O PP frea a tramitación da ILP para "liberar" os medios públicos alegando que as "presións" veñen de BNG e PSdeG

Manifestación fronte ao Parlamento mentres se debate a tramitación da ILP Liberemos a Galega CC-BY-SA Comité Intercentros CSAG

Tareixa Navaza, que defendeu a proposición na Cámara, instou o partido no Goberno a poñer fin ao seu "secuestro" dos medios públicos, salientando que se está a producir o "abandono dunha audiencia cansa de que intenten manipulala"

“Unha proposta lexislativa radicalmente popular”, apoiada con preto de 24.000 sinaturas, debateuse no primeiro pleno do Parlamento neste inicio do curso político. O mesmo pleno no que o presidente da Xunta compareceu por primeira vez en sede parlamentaria para dar conta das actuacións na vaga de lumes de agosto e coincidindo coa sesión de control ao Goberno, que chegou tras as réplicas de todos os grupos á crise dos incendios. A Iniciativa Lexislativa Popular Liberemos a Galega presentouse en xullo do ano pasado e entrou este martes no hemiclo co coñecemento das corenta organizacións promotoras de que non pasaría a maioría absoluta do PP na Cámara.

“Saben perfectamente, sabémolo todos e todas, que o actual modelo de radiotelevisión non garante a independencia do ente público”, enunciou a xornalista Tareixa Navaza, portavoz das entidades que impulsaron esta ILP para “liberar” os medios de comunicación públicos, agora Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia (CSAG).

Desde a tribuna do Parlamento, Navaza desenvolveu nos seus 15 minutos de exposición que o modelo amparado pola nova lei de medios “reduce a variedade, o equilibrio e a calidade do conxunto de programacións e servizos audiovisuais destinados aos diferentes públicos”, así como “posibilita a emisión noutras linguas distintas do galego” e “dá entrada ao capital privado entregándolle a meirande parte da programación”. O exemplo máis recente, “inaudito” en palabras da veterana xornalista, é a externalización do programa deportivo diario da Radio Galega, que agora se realiza nos estudios de Radio Líder, unha emisora privada da competencia. “Ata aí chegan o desmantelamento e o despropósito”, certificou.

Tareixa Navaza, en primeiro plano, na pancarta da concentración deste martes no Hórreo CC-BY-SA Comité Intercentros CSAG

No seu discurso, Tareixa Navaza lembrou que a TVG e a Radio Galega están “ao servizo de toda Galiza” e instou o partido no Goberno a poñer fin ao seu “secuestro”, salientando que se está a producir o “abandono dunha audiencia cansa de que intenten manipulala”. A xornalista defendeu que a sociedade galega “precisa, merece e demanda” uns medios de comunicación públicos “ao servizo do pobo”. Unha cidadanía “que procura incansable, como escribíu a nosa poeta Ana Romaní, ese mar que habita baixo o deserto”.

Navaza puxo como exemplo a externalización do programa deportivo diario da Radio Galega, que agora se realiza nos estudios de Radio Líder, unha emisora privada da competencia: "Ata aí chegan o desmantelamento e o despropósito"

A iniciativa demandaba que se “garanta o respecto escrupuloso á obxectividade, a imparcialidade, a neutralidade, a veracidade e o pluralismo informativo, erradicando a manipulación e a cancelación de contidos e profesionais”, así como unha recuperación da “perspectiva da realidade social, laboral, económica e cultural do país e de todo o seu tecido social” nos contidos tanto da TVG como da RG. 

Ademais de insistir na aposta pola “cobertura territorial”, minguada coa desaparición das desconexións locais, e no fomento a través dos contidos da igualdade, a non discriminación e a diversidade sexual, “integrando a perspectiva de xénero e fomentando accións positivas, así como o uso da linguaxe non sexista”.

Traballadoras e traballadores dos medios públicos e representantes das entidades promotoras da ILP permaneceron ás portas do Parlamento CC-BY-SA Comité Intercentros CSAG

Tareixa Navaxa non obviou as sentenzas condenatorias ao ente público, agora CSAG, por acoso laboral e sinalou a “manipulación informativa” como principal impedimento para que a Televisión de Galicia e a Radio Galega cumpran coa súas “misións de servizo público e coas obrigas de vital importancia para a consolidación da democracia que teñen encomendadas”. “Nas ditaduras –aseverou Navaza– censúrase; nas democracias agóchanse, terxivérsanse e manipúlanse as novas de impacto máis negativo para a cidadanía. Iso é o que denunciamos, o que pasa día a día, nunha campaña política sen fin”.

Rodil censurou que no Telexornal informasen de "pragas de pulgas, mosquitos tigre e festas gastronómicas varias", "mentres unha trintena de concellos tiñan toda a poboación confinada"

Na quenda dos grupos, a deputada do BNG Olalla Rodil puxo en valor que os colectivos promotores desta ILP representan “a diversidade e pluralidade que intrinsecamente define e compón a sociedade galega” e lamentou o intento do PP de “diluír” este “importante e necesario debate sobre unha peza fundamental do noso sistema democrático” no primeiro pleno de setembro. Unha circunstancia que definiu como “o intento desesperado de tapar o Sol cun dedo”.

Rodil acusou o Partido Popular de cambiar a lexislación “para pisar aínda máis se cabe o acelerador da desinformación, da manipulación e do uso partidista que fai da CRTVG [agora CSAG]” e puxo como exemplo a cobertura da TVG e da Radio Galega da vaga de lumes de agosto, que sucedía mentres estaban “repoñendo programación vella”.

A viceportavoz nacionalista no Parlamento censurou que no Telexornal informasen de “pragas de pulgas, mosquitos tigre e festas gastronómicas varias”, “mentres unha trintena de concellos tiñan toda a poboación confinada e centos de persoas vían como as lapas asediaban as súas casas e tiñan que coller os batefogosporque non había medios de extinción para facerlle fronte aos lumes nos seus concellos”.

Declaracións de Tareixa Navaza antes de defender no Parlamento a ILP Liberemos a Galega CC-BY-SA Comité Intercentros CRTVG

"O que hai é que liberar a CSAG e liberar aos traballadores e traballadoras dos bulos, das presións e das campañas intimidatorias dos partidos da oposición", dixo Carmen Pomar

“A poboación non foi informada polos medios públicos galegos da situación dramática dos lumes. Non nos merecemos que un partido político sexa o dono do noso dereito á información”, asegurou a deputada do PSdeG Silvia Longueira, quen salientou que a sociedade galega “recoñece a degradación” da programación cun “abandono” como audiencia. Cualificou a situación da TVG e da Radio Galega como unha “enfermidade crónica”, que intentaba “paliar” esta ILP que non logrou pasar o trámite parlamentario para debaterse en profundidade na Cámara.

O PP xustificou a súa negativa a respaldar a ILP por tratarse dunha proposta “innecesaria, incompleta e inoportuna”. En palabras da deputada Carmen Pomar, “Galicia xa ten unha lei que vai máis aló do que propoñen agora”. “Consellos vendo, que para min non teño”, afirmou a popular, que se afanou en defender a cobertura da vaga de incendios nos medios públicos e cualificou as críticas de BNG e PSdeG de “inconsistentes” e “forzadas”, para centrar a súa intervención en comentarios sobre programación da televisión pública estatal, TVE, á que se referiu como “tele Sánchez”.

Pomar agradeceu “o esforzo dos profesionais que traballan na CSAG para ter informada á cidadanía galega con rigor e seriedade” e argumentou que a lexislación galega fai que a CSAG “xa estea ao servizo do pobo”, como solicita a ILP bloqueada polo PP na Cámara. “O que hai é que liberar a CSAG e liberar aos traballadores e traballadoras dos bulos, das presións e das campañas intimidatorias dos partidos da oposición”, manifestou a deputada.

O Colexio de Xornalistas segue a considerar que a nova lei de medios é "contraria en fondo e forma ao regulamento europeo de liberdade de medios de comunicación"

A vista posta en Europa

Os corenta colectivos que impulsaron a iniciativa popular Liberemos a Galega instaron este martes, por voz de Tareixa Navaza, a que a Xunta cumpra coa lei europea de liberdade de medios, de obrigado cumprimento desde o pasado 8 de agosto. Esta nova normativa comunitaria semella a ‘última’ oportunidade para as reivindicacións que vén sustentando o persoal mobilizado dos medios públicos con accións como a folga indefinida do ano pasado e os máis de 380 venres negros do colectivo Defende a Galega.

“O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia manifestou con rotundidade a súa oposición á nova lei, que consideramos un grave paso atrás nas garantías de independencia editorial dos medios públicos, e contraria en fondo e forma ao regulamento europeo de liberdade de medios de comunicación”, afirma a decana do CPXG, Belén Regueira, quen asegura que a entidade representante das e dos xornalistas galegos segue a reclamar –aínda que non estean recollidos na actual lei galega– “que se poñan en marcha instrumentos como o estatuto profesional e o comité de redacción, esenciais para garantir a participación dos e das xornalistas e a protección da súa autonomía profesional”.

Convidados na tribuna do Parlamento para o trámite da ILP, co resultado da votación na pantalla CC-BY-SA CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.