"Desbordamos as nosas propias previsións, foi emocionante". "Impresionante, rachamos as expectativas,". "Espectacular, agora si podemos dicir que a nosa mensaxe callou na cidadanía". Son tres frases de tres activistas feministas implicadas e que forman parte do impulso das mobilizacións que este pasado 8M volveron rebordar vilas e cidades de Galicia pola igualdade e contra o machismo.
"Desbordamos as previsións, foi emocionante". "Rachamos as expectativas". "Agora si podemos dicir que a nosa mensaxe callou na cidadanía", tres activistas do feminismo fan balance do 8M
Pilar Estévez, Erea Blanco e María Montenegro, militantes feministas e participantes na asemblea aberta Galegas 8M, organizadora das marchas e manifestacións, fan balance aínda "emocionadas" tras a xornada vivida este venres e conscientes de que é xa "un punto de inflexión". Repetir e mesmo superar o éxito do pasado ano supón, para todas elas, a confirmación de que a mensaxe callou, de que "o cambio social quedou e xa é obvio" e de que calquera partido político "que non queira quedar atrás" deberá contar para sempre coa forza e as reivindicacións feministas.
"Teño aínda as imaxes de enormes caras de satisfacción en moitos lugares, de mulleres e xente moi diversa, dunha grande forza", di Estévez, que recoñece que as masivas marchas "desbordaron as previsións". "O ano pasado contabamos co factor mediático a favor, que desta vez non tivemos, e co factor sorpresa, pero a mobilización volveu rebordar, como a emoción", explica.
A súa opinión coincide coa de Erea Blanco, "sorprendida" pola enorme resposta que se deu en toda Galicia e que destaca o feito de que na Coruña, onde os dous últimos anos fora festivo, a marcha fose aínda máis concorrida nun día laborable. "Estabamos á expectativa pero foi incrible, aínda que na primeira quenda nocturna da folga xa houbo indicios de que a xornada podía ser un éxito", explica, quen advirte tamén de que o impacto laboral da folga é "cada vez maior", sobre todo en sectores moi feminizados.
"Cada día máis xente se decata da necesidade de mobilizarse e saír á rúa; callou a nosa mensaxe"
Para María Montenegro, que participou nas mobilizacións no Val Miñor e na gran marcha de Vigo, o balance é "espectacular", xa non só "polo que ocorreu nas vilas e nas cidades, senón tamén en lugares máis pequenos", ademais de pola maior incidencia da folga laboral e pola unión de máis sindicatos á convocatoria de paros de 24 horas.
"Iso é moi interesante porque demostra que cada día máis xente se decata da necesidade de mobilizarse e saír á rúa; callou a nosa mensaxe, que por fin deixou de ser visto como algo sectaria ou mesmo de tolas para pasar a ser algo normal, transversal e que todo o mundo ten na súa mente", explica quen quere sinalar tamén o "éxito" que supón a organización. "Galegas 8M demóstranos ata onde podemos chegar a base de consensos e como de espectacularmente organizamos as cousas as mulleres", engade.
Respecto da mensaxe e das posibles consecuencias políticas da confirmación desta revolta feminista, Pilar Estévez teno claro: "Se hai algunha fenda pola que se poida modificar parte do que estamos a vivir, mesmo no mundo, será a da forza de todas as mulleres, a forza imparable do feminismo". Para esta activista, o máis satisfactorio é ver como o movemento "segue a saír á rúa contra todo, contra os insultos e os intentos de manipulación".
"Se hai algunha fenda pola que se poida modificar parte do que estamos a vivir, será a da forza de todas as mulleres, a forza imparable do feminismo"
Respecto á influencia da mobilización feminista nas vindeiras citas electorais, Estévez ten claro que son "importantísimas" porque a mensaxe é que "os dereitos das mulleres no só teñen que seguir avanzando e medrar, senón que non se poder dar nin un paso atrás". "Esta é unha forza que deben ter en conta no discurso poítico, que teñen que escoitar; se non o fan, cometerán un grave erro", engade.
Para Erea Blanco, a mensaxe quedou clara: "Buscamos unha igualdade e visibilidade xusta, onde os coidados, o consumo e o traballo sexan de todos". "Debemos estar no centro da axenda política e, de cara ás eleccións, isto debería marcar un punto de inflexión contra as políticas fascistas e misóxinas", engade unha muller que advirte aos partidos "que non atendan as demandas históricas do feminismo": "Ides quedar atrás".
"Os cambios políticos serán máis lentos, pero para levar a cabo estas mudanzas precísase antes un cambio social que xa é obvio; agora é a política quen debe poñer o feminismo no centro do debate"
Por último, María Montenegro destaca que a xornada do 8M demostrou que a mobilización "xa non é puntual". "Os cambios políticos serán máis lentos, pero para levar a cabo estas mudanzas precísase antes un cambio social que xa é obvio; agora é a política quen debe poñer o feminismo enriba da mesa, no centro do debate e contar coas mulleres e as súas demandas", explica. E advirte, ademais, que o movemento "non se vai deixar levar por catro palabras bonitas". "Feminismo radical? Pois claro, porque queremos acabar coa raíz do problema e agora temos o apoio da sociedade; o cambio social terá que plasmarse na política", remata.