"É unha sorpresa absoluta, unha broma pesada, de mal gusto e que custa crer". Raquel Lema, presidenta do comité intercentros da CRTVG —agora Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia (CSAG)— reaccionou así logo de que o PP confirmase este martes no Parlamento a súa proposta para a primeira dirección xeral da renomeada compañía dos medios públicos de Galicia.
Propuxeron os populares a Concepción Pombo Romero, ata agora membro da cúpula da corporación como responsable da área da que dependen os servizos informativos, unha figura que non ten o aval do BNG nin do PSdeG. Tanto ten. Ao contrario do que acontecía co nunca utilizado mecanismo da lei de 2011, a ausencia dun pacto coa oposición non implica que a proposta dos populares vaia fracasar. Concha Pombo —así é coñecida— será a nova directora xeral porque aínda que na primeira votación non logre 45 ou 50 votos a prol, os 40 do PP serán dabondo no segundo intento.
Dirixirá os medios públicos de Galicia malia que a oposición xa amosou o total rexeitamento á súa figura e a pesar de que a representación laboral do cadro de persoal, colectivos como Defende A Galega e traballadores e traballadoras a título particular advirten dunha indignación que, se cadra, non supera o seu abraio. Unha proposta que constata, coinciden, a nula cesión que o PP fai ante as críticas, sentenzas e polémicas que rodean a CRTVG desde hai anos. Unha elección que aínda remoen.
"É unha broma de mal gusto; se esta é a opción, non me estraña que mudasen a lei para esquivar calquera pacto. É imposible que Pombo poida xerar consenso ningún"
"É mesmo difícil de crer que fosen quen de facer esta elección logo de vendernos unha nova lei para mellorar e buscar un teórico acordo; se esta é a súa primeira opción, non me estraña que mudasen a lexislación para poder esquivar calquera pacto", explica sobre a elección do PP Raquel Lema, que considera "imposible" que unha figura como Concepción Pombo "poida xerar ningún tipo de consenso". "Estamos falando da persoa responsable dos informativos desde 2017, ou sexa, a máxima responsable da manipulación, na etapa de maior control político e descrédito da información nos medios públicos de Galicia", engade.
Desde Defende A Galega, colectivo a través do que persoal se mobiliza dende 2018 para denunciar o que consideran un evidente control gobernamental na TVG e na Radio Galega, a opinión é semellante. "Á espera de ver como finaliza o trámite parlamentario", aclara a entidade, "a proposta do grupo grupo maioritario non é a máis idónea por continuísta e conformista".
Defende A Galega considera que a elección de Pombo "demostra falta de ambición e de análise crítica" e que supón que "a Xunta dimite da súa obriga de corrixir os graves erros e os vicios adquiridos durante o mandato de Sánchez Izquierdo". "Nunca houbo peor clima laboral nos servizos informativos, nunca tanta protesta pola parcialidade da liña informativa dos medios públicos dentro e fóra da Corporación e nunca tan baixos os índices da audiencia. Iso é o que se premia e incentiva con esta proposta", din con contundencia.
Desde dentro, e mantendo o anonimato, veteranos traballadores e traballadoras dos medios públicos aseguran estar "de loito" ante unha proposta que lles supón "unha enorme decepción". "Pombo é unha das máis firmes destrutoras da información plural e ben sabemos do seu historial", di un experimentado xornalista que insiste tamén no continuísmo e na teima do PP por optar para dirixir os informativos, e agora a antiga CRTVG, figuras "que representan a postura máis rancia da dereita e que son perfectamente cumpridoras co que ordenen os seus mandos".
"Pombo é a máxima responsable da manipulación na etapa de maior control político da CRTVG; é unha mensaxe demoledora de continuidade", di o comité
"Estará a disposición plena de Alfonso Rueda, que parecía moderado no que ten que ver cos medios públicos ao lado de Feijóo e que se está a demostrar como todo o contrario", engade a mesma fonte. "É evidente que queren deixar todo atado e ben atado", di quen define a Pombo como unha "figura de perfil baixo, que apenas saía do despacho". E que coincide co diagnóstico do comité: "É responsable, non só do descrédito dos servizos informativos, senón tamén das audiencias, cada vez máis baixas, nos telexornais".
"A desafección da xente cara aos informativos dos medios públicos é cada vez maior e Pombo, polo seu cargo, é unha das culpables, senón a gran culpable", remata.
Porque a representación laboral cre que todo indica que a actual situación que denuncia "pode ir a peor". "Temos medo de que así sexa porque a proposta supón non recoller ningunha das nosas demandas de todos estes anos; había moitas maneiras de orientar o camiño futuro dos medios públicos, aínda vindo da man do PP, pero a mensaxe que lanza é bastante clara: se non queres caldo, toma dúas cuncas", resume Raquel Lema.

"Rueda parecía moderado no que ten que ver coa CRTVG ao lado de Feijóo, pero demóstrase como todo o contrario"
A presidenta do comité intercentros recoñece que Pombo "non estaba nas cábalas" nin da representación laboral nin de "ninguén do cadro de persoal". "Quen ía esperar tan mala noticia, esta mensaxe demoledora de continuidade? Hai unha certa intencionalidade non só de premiar e manter a liña dura de manipulación e o control ideolóxico, senón de estendelo a toda a programación e non só aos informativos", explica.
"Se se consuma a elección, será unha nova oportunidade perdida para a urxente renovación que precisan os medios públicos de Galicia", engaden desde Defende A Galega, colectivo que cre que "con esta candidatura tampouco se vai saír da situación de declive na que están os medios públicos".
"É penoso pero estamos dispostos a sorprendernos", aclaran desde o comité, que advirte de que sería benvido "un cambio de rumbo" malia que os precedentes non axuden a pensalo.
"É unha nova oportunidade perdida; con esta candidatura tampouco se vai saír do declive no que están os medios públicos", di Defende A Galega
"Quen sabe se Pombo ten un proxecto diferente do que estivo executando ata agora e anuncia man tendida co persoal, que vai contar con todo o mundo e que vai rematar coa política de represión contra o persoal díscolo", di Lema, que lembra que a nova directora xeral, se se confirma o nomeamento, "ten o poder para marcar esa mudanza na xestión, non só do conflito, senón da situación de risco psicosocial, de desmotivación e de represalias".
Desde o cadro de persoal, hai quen non augura demasiadas boas noticias visto, lembran, o labor de Concepción Pombo á fronte dos informativos. "O ambiente na redacción de informativos é case unha disciplina militar, de ordeno e mando; as decisións non son colexiadas e hai unha estrutura piramidal e xerárquica onde o xornalismo en equipo non existe", explican fontes da redacción sobre un facer diario "de estrutura militarizada, sen opción ao debate nin ás propostas". Non ten vinculación, explican, coa querenza da que se prevé como nova directora xeral polas informacións sobre o exército. "Todos saben que a tendencia a incluír nos telexornais informacións sobre a Armada ou sobre manobras militares provén dela", rematan.