Persoal da TVG revela "represalias" á xornalista que denunciou o boicot da canle á folga do 8M

Marga Pazos, durante un dos 'venres negros' reivindicativos na CRTVG © Defende A Galega

O comité intercentros da CRTVG manifestou este mércores a súa “indignación” polo que considera “outro caso de grave represalia a unha traballadora” pola súa “participación activa nos venres negros e a súa significación pública na defensa da independencia dos medios públicos e a defensa da lingua”, así como por ser quen sufriu o boicot exercido pola TVG á folga feminista do 8-M e que lle valeu unha condena xudicial á televisión pública.  

O comité di que Marga Pazos foi "apartada" das tarefas de redactora por participar nas mobilizacións polos medios públicos, pola defensa da lingua e por denunciar o boicot da TVG á folga feminista

Refírese a Marga Pazos, coñecida e recoñecida xornalista e presentadora, que foi, segundo o comité, “apartada das tarefas propias de redactora que viña desenvolvendo dende hai anos para limitala ás funcións obsoletas de locutora de televisión”. 

O seu caso únese a outras “represalias” a outros profesionais denunciadas por persoal, sindicatos ou o propio comité nos últimos meses, como as que lles atribúen aos expedientes abertos a Beatriz Moyano ou Carlos Jiménez. 

Marga Pazos, Ana Pérez e Alfonso Hermida, nunha protesta polos 'venres negros' CC-BY-SA Defende a Galega

Segundo os representantes dos traballadores, foi a directora de informativos quen deu ordes á directora de Recursos Humanos para desprazar a Marga Pazos das súas funcións habituais. Para o comité, é unha “represalia” que a dirección executa “aproveitando a escusa dunha sentenza en primeira instancia que recoñece á xornalista o dereito a percibir o complemento de nivel (de locutora a redactora), despois de quedar acreditado que en efecto leva anos desenvolvendo esas funcións”. 

O comité di que “é un feito” que o resto de locutores da TVG desenvolven funcions de redacción e que a empresa recoñeceu sempre que esta categoría tiña que integrarse na de redactor. “Marga Pazos pasa a ser a única locutora á que se lle prohibe redactar”, explica nun comunicado, onde advirte de que é “a primeira vez” que a Corporación “aplica unha sentenza de recoñecemento de nivel para limitar as funcións da pesoa á que o xulgado lle acaba de dar a razón”. 

A xustiza recoñeceulle a Marga Pazos o dereito a percibir o complemento de nivel (de locutora a redactora) tras acreditar que levaba anos desenvolvendo ese labor

Os representantes dos profesionais cren que esta medida ten que ver tamén coa folga feminista do pasado 8 de marzo, que lle valeu á CRTVG unha condena por vulneración deste dereito fundamental logo que a ausencia de Pazos fose paliada co traballo doutro compañeiro non folguista. Daquela, O TSXG deu por por probado que isto sucedeu e que se tratou "dunha conduta encadrable dentro da esquirolaxe interna". Esta "actuación", segundo o ditame xudicial, "tivo a súa orixe nun mandato empresarial", xa que "foi a CRTVG quen substituíu" á presentadora por outra persoa "ante a ausencia (...) por exercicio do dereito á folga".

Marga Pazos declarou naquel xuízo a chamado da CUT, sindicato denunciante, algo que, segundo fontes do persoal, "non lle gustou á empresa" e que mesmo lle custou a reprimenda na redacción por parte dunha das súas superiores polas declaracións que fixera ante o tribunal. 

“A empresa levaba tempo procurando unha oportunidade para castigala”, di o comité, que se “solidariza” coa xornalista e pide á Corporación que “recapacite e reconduza esta perversa e asfixiante política de represión que eleva aínda máis a indignación e o malestar do conxunto do cadro de persoal nun momento de crispación e fonda deterioración das relacións laborais”. 

Imaxe de Carlos Jiménez, participando nos 'venres negros' Dominio Público Praza Pública

Preguntada pola denuncia do comité, a dirección da CRTVG limitouse a dicir que a Corporación "non comenta sentenzas xudiciais referentes aos seus traballadores".

O caso de Pazos recorda ao doutros. Dende o pasado outubro, a CRTVG ten aberto un expediente disciplinario ao locutor Carlos Jiménez, unha das voces máis populares dos medios públicos galegos e tamén activo participante nas mobilizacións dos venres negros a prol do cumprimento da lei de medios do ano 2011 e contra a "manipulación" e o "desmantelamento" da corporación pública. As razóns esgrimidas para expedientalo era a suposta incompatibilidade do seu labor na CRTVG coa locución dun programa elaborado por unha produtora e emitido pola propia TVG.

Nos primeiros días do ano transcendía que as eventuais consecuencias do expediente foran suavizadas pola Corporación: dun posible despedimento pasara á consideración de suposta falta grave, o que implicaría unha posible suspensión de emprego e soldo de entre 3 e 15 días. Pero Jiménez esgrime, entre outros argumentos, a compatibilidade laboral concedida pola propia empresa no ano 2008.

Así o defende nas alegacións xa formuladas ante a CRTVG nas que, segundo puido saber Praza.gal, subliña a relación laboral de Jiménez coa empresa dende 1993, así recoñecido pola xustiza. Tamén encadra nas mesmas a apertura do expediente na súa participación nos venres negros. Concretamente, nun intento de "reprendelo" e "desactivar con sancións exemplarizantes" estas mobilizacións, que se estenden xa durante trinta e cinco semanas.

Persoal, comité e sindicatos denunciaran xa os expedientes abertos a Carlos Jiménez e Beatriz Moyano, que atribuíron á política "represiva" da dirección da CRTVG

Ao tempo, Carlos Jiménez recibiu o apoio e a solidariedade dos compañeiros. Así sucedera tamén coa xornalista Tati Moyano, cuxo expediente foi finalmente arquivado tras serlle aberto logo de que criticase ante Feijóo a deriva dos medios públicos e despois de que dimitise do seu posto de preentadora do Telexornal Serán xunto a Alfonso Hermida polo “control informativo”

No caso de Jiménez, boa parte do cadro de persoal da CRTVG asinou no seu apoio. Foron, segundo fontes do persoal consultadas por este diario, un total de 417 persoas as que asinaron un documento no que reclaman o arquivo do expediente. No caso da Radio Galega, afirman as mesmas fontes, o apoio atinxe arredor das tres cuartas partes do persoal.

Aquela vaga de solidariedade coindira co últimio día no que Ana Pérez, veterana xornalista e presentadora do Telexornal e outros espazos, tivo encomendado ese labor. Segundo ela mesma divulgou, "por motivos persoais e de conciliación” non podía “asumir as esixencias da dirección de incorporarme media hora antes, malia que ata agora si era posible". “Prescinden, polo tanto, da miña presenza no informativo Bos Días, que viña presentando dende 2017”, aclarara. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.