Onde me podo manifestar o 8M? Horarios e lugares das convocatorias

Convocatorias do movemento feminista para o 8 de marzo CC-BY-SA

Despois do éxito da manifestación unitaria deste domingo en Lugo, o movemento feminista prepara xa a folga do 8 de marzo, que inclúe un gran número de convocatorias: dende manifestacións e concentracións a pasarrúas, xantares colectivos e outro tipo de eventos lúdicos, informativos e formativos. Ao igual que sucedeu o pasado ano, os chamamentos van máis aló das sete grandes cidades. Tamén en moitísimas vilas e concellos de pequeno tamaño organízanse mobilizacións que buscan repetir e incrementar o éxito do pasado ano.

As manifestacións, convocadas pola plataforma Galegas8M comezarán a última hora da tarde na maior parte dos casos. Podes consultar os horarios e lugares no mapa, que está en construción, incorporando novas convocatorias. Estas son as principais convocatorias:

  • Vigo: 20:00. Manifestación dende a Praza de España (Praza dos Cabalos) á Porta do Sol
  • A Coruña: 19:30. Manifestación dende o Obelisco á Praza das Cigarreiras 
  • Ourense: 20:00. Manifestación dende a Subdelegación do Goberno
  • Lugo: 20:00. Manifestación dende a Explanada da Xunta á Praza de Santa María
  • Compostela: 20:00. Manifestación dende a Praza 8 de Marzo á Praza do Obradoiro
  • Pontevedra: 20.00. Manifestación dende Praza do Hospital ao Monumento aos Heroes de Pontesampaio
  • Ferrol: 19:00. Manifestación dende a Praza Amada García (diante do Edificio da Xunta) á Praza da Amboage
  • Burela: 20:00. Manifestación dende a Estación de Tren á Praza do Concello
  • Carballo: 20:00. Manifestación dende os Xulgados
  • Vilalba: 20:30. Manifestación dende a Praza da Constitución

Son moitas máis as convocatorias, que Galegas8M vai publicando na súa páxina web e tamén a través do Facebook. Ademais das manifestacións da tarde, en varias ducias de concellos levaranse a cabo concentracións ao mediodía. Ademais, nalgunhas localidades están programados eventos máis singulares. En Compostela, por exemplo, ás 11.30 terá lugar unha Treboada Feminista, isto é, un pasarrúas, que comezará en varios lugares: Rotonda da Galuresa, rotonda Paz (San Caetano), Praza Rodriguez Cadarso (Campus Sur) e rotonda de Concheiros, confluíndo todos os grupos na Alameda. Estas son as convocatorias na provincia da Coruña.

As mulleres de Baiona, Nigrán e Gondomar tamén confluirán nun acto conxunto, nun lugar xa habitual nas mobilizacións nesa comarca: a ponte da Ramallosa. Alí está convocada unha concentración ás 13 horas, onde chegarán as manifestantes dende os tres concellos, en columnas convocadas ás 11:50 horas. Estas son as citas programadas na provincia de Pontevedra

En Ourense destaca o xantar colectivo convocado ás 14 horas na Praza Maior da cidade, que seguirá á concentración prevista para as 13 horas. Estes son os eventos programados na provincia de Ourense.

Tamén o movemento feminista da Mariña concentra a súa manifestación principal nun lugar, en Burela, onde chegarán mulleres de Viveiro, Xove, O Vicedo, San Cibrao, Ribadeo ou Foz, convocadas previamente en distintos lugares. En cada unha destas localidades (ao igual que en Vilalba) haberá distintas actividades durante a mañá e e a tarde: obradoiros, xantares, faladoiros... Estes son, de forma detallada, os eventos programados na provincia de Lugo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.