Folga feminista "por todas as mulleres, por todos os dereitos"

Participantes na manifestación feminista unitaria do 3 de marzo en Lugo CC-BY-NC-SA Galiza Contrainfo
  • Comeza a lectura do manifesto na Coruña mentres en Vigo a manifestación continúa percorrendo as rúas, ao igual que en Compostela. Todas as marchas contaron cunha masiva presenza de persoas nun ambiente festivo e reivindicativo.

    Manifestación feminista na Coruña CC-BY-SA Praza Pública
  • As rúas de Lugo tamén rebordan neste 8M. Milleiros de persoas percorren a cidade camiño da Praza de Santa María 

    Manifestación feminista en Lugo CC-BY-NC-SA CIG
  • Rúas cheas en Vigo, noutra multitudinaria manifestación que volve ateigar as rúas da cidade olívica. "Por todas as mulleres, por todos os dereitos. Revolta feminista", reza a pancarta da cabeceira da marcha

    Cabeceira da manifestación feminista en Vigo CC-BY-NC-ND Galiza Contrainfo
  • Histórica manifestación na Coruña. A cabeceira da marcha está na praza de Galicia cando hai moita xente que aínda non saíu do Obelisco 

    Manifestación feminista na Coruña CC-BY-SA Praza Pública
  • Vigo volve reunir milleiros de persoas nunha marea humana pola marcha feminista que percorre a cidade desde a Praza de España até a Porta do Sol con Gran Vía xa ateigada

    Manifestación polo 8M en Vigo CC-BY-SA Praza Pública
  • As rúas de Ourense, ateigadas tamén no inicio da marcha feminista desta tarde neste 8 de marzo. Milleiros de persoas secundan a manifestación. 

    Manifestación feminista en Ourense © PSdeGdeOurense
  • As rúas de Compostela, ateigadas xa á espera de que comece a manifestación feminista por este 8 de marzo. Milleiros de persoas agardan xa a saída da marcha, que non se dá movido ante a masiva afluencia de xente

    Manifestación feminista en Compostela CC-BY-SA Praza Pública
  • A multitudinaria manifestación feminista da Coruña percorre xa as rúas da cidade, ateigadas con decenas de milleiros de persoas

    Manifestación feminista na Coruña CC-BY-SA Praza Pública
  • As rúas do centro de Ferrol, ateigadas na masiva manifestación unitaria do 8M, que percorre xa a cidade 

    As rúas do centro de Ferrol, ateigadas na masiva manifestación do 8M CC-BY-NC-SA Galiza Contrinfo
  • Milleiros de persoas xúntanse arestora no Obelisco da Coruña para comezar a manifestación central do 8M na cidade

    Cabeceira da manifestación no Obelisco da Coruña © @rebelionaluminio
  • Eurodeputadas de diversos grupos, entre elas a galega Ana Miranda (BNG), secundaron tamén este 8M a mobilización feminista en Bruxelas, ás portas da Eurocámara

    Eurodeputadas ás portas da Eurocámara © BNG-Parlamento Europeo
  • A científica María de la Fuente, membro do equipo do Grupo de Oncoloxía Médica Traslacional Oncomet,  no Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago, explica explica neste fío de Twitter por que, ao seu xuízo, este 8M debera ser "masivo e decisivo" tamén no mundo da ciencia. De la Fuente, que levou ata o Parlamento a súa reivindicación contra ás penalizacións ás investigadoras por seren nais, coida que neste aspecto "en Galicia queda todo por facer. Urxe pasar das palabras aos feitos. É urxente actuar. As científicas galegas seguimos agardando", afirma.

  • As manifestacións e concentracións feministas desta mañá deixaron en Galicia imaxes de rúas e prazas ateigadas, con mulleres de diversas idades secundando a mobilización. Esta galería recolle algunhas delas. Son imaxes de Galiza Contrainfo (CC-BY-SA-NC), Praza.gal (CC BY-SA), sindicatos e formacións políticas.

  • Na mañá deste 8 de marzo a Xunta organizou concentracións institucionais no complexo de San Caetano e noutras das súas sedes administrativas. No acto principal participou o presidente xunto a diversos membros do Goberno e a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, leu a declaración institucional da Xunta polo 8M baixo o lema 365 días pola igualdade. López Abella confirmou, en declaracións á SER, que prevé acudir a unha das manifestacións deste serán.

    Acto institucional da Xunta en San Caetano polo 8M CC-BY-SA Xunta
  • O tráfico no centro de Compostela permaneceu cortado entre as 11 e as 15 horas por mor da manifestación. As rúas foron espazo para a xuntanza, o xogo e un xantar colectivo.

    Rúas cortadas no centro de Compostela CC-BY-SA Galiza Contrainfo
  • "A forza das mulleres é imparable", destaca Pilar Estévez (Plataforma Feminista Galega), que lembra os actos programados polo movemento feminista esta tarde en Compostela e a manifestación convocada ás 20 horas. Podedes ver máis vídeos sobre a xornada de folga do 8M en Rosalía TV

  • Tamén en Lugo a mobilización matinal, convocada pola CIG, tivo amplo seguimento. A manifestación da tarde parte da explanada da sede da Xunta, ao carón da Porta Falsa.

    Remate na Praza da Soidade de Lugo da manifestación matinal neste 8M CC-BY-SA EM
  • Participación masiva e moita animación nas concentracións desta mañá en todo o país, á espera das manifestacións convocadas esta tarde nas sete cidades e en grandes vilas. Na imaxe, a Praza Maior de Ourense, nun vídeo do PSdeG-PSOE.

  • Participación masiva tamén na concentración convocada en Ferrol, á espera da manifestación comarcal convocada para esta tarde.

    Concentracion nos Cantóns de Ferrol, esta mañá © Ferrol en Común
  • Un ano despois a Praza Maior de Ourense volve rebordar na primeira das mobilizacións feministas deste 8M, á que respondeu unha multitude.

    A Praza Maior de Ourense, na mobilización do mediodía deste 8M do 2019 CC-BY-NC-SA BNG Ourense
  • No telemarketing, un sector moi feminizado (o 70% do persoal son mulleres) a participación na folga está a ser importante. A CGT fala dun 80% en Extel (500 traballadoras) e un 40% en Atento (600 traballadoras)

    Oficinas baleiras de Extel, nunha das folgas convocadas nos últimos anos © CIG
  • Alén das cidades, as mobilizacións feministas deste 8M tamén están a atopar unha relevante resposta da veciñanza en múltiplas vilas galegas. Na imaxe, a concentración deste mediodía na Estrada.

    Concentración na Estrada ao mediodía deste 8M CC-BY-NC-SA BNG
  • A "treboada feminista" chama dende diversos puntos de Santiago a secundar a folga deste 8M e as mobilizacións ligadas a ela. Centos de mulleres avanzaron cara ao centro da capital galega ao son de percusións e reiterando consignas como "por todas as mulleres, por todos os dereitos, folga feminista".

  • A Xunta cifra o seguimento da folga de mulleres entre o persoal público nun "11,27% na Administración xeral e os seus entes adscritos", do "9,55% en Educación, do 10,14% en Sanidade e do 18% na Administración de Xustiza". Nos últimos días as centrais sindicais advertiron de que os servizos mínimos fixados en diversas áreas da Administración galega son, ao seu xuízo, "excesivos", e lembran que o pasado ano a Xustiza acabou anulando parte deles.

    Concentración ante a sede central da Xunta, en San Caetano, este 8M CC-BY-SA Praza Pública
  • Suspendidas por falta de quórum as dúas comisións previstas para este 8 de marzo no Parlamento ao non asistir ningunha das deputadas que as integran. Ao non estar presentes o número mínimo de membros requiridos, foron adiadas as sesións das comisións de Economía -na imaxe- e de Pesca. Si acudiron, no entanto, dúas representantes da Xunta ás que ían dirixidas preguntas incluídas nas ordes do día.

    Sesión da comisión de Economía do Parlamento deste 8M, suspendida por falta de quórum CC-BY-SA Praza Pública
  • O Concello de Pontevedra e o CIM da cidade celebran o 8 de marzo con esta viñeta de Davila: "Listas? Todas coa fouciña na man... a rozarrrr.... queda moito machismo que arrincar"

    Viñeta de Luis Davila para o 8M © Concello de Pontevedra
  • Piquetes informativos de mulleres percorren o centro de Lugo chamando á participación na folga feminista en sedes de diferentes empresas.

    Piquete informativo na lucense praza de Santo Domingo, durante a folga feminista CC-BY-NC-SA CIG
  • O comité de empresa do Concello de Mugardos denuncia que dúas traballadoras "foron notificadas por SMS de que debían cumprir servizos mínimos, sen respectar o acordo acadado". A primeira hora da mañá un piquete situouse na porta da institución para protestar contra o "boiot" á folga

    Piquete ás portas do Concello de Mugardos na mañá do 8M © CIG
  • "O 8M, cólgoo todo". As Tendalistas da Coruña situaron en diferentes puntos da cidade o chamamento a secundar a folga de "emprego, consumo, ensino e coidados".

    Chamamento das Tendalistas da Coruña a participar na folga do 8M CC-BY-SA MA
  • A CIG detecta unha "importante incidencia da folga de mulleres" no inicio da xornada, "especialmente nos sectores máis feminizados da área pública". Piquetes informativos do sindicato animan á mobilización en diversos centros de traballo con gran presenza feminina, como os centros de chamadas. A secretaria de Mulleres do sindicato, Margarida Corral, resalta que "non imos permitir máis conmemoración hipócritas e baleiras de contido" e por iso "facemos folga para que o poder entenda que non imos de farol nas nosas demandas". 

    Piquete informativo da CIG nunha empresa de telemarketing en Vigo, nas primeiras horas do 8M CC-BY-NC-SA CIG
  • Diversos monumentos emblemáticos da cidade de Vigo locen dende a pasada madrugada faixas e mandís con lemas que chaman a secundar a folga feminista do 8M, tal e como amosa a imaxe difundida pola Plataforma Feminista Galega.

    Chamamento a participar na folga feminista, nas primeiras horas do 8M CC-BY-SA PFG
  • A folga laboral deste 8M está acompañada en diferentes momentos da xornada por manifestacións, concentracións e outros actos reivindicativos por todo o país. Estas son as principais convocatorias, impulsadas por colectivos e plataformas feministas como Galegas 8M, así como polas centrais sindicais.

  • Dende as 00:00 é xornada de folga feminista. A mobilización xa se fixo presente nas quendas de noite en múltiples empresas e institucións galegas, como os hospitais. A CIG, un dos sindicatos que chama á folga xeral, asegura que os primeiros datos da noite apuntaban xa a un "éxito".

    Traballadoras do Clínico de Santiago, nas primeiras horas da folga feminista CC-BY-NC-SA CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.