É difícil pensar nun movemento social e político que sexa quen de facer historia dúas veces en doce meses na Galicia da segunda década do século XXI. Nun movemento que non sexa o feminismo. A masiva manifestación unitaria do pasado domingo en Lugo anticipaba xa unha previsión de alta participación na xornada de folga e mobilización deste 8 de marzo. Pero, como hai un ano, o movemento feminista desbordou en rúas e prazas de vilas e cidades galegas.
É difícil pensar nun movemento social e político que sexa quen de facer historia dúas veces en doce meses na Galicia actual. Nun movemento que non sexa o feminismo
Apenas transcorrera a metade do día e a xornada xa apuntaba a éxito de mobilización. As centrais sindicais avanzaban que as quendas de noite emitían bos sinais e en cidades como Vigo ou A Coruña, monumentos emblemáticos e lugares ben visibles chamaban á folga "por todas as mulleres, por todos os dereitos". Dende o Parlamento chegaba tamén un significativo sinal político; as dúas comisións que estaba previsto celebrar este venres tiveron que ser suspendidas por falta de quórum. Non acudira ningunha deputada, tampouco as do PP, cuxo líder clamaba case ao mesmo tempo en Madrid contra "os organizadores" da folga.
O rexeitamento de Casado en concreto e de dirixentes da dereita en xeral á convocatoria feminista do 8M estivo moi presente nas faixas e consignas que dende a metade da mañá ateigaron infinidade de rúas. Incontables ríos humanos encheron de lila a paisaxe: en forma de poderosa "treboada feminista" dende os catro puntos cardinais de Santiago, como concentración que tornaba en manifestación na Coruña ou cos puntos habituais das protestas cidadás ficando pequenos ante a masiva concorrencia de mulleres en Vigo, Ourense, Pontevedra, Ferrol ou Lugo.
Houbo multitudes nas cidades xa durante a mañá. E, proporcionalmente, tamén en pequenas vilas e cidades de múltiples puntos do país. Lalín, A Estrada, Rianxo, Cangas, Vilagarcía... Foron moitas as prazas de vilas nas que ecou o berro feminista. Tamén en Vilalba, onde mesmo o monumento a Manuel Fraga apareceu cun mandil chamando á folga. Alí unha das protagonistas foi Pilar, unha muller que se move en cadeira de rodas e que leva seis anos a denunciar que unha obra do Concello de Abadín lle impide saír da casa sen axuda.
Mentres a Xunta optaba por un perfil discreto, lonxe da masiva mobilización das rúas pero tamén da estridencia da cúpula do PP, os colectivos feministas como Galegas 8M, Marcha Mundial das Mulleres, Plataforma Feminista Galega e numerosos movementos locais tomaban as rúas. Con elas, representantes das principais forzas políticas da esquerda, que moi maioritariamente optaron tamén polo segundo plano entre as multitudes.
Inmensa diversidade
Estas multitudes eran diversas no sentido máis amplo do termo. En idade, en profesións, en orixes... E así o amosaron, aínda con máis amplitude, nas manifestacións da tarde, onde os centros das sete principais cidades e algunhas vilas volveron rebordar, pero con moita máis amplitude que durante a mañá. Salferidas entre a concorrencia figuraban rostros de dirixentes de todas as formacións políticas da esquerda. E, en cidades como A Coruña, Vigo ou Ourense, tamén do PP.
A esa hora as centrais sindicais xa consideraban a folga un "éxito", especialmente en sectores con gran presenza feminina, e persoas que non secundaran o paro laboral si o fixeron coas manifestacións.
Ducias de miles de mulleres, pero tamén moitos homes. Familias enteiras, grupos de amizades, agrupacións profesionais, organizacións políticas e sindicais secundaron o chamamento feminista
Ducias de miles de mulleres, pero tamén moitos homes. Familias enteiras, grupos de amizades, agrupacións profesionais, organizacións políticas e sindicais secundaron o chamamento feminista. O adxectivo "histórico" comezou a ecoar polas rúas galegas no serán do 8M cando, en gran parte das convocatorias, moitas persoas se preguntaban, na parte final das manifestacións, se a cabeceira comezara ou non a camiñar.
"Feminismo para adiante, machismo para atrás", "revolta feminista", "aquí está, aquí se ve, o feminismo galego en pé", coreouse incesantemente. Tamén foron múltiples os cánticos contra a precariedade laboral, a fenda de salarial de xénero e, moi especialmente, contra os asasinatos machistas. Nas pancartas e carteis, moitos deles feitos na casa, proliferaban o rexeitamento do machismo e a esixencia de rúas e vidas seguras para todas as mulleres: "
As marchas da Coruña (40.000 persoas, segundo a Policía Local), Santiago (unhas 20.000) e Vigo (105.000, indicou a Policía Local) foron as máis numerosas. Pero o clamor feminista tamén fixo rebordar os centros de Ourense, Lugo, Pontevedra e Ferrol e de moitas vilas.
Poucas persoas dubidaban, ao remate das manifestacións, que doce meses despois o feminismo galego lograra outro día histórico. Nas rúas, nos centros de traballo, nas casas e mesmo nas pantallas de televisión. Sirva como nota para a historia do país que este 8M a folga feminista mesmo logrou que tivese que suspenderse o Luar da TVG.