"Estamos en shock, avergonzadas e tristes... Esperabamos que aumentasen o uso dos medios públicos en favor do PP, pero está sendo gravísimo; estanos utilizando máis que nunca como un instrumento partidista e en plena campaña, xusto cando máis hai que demostrar esa neutralidade e pluralidade á que se debe a CRTVG". "Cando pensamos que se chegou a un punto do que xa non se pode ir a peor, a realidade sempre nos quita a razón. Cremos que a peor non podemos ir, pero sempre hai unha volta máis".
"Estamos en shock, avergonzadas e tristes", din profesionais da CRTVG ante o "delirio partidista" e a "manipulación" que sinalan nos telexornais en plena campaña
Son testemuños de dúas profesionais da CRTVG, con anos de experiencia, pasmadas aínda pola intensificación nos espazos informativos dos medios públicos da "manipulación informativa" e do "delirio partidista" que leva tempo denunciando o comité ou Defende A Galega. Polo seguimento "calcado" —ou mesmo máis extremo, advirten algúns— do argumentario e da estratexia do PPdeG nos telexornais da TVG e nos boletíns informativos da Radio Galega.
Denúnciano cando, xusto este venres, persoal mobilizado co colectivo Defende A Galega celebra o seu 300º venres negro, no que é a protesta máis longa nun medio público estatal. 300 semanas (cinco anos e nove meses) reclamando aínda un estatuto profesional e o consello de informativos que ordena a lei, denunciando o "control político" ou demandando a remuda do actual director xeral. Alfonso Sánchez Izquierdo, designado hai 15 anos, continúa no cargo grazas a unha reforma lexislativa inserida na tramitación dos Orzamentos en 2016 para esquivar o imperativo legal de ser elixido por maioría reforzada do Parlamento.
O persoal mobilizado chega ás 300 semanas de protesta nunha casa con cada vez máis conflito e con menos medo. Pero recoñecen o seu "abraio" ante a deriva. Traballadoras asombradas, como tantos, insisten, pola "maquinaria de propaganda" e os "criterios antixornalísticos" que con cada vez menos pudor rexen os informativos da CRTVG, especialmente durante esta campaña electoral. "As noticias van orientadas a presentar o Goberno central cunha ollada negativa, a obviar ou desprazar ao final calquera noticia sobre Galicia e a servir os intereses e a estratexia electoral do PP", explican. Un dos exemplos máis indignantes, din, este pasado mércores 14. Pero houbo e haberá máis, advirten.
Persoal destaca a "maquinaria de propaganda" e os "criterios antixornalísticos" para favorecer o PP
A catro días das eleccións galegas, os titulares do Telexornal Mediodía evitaron, unha vez máis, calquera referencia á campaña. Centráronse na morte de dous gardas civís a mans de narcotraficantes en Barbate e nas negociacións sobre a amnistía entre PSOE e Junts, obviando calquera información sobre o recoñecido achegamento do PP ao independentismo catalán para a investidura de Feijóo. Aludiron á marcha atrás do ex-ministro Garzón na súa intención de fichar por unha consultora, ás protestas agrogandeiras fóra de Galicia, a un intento de roubo nunha farmacia de Málaga ou á vitoria do Real Madrid na Champions. Polo medio, a denuncia de dúas asociacións de vítimas que critican os supostos vínculos dun colaborador no grupo parlamentario do BNG na Eurocámara con ETA.
"Como tantas compañeiras e compañeiros, acabas indignada, avergonzada e moi triste", explica unha xornalista da CRTVG nada máis ver o Telexornal. Un informativo que avanzou afondando no conflito en Barbate, nas conversas pola amnistía, nun novo xuízo contra o etarra Txapote, na reunión da patronal co conselleiro do Mar ou nas tractoradas no sur de España. Un chisco antes, nunha gravación caseira e co móbil, unha voceira da Asociación de Vítimas do Terrorismo (AVT) advertía que "o BNG demostrou que está a favor dos terroristas".
As críticas polo enfoque informativo da TVG e da Radio Galega intensifícanse coincidindo co 300 'venres negros': cinco anos e nove meses de protestas contra a "manipulación"
"A información en tempos electorais sempre é delicada, pero desta vez, ao haber un resultado incerto, a CRTVG puxo a funcionar toda a súa maquinaria de manipulación... Só hai que ver os informativos, onde esta manipulación agora é extrema", conta outra compañeira. "Hai bloque electoral porque é por mandato, senón...", ironiza quen cualifica de "escandaloso" o proceder dos máximos responsables dos medios públicos.
Para chegar a información electoral, no Telexornal Mediodía do pasado mércores, houbo que agardar 24 minutos. Antes, apenas unha información sobre Galicia. O pasado luns, e logo de que o PP alborotase a campaña do 18F tras difundir os seus contactos con Junts, o mesmo espazo informativo da TVG abría os seus titulares cunha leve referencia ás "derradeiras enquisas", lembrando que coinciden nun probable novo goberno do PP e obviando os datos do inquérito do CIS para Galicia que fora publicado tres horas antes.
Na radio, o pasado mércores, a Crónica das dúas centrou tamén os seus primeiros minutos na lei de amnistía, nas protestas agrogandeiras, nos problemas co narcotráfico na provincia de Cádiz e na mesma denuncia sobre o BNG das asociacións de vítimas do terrorismo. "Xa non é a manipulación, é o desprestixio que isto supón para os medios públicos, algo que vai ser difícil de remontar, así como o desleixo e desinterese á hora de facer radio; a falta de calidade, en definitiva", lamenta unha veterana traballadora da Radio Galega.
"É moi grave que haxa xente disposta a arrastrar de tal maneira a reputación da CRTVG"
"É moi grave que haxa xente disposta a arrastrar de tal maneira a reputación da CRTVG", continúa unha profesional. "Isto tarda en recuperarse, pase o que pase no futuro, a perda de prestixio para os medios públicos de Galicia está sendo tan grande que vai ser difícil de revertelo", lamenta outra compañeira.
"Moitas traballadoras da CRTVG son alleas e contrarias ao uso obscenamente partidista que se fai dela, aínda máis grave en plena campaña electoral. A reputación dos medios públicos e dos seus profesionais non pode arrastrarse pola lama. Non coas nosas mans", denunciou Defende A Galega xa o pasado mércores, consciente do balbordo que erguera o enfoque da TVG e da Radio Galega nos seus espazos informativos.
Persoal apartado
Pero, como é posible? "Pois centralizando as informacións en cada vez menos xente, afín a determinado partido, en poucas persoas que determinan os contidos e o enfoque; marxinando boa parte do persoal, que ou non fai case nada ou dedícase a informacións menores. É triste, pero é así: hai profesionais que apenas traballan porque non lles deixan", explica unha traballadora.
"Hai moitos profesionais que non traballan porque na CRTVG non queren que traballen; moitos facemos pouco, pouquísimo, porque non nolo permiten e porque non lles importa a calidade do produto: téñennos mirando para o aire", relata unha xornalista que insiste en poñer o foco "non só na escandalosa manipulación, senón na perda de calidade e prestixio dos medios públicos".
"A TVG e a Radio Galega sempre eramos os primeiros en chegar aos sitios, sempre estabamos... Agora a moitos sitios nin imos", destaca quen di que sempre houbo "manipulación" pero que advirte da "calidade, respecto e profesionalismo" en épocas anteriores e que agora "non existe". "Só hai desleixo e propaganda", resume.
A reacción, destacan, ante o "escándalo" que din vivir todos os días na redacción ao comprobar a "deriva" informativa tampouco é a que era. "É todo tan grave e evidente que hai quen xa optou polo humor negro e por desconectar de todo ao saír pola porta; é a única maneira de levar isto", engaden. "Chegas a normalizar que se castigue xente sen traballar; sabes da gravidade, pero leva tanto tempo sendo habitual que aprendes a levalo", explica a compañeira.
Persoal pon o foco "non só na escandalosa manipulación, senón na perda de calidade e prestixio dos medios públicos"
Pero non todo o mundo o soporta igual. Desde Defende A Galega e o comité hai xa tempo que se reclama á dirección da CRTVG un estudo psicosocial aínda pendente. Advirten do "mal clima laboral" (non entre compañeiros, aclaran) ou das consecuencias das "represalias" ao persoal crítico e do "delirio informativo" instaurado. Alertan, tamén, de traballadores medicados, numerosas baixas por depresión ou cadros de ansiedade causados por esta situación, e mesmo achegan exemplos que, malia resultaren inverosímiles, ratifican varios testemuños: "Logo de gravar algunha peza informativa en centros de saúde, houbo médicos que fóra de cámara nos preguntaron que é o que acontecía na Corporación para ter que atender tantos casos semellantes".
"Como non che vai afectar o que ocorre? Tes que ser alguén moi cínico e despegado das obrigas que tes como empregado público ou como xornalista dun medio público para que non che afecte", resumen as mesmas fontes, que insisten en que á inmensa maioría do persoal da CRTVG "impórtalle o seu traballo e onde traballa e ten en conta que somos servizo público".
Precisamente, en campaña, a situación dos medios públicos galegos foi un dos temas abordado polos partidos de esquerda. Aínda no debate entre Ana Pontón (BNG) e Gómez Besteiro (PSdeG) o pasado mércores en RTVE, a candidata nacionalista denunciou a deriva de "telePP", apostando porque o cambio político provoque que o deste venres sexa "o último venres negro" na Corporación.
Na entrevista con Praza.gal, Pontón apostou por facer un "cambio radical na CRTVG". "É unha vergoña termos uns medios públicos secuestrados polo PP; case é Tele PP, non é a televisión dos galegos e galegas", dixo, avogando por un cambio na lei que permita "un modelo de elección da dirección e do consello que sexa representativo e plural e que permita que a televisión non estea ao servizo de ningún grupo político senón da pluralidade".
Tamén na súa conversa con este diario, o candidato socialista, Gómez Besteiro, advertiu que o cambio nos medios públicos ten que ser "absolutamente sideral". E avogou por "un cambio cara á pluralidade, o respecto ás ideas e a non manipulación". "Porque o que goberna non ten que protagonizar e cooptar toda a acción da televisión pública, senón que debe ser plural e respectar e render contas á cultura galega". "A CRTVG é instrumento fundamental para o noso idioma e a nosa cultura, pero de maneira heteroxénea e respectando as diferentes formas de entendernos, non o que está sendo, que desgraciadamente se ve", dixo.