"Milleiros de mulleres están a secundar a folga feminista desde primeiras horas da mañá", segundo asegura a CIG, convocante de 30 mobilizacións nesta mañá e dun paro xeral laboral de mulleres “para reclamar a igualdade de oportunidades nas condicións de traballo, na esfera social e o dereito a vivir sen violencia”.
O sindicato nacionalista, que convocou o paro de 24 horas ao igual que CUT, CGT, SLG ou SF-Intersindical, cualifica de “éxito” a xornada. Tamén a cualifican así CCOO e UGT, que falan de seguimento “masivo” dos paros parciais que impulsaron, “especialmente en empresas e administracións públicas” e que se congratulan do “apoio maioritario” da sociedade galega á convocatoria.
O Goberno galego cifra nun 11,27% o seguimento da folga feminista no ámbito da Administración xeral da Xunta; a CIG eleva a porcentaxe ao 50%
O Goberno galego cifra nun 11,27% o seguimento da folga feminista no ámbito da Administración xeral da Xunta. Por sectores, sitúa nun 9,55% o seguimento no Ensino, do 10,14% na Sanidade e do 18% na Xustiza, cun máis apoio nas delegacións territoriais de Pontevedra e Vigo ca no resto.
A CIG, pola contra, asegura que na sanidade pública só se están a cumprir os servizos mínimos e que a folga “está a ter unha especial incidencia na Atención Primaria malia os servizos máximos decretados pola Xunta”. Ademais, alcaran que “nos sectores máis precarizados e feminizados da Administración, como nos centros dependentes do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, o paro é masivo e un éxito rotundo”.
Segundo a central nacionalista, no conxunto da administración xeral da Xunta o paro foi desigual pero eleva o seguimento a arredor dun 50% de traballadoras que secundaron o paro de 24 horas na quenda da mañá. En canto ao ensino secundario e universitario, “produciuse unha paralización”, mentres que a participación de mestras e profesoras “superou a do ano pasado”.
“Esta folga é a ferramenta que temos para denunciar que, malia ser ilegal, a fenda salarial continúa sendo unha realidade moi frecuente nas empresas; ao igual que o chan pegañento ou o teito de cristal, os atrancos na conciliación ou o acoso e as agresións sexuais ás que someten as traballadoras, entre outras situacións discriminatorias e machistas”, dixo Margarida Corral, secretaria de Mulleres da CIG.
O sindicato nacionalista destaca o impacto da folga en moitas empresas da área de Vigo, en tendas do grupo Inditex ou nos centros da administración local da Coruña
Por comarcas e sectores, o sindicato destaca o “elevado seguimento” na área de Vigo malia os “moitos intentos de boicot por parte das empresas”. Así, destacan o impacto dos paros nas escolas infantís, na recollida de lixo, no mantemento de parques e xardíns, no Hospital Álvaro Cunqueiro ou en empresas como Denso, GKN, Alonarti, Marsan, BorgWarner, Plastic Omnium, Grupo Copo, Asientos de Galicia, Viza, Alymosa, TRW, Domiberia, Carchidea, Frigolouro, Cerqueira, Valcárcel, Orbe, Fandicosta, Mascato, Conservas Rías Baixas, Bimba y Lola, Pili Carrera, Paz Rodríguez e Selmark.
Na Coruña, o seguimento notouse bastante na administración pública ao amencer pechados todos os centros cívicos da cidade, a Casa Casares e a Casa María Pita e tivo impacto en zonas comerciais como a da praza do Lugo ou tendas do grupo Inditex que tamén pecharon, aínda que o seguimento foi desigual nesta cadea. “O comedor de Zara Loxística non puido prestar servizo porque a maioría das traballadoras están en folga”·, di a CIG. En canto á industria, a folga notouse moito en Celsa Atlantic (A Laracha), en Ferroatlántica (Cee) ou na conserveira Calvo de Carballo, onde o paro foi case total. En Extel e Atento o seguimento superou o 80%.
En Compostela, pola súa banda, a folga deixouse sentir no sector servizos, en moitas tendas de Inditex e claramente no Hospital Clínico ou noutras empresas industriais. Ademais, arredor do 90% das empregadas do Concello de Santiago secundaron o paro. En comarcas achegadas, o éxito do paro foi evidente em Cortizo, Frinsa, Escuris ou López Soto.
En Ferrolterra, a folga deixouse sentir nos estaleiros, em Einsa, em Indipunt ou Arteixo Telecom, ademais de na administración local e em Correos. No caso de Pontevedra, foi importante nas empresas de frío industrial de Marín, em Treves ou concesionarias de limpeza, mentres que na comarca do Salnés o impacto foi claro em Thenaisie Provote (O Grove) e Pérez La Fuente (Vilanova de Arousa), cun 100% de seguimento, ou Serpeixe, Roma, Friscos, Cefrico, Atunlo e Isabel.
En Ourense, notouse tamén nas tendas de Inditex e en Desigual, así como en en empresas do sector dos centros de chamadas como Unitono e Contacnova ou en compañías da industria aeronáutica como Coasa. En Allariz, a práctica totalidade dos centros de traballo e comercios amenceron pechados.
Por último, en Lugo, a incidencia foi importante no Centro Comercial das Termas ou nas residencias de maiores de Outeiro de Rei e Castro Ribeiras de Lea e en Abeiro Gold ou Abante BPO, empresa do sector dos centros de chamadas. En Monforte, a folga sentiuse amplamente no servizo de axuda no fogar e entre as traballadoras do Concello.