“As mulleres do rural tamén poden ir ao bar”. Ese era un dos carteis que portaban as mulleres que o pasado 8M percorreron Loureiro, en Nogueira de Ramuín, na primeira manifestación da historia desta pequena aldea. A protesta feminista xuntou mulleres de entre 14 e 90 anos nunha imaxe nunca vista aló e tan estraña no diseminado e despoboado rural galego.
A pequena aldea de Loureiro, duns 60 habitantes, celebrou a primeira manifestación da súa historia o pasado 8M
Unha mostra máis do espallamento da forza feminista, das barreiras rotas por unha marea morada que xa chega mesmo a recunchos insospeitados hai tan só uns anos. Unha mobilización que rematou, precisamente, no único bar da zona, “sempre cheo de homes bebendo e berrando”, que quedaron “atónitos” ao ver como aquela pioneira marcha de máis de vinte persoas acababa nas mesas da única taberna.
Alí, conta Carla Souto, compartiron “impresións” dunha “nova experiencia” nesta aldea de arredor de 60 habitantes: a de participar nunha manifestación (e feminista) que xuntou máis dun terzo da súa poboación.
Carla é unha artista plástica que leva meses vivindo en Loureiro para desenvolver un proxecto artístico. Na véspera do 8 de marzo, ela e unha amiga lamentábanse por non poder acudir a ningunha das manifestacións convocadas preto. “As máis achegadas eran en Ourense, a máis de 26 quilómetros, ou Monforte, a uns 35; o coche de liña que nos podía levar saía ás 7 da mañá e volvía ás 18.30 horas pero a mobilización era máis tarde”, conta en conversa con Praza.gal. E decidiron ser elas as que convocasen unha marcha feminista nesta pequena aldea da parroquia de Vilar de Cerreda.
A artista Carla Souto e unha amiga decidiron na véspera do 8M convocar unha manifestación na aldea colocando carteis á noite: "Pensamos que seriamos dúas ou catro persoas como moito"
Colocaron carteis de noite, ata a 1 da mañá, “nos lugares máis estratéxicos”: a parada do bus, un centro cívico en desuso ou o bar. Foise espallando a nova a través do boca-orella e as redes sociais. E Carla e outras mulleres pasearon anunciando á veciñanza da convocatoria da manifestación. “Pensamos que seriamos dúas ou catro persoas, como moito, pero non foi así”, lembra. “Conseguimos pór as persoas do lugar en pé, que saísen das súas casas e loitasen pola igualdade e polos nosos dereitos”, engade.
“É unha cuestión de vontade; a xente sempre di que aquí non pasa nada, pero ao final animouse, por xuntarse cos veciños e por manifestarse”, conta Carla Souto, que explica como nun inicio, e ante a novidade, había mulleres “que mesmo o tomaban algo a broma”. “Podía selo a situación, pero o tema era serio”. E así o acabaron tomando. “Había señoras de máis de 80 anos, mesmo de 90, creo, e a máis nova tiña 14... Ao principio as mulleres non querían saír da súa zona de confort, do seu paseo, do seu traballo na leira.. Pero acabaron xuntándose, falando e mostráronse moi receptivas”, explica sobre unha marcha á que tamén se xuntou algún home.
“Manolo, hoxe fas a cena solo” ou “En Loureiro e en Pombeiro, a cena que a faga o panadeiro” foron algúns dos lemas das pancartas
Xuntáronse ás 19 horas na parada do bus, lugar de xuntanza e punto de encontro da aldea. E reuniron unha chea de pancartas con referencias a situacións cotiás de desigualdade. “A creación destas pancartas xa deu pé a situacións nas que as mulleres deixaban de facer as tarefas cotiás de coidados ou da casa para investir un pouquiño de tempo no seu”, conta Carla. “Manolo, hoxe fas a cena solo” ou “En Loureiro e en Pombeiro, a cena que a faga o panadeiro” foron algúns dos lemas, con referencias a persoas do lugar que son facilmente identificables en calquera outro lugar, do rural ou da urbe.
A marcha percorreu a aldea e foi chamando ás portas das casas para unir máis persoas á protesta. E conseguírono. Entre consignas e parolas, fixeron varias veces o percorrido ata que remataron no bar, ese lugar habitualmente vedado ás mulleres. “Foi un feito moi importante nesta aldea galega: a primeira manifestación da súa historia. E non foi unha manifestación calquera, senón unha manifestación feminista. E non será a última”, reivindica Clara, que segue a desenvolver o seu proxecto artístico sobre o minifundio e a loita do campesiñado galego a través da fotografía ou a pintura. En base a uns terreos que xa foran da súa nai e da súa avoa.