Pilar Fernández López é unha muller de Abadín que se move en cadeira de rodas que nos últimos anos viu como unhas obras realizadas polo Goberno municipal da súa localidade lle xeraban renovadas dificultades para poder saír da súa vivenda. Foi no ano 2013 cando o Concello ordenou botar novas capas de asfalto na estrada que pasa xusto por diante da casa de Pilar, creando unha barreira arquitectónica que lle impide entrar e saír por si mesma do seu domicilio.
Pilar Fernández leva 6 anos denunciando a súa situación: unha barreira arquitectónica creada por unhas obras do Concello que lle impide saír da súa casa sen axuda
Leva seis anos denunciando a súa situación, interpoñendo todo tipo de recursos e queixas, mesmo diante da Valedora do Pobo. Porén, sinala o Sindicato Labrego Galego, "só obtivo o silencio administrativo e a indiferenza culpable do concello e, nomeadamente, do seu alcalde, José María López Rancaño", que segundo o SLG está a "vulnerar os dereitos de Pilar como persoa".
Esta muller foi a gran protagonista da manifestación o 8M celebrada este mediodía en Vilalba, á que Pilar Fernández non puido acudir, por mor dun problema de saúde. No seu nome interveu Marisol Bravos López, que forma parte do colectivo Foro de Vida Independente, que leu o manifesto da concentración.
Quixo ter unhas palabras para “todas as mulleres con discapacidade ou sen ela: Loitaremos xuntas para que se acaben as desigualdades”
Neste texto, lonxe de renderse, Pilar Fernández reafírmase en “seguir loitando contra todo tipo de violencia e inxustiza, veña de onde veña. Porque isto que me fan a min é un maltrato institucional contra o que seguirei loitando”. Para rematar, quixo ter unhas palabras para “todas as mulleres con discapacidade ou sen ela: Loitaremos xuntas para que se acaben as desigualdades”.