que as mulleres realicemos os traballos de alto nivel deles ao tempo que se teñen negado a asumir os de baixo nivel que realizaban as mulleres

A feminización dos traballos marcados como masculinos conleva a perda do seu valor para atribuír autoridade e viceversa. As enquisas do uso do tempo mostran que a masiva incorporación das mulleres ao emprego asalariado non está modificando os roles de xénero ao interior da familia, dentro do modelo de familia burguesa que é o mais estendido.

Aínda que incorporadas de xeito importante ao rol produtivo no ámbito público, no privado as mulleres conservamos o rol maternal. Somos a educadora, a que forma “corazón e espírito” das criaturas...  función sublimada ao tempo que desvalorizada; e tamén somos a coidadora, encargada das tarefas domésticas, do sobremantemento do fogar. Un rol reprodutivo secundarizado que se corresponde cun status secundarizado, cunha forte compoñente cultural que socializa ás mulleres na abnegación.

Cando reclamamos a elaboración da conta satélite de produción doméstica, é porque queremos dar valor económico a ese traballo nunha sociedade na que só se valora o que ten prezo. Pero non estamos propoñendo só un cambio de status do rol de coidadora, reclamamos sobre todo a corresponsabilidade, o reparto equilibrado do labor reprodutivo. Un cambio imprescindible hoxe porque o empobrecemento que está a causar a crise e o desmantelamento do Estado do Benestar coa privatización de servizos de coidado, desequilibrará máis o costo de oportunidade para acceder ao emprego das mulleres. Córrese o risco de que se reforce a marca de xénero do rol reprodutivo.

Os homes que reclaman a custodia compartida durante ou alén da vida en parella, están reclamando para eles ese rol reprodutivo, polo menos no espazo simbólico; e están, ao tempo que o converten nun rol masculino, valorizando ese traballo

Os homes que reclaman a custodia compartida durante ou alén da vida en parella, están reclamando para eles ese rol reprodutivo, polo menos no espazo simbólico; e están, ao tempo que o converten nun rol masculino, valorizando ese traballo. O discurso contrario á custodia compartida que argumenta que as mulleres estamos mais dotadas ou mais dispostas para asumir o rol reprodutivo, poida que cuestione o status secundario ligado a ese rol, pero non cuestiona a marca de xénero da crianza e o coidado e, por tanto, é un discurso que promove a reprodución social, e resulta un obstáculo para o cambio social. Ao salario da ama de casa, as pensións de viuvez e a custodia en exclusiva para as mulleres, prefiro por mais xustas a reclamación dun emprego digno, unha pensión contributiva (ou renda básica sen xénero) e a corresponsabilidade no coidado.

Así que no día da corresponsabilidade (antes chamado do pai) hai que dar os parabéns a eses homes que coidan en igualdade e pelexan contra un rol de xénero que os marca para outra cousa, aínda que sexa perdendo algún dos seus privilexios.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.