A xustiza condena o Consorcio Galego da Igualdade e Benestar por denegar, sen motivación xustificada e de maneira discrecional, un permiso de conciliación familiar e laboral a unha traballadora que o solicitara para atender o seu pequeno enfermo.
Foi o xulgado do Social número tres de Ourense quen nunha sentenza ditaminou contra a decisión unilateral do Consorcio en relación á concesión discrecional de permisos, logo de que unha traballadora tivese que acudir á vía xudicial para que lle fose concedido un dereito recoñecido e do que xa desfrutaran anteriormente outras compañeiras.
A traballadora solicitou un permiso de tres días para coidar un neno enfermo que requiría vixilancia domiciliaria por prescrición médica; o Consorcio denegoullo sen xustificación motivada
O caso denunciado xorde no pasado 22 de xaneiro. Unha empregada dunha escola infantil da provincia de Ourense desta entidade –dependente da Consellería de Política Social da Xunta-- solicitou un permiso para a conciliación logo de que o seu fillo enfermase, fose derivado ao Hospital de Ourense polo seu pediatra para unha atención especializada e o médico lle ordenase a súa vixilancia domiciliaria sen acudir á escola e medicación cada 4-6 horas.
A muller solicitou un permiso de tres días para o coidado do pequeno, que aínda non cumprira un ano, medida que lle foi negada polo Consorcio Galego de Igualdade e Benestar “sen unha xustificación clara e motivada”, como aclara CCOO, sindicato que denunciou o caso. O propio ditame, ao que tivo acceso Praza.gal, lembra que a outra compañeira que tivo un fillo con gastroenterite si lle foi concedido o permiso. A afectada tivo que dispoñer de tres días de asuntos propios para poder coidar o pequeno.
A maxistrada, a través da sentenza, lembra que ademais da normativa laboral que garante os permisos e licenzas ás que pode acollerse a traballadora, tamén o artigo 108 do Código Civil obriga o cumprimento das obrigas e os pais a “velar pola saúde dos seus fillos menores”, neste caso de curta idade e con necesidade dun “repouso domiciliario acreditado mediante un certificado médico”, polo que “se debe considerar un deber inescusable de obrigado cumprimento para as persoas que ostentan a patria potestade”.
A muller recorreu a días de asuntos propios pero a xuíza ordena que os días “sexan considerados como de permiso para o cumprimento de deberes relacionados coa conciliación da vida familiar e laboral”
A xuíza reitera que a petición da traballadora está xustificada e é lóxica, “sempre que se trate de situacións puntuais, que non se alonguen no tempo e non sexan reiteradas”. A sentenza lembra que “no presente caso tres días é un tempo suficiente e non longo para que o fillo da demandada se recupere, e non consta que a demandante xa tivese solicitado este permiso máis días” malia que a enfermidade do rapaz xa tivera outros episodios.
Así, o ditame estima a demanda interposta contra o Consorcio e “recoñece o dereito da autora” a que eses tres días solicitados “sexan considerados como días de permiso para o cumprimento de deberes relacionados coa conciliación da vida familiar e laboral” e condena a entidade a facelo efectivo.
“Lamentamos unha vez máis que as traballadoras teñan que acudir á vía xudicial para poder facer valer os seus dereitos de conciliación, recoñecidos por lei e por dereito. Neste caso, coincidindo coa celebración do 8 de marzo, pedimos que rematen estas discriminacións e que se vele tamén pola conciliación real e efectiva das mulleres no ámbito laboral”, di CCOO.