A xustiza investiga a dirección da CRTVG por presuntos delitos de acoso moral e contra os dereitos dos traballadores cometidos contra unha traballadora dos medios públicos. O Xulgado de Instrución número 1 de Santiago de Compostela abriu a finais do pasado mes de maio dilixencias previas contra varios directivos da Corporación logo da querela presentada pola profesional semanas antes.
Este novo conflito xudicial entre a dirección da CRTVG e o seu persoal únese ás numerosos procesos abertos nos últimos anos e incide nas advertencias do "clima laboral asfixiante e insostible" que o comité intercentros e colectivos como Defende A Galega levan tempo denunciando.
A maxistrada di que dos feitos expostos pola afectada "despréndense indicios de posible comisión dun delito de acoso moral e doutro contra os dereitos dos traballadores"
Desta vez, segundo o auto adiantado por Nós Diario e ao que tivo acceso íntegro Praza.gal, dos feitos expostos pola traballadora afectada "despréndense indicios de posible comisión polos querelados dun delito de acoso moral e doutro contra os dereitos dos traballadores", polo que a xuíza decidiu admitir a trámite a súa demanda.
As persoas quereladas -e agora investigadas pola xustiza- son oito cargos directivos con responsabilidades en áreas de Informativos, Programas, Recursos Humanos ou Innovación.
A xuíza tomará declaración aos directivos da CRTVG querelados "en calidade de investigados" unha vez declare a querelante a finais de setembro
Entre as dilixencias de instrución encargadas pola maxistrada, solicita á querelante copia da demanda presentada perante a xustiza na que impugnaba unha sanción que lle fora imposta e á que fixo referencia na súa querela, así como a copia da sentenza deste proceso xudicial paralelo, no caso de que xa fose ditada.
Xa houbo un caso semellante o doutro traballador dos medios públicos, Carlos Jiménez, no que recaera tamén unha sanción (de suspensión de emprego e soldo de nove días) por, supostamente, incorrer nunha incompatibilidade. O implicado recorreu e, primeiro un xulgado santiagués e logo o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), ratificaron que a Corporación sancionara o xornalista en represalia por mobilizarse cos venres negros.
Agora, a traballadora que presentou a querela contra os directivos dos medios públicos galegos terá que declarar no vindeiro mes de setembro e farao, segundo ordena a xuíza, acompañada pola psicólogo da Oficina de Atención Á Vítima e mediante videoconferencia "para evitar a súa vitimización secundaria", segundo aclara o contido do auto.
Ademais, a xuíza solicita ao Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga) un informe do seu equipo psicosocial "sobre se a querelante presenta dano psíquico compatible cos feitos denunciados", así como á Valedora do Pobo que "remita todos os expedientes tramitados en relación coa afectada". A maxistrada tomará declaración aos directivos da CRTVG querelados "en calidade de investigados" unha vez declare a querelante, pero aínda non hai data sinalada.
Non será o único proceso xudicial que afronte a dirección dos medios públicos nos vindeiros meses. Desde hai xa tempo, e logo de varias xornadas de folga, o persoal da CRTVG mantén a mobilización e varias demandas, das que destaca a de "repoñer nos seus postos a varios traballadores e traballadoras que foron trasladados" do seu posto habitual, segundo o comité de empresa, "como castigo por non ser dóciles ante a dirección" e logo de varios episodios de censura ou inxerencias nas súas informacións.
Múltiples conflitos xudiciais co persoal
Esa petición foi o principal atranco das negociacións que mantiña a representación do persoal e a CRTVG, ao negarse a dirección a aceptar tratar calquera tema que teña que ver con "supostos, hipotéticos e infundados" abusos, tratos degradantes ou represión na súa casa, asuntos que si serán tratados en sede xudicial.
Porque catro dos profesionais que advirten ter sido desprazados das súas funcións habituais como "represalia" presentaron xa ante a xustiza unha demanda contra a CRTVG por vulneración de dereitos fundamentais, denuncia polo que a Corporación terá que afrontar varios xuízos no vindeiro mes de xuño. Entre as implicadas, Mayte Cabezas, trasladada á radio logo de 30 anos como presentadora na TVG e aos poucos días de criticar a Núñez Feijóo en redes sociais.
É o conflito -tamén xudicial- que non cesa na CRTVG. Aínda o pasado 16 de maio, o Tribunal Supremo declarou firme unha condena á CRTVG por vulnerar a igualdade e discriminar por sexo unha traballadora á que rexeitou unha petición correctamente xustificada para adaptar a súa xornada laboral por conciliación coa súa vida familiar. O ente público non negociou con ela, como obriga a lei, polo que foi condenado a indemnizala con 6.200 euros.
Foi unha máis das sucesivas sentenzas en contra que ten recibido nos últimos anos a CRTVG por diferentes conflitos co seu persoal. De feito, a propia Xunta admitiu que a Corporación perdeu a metade dos litixios laborais que mantivo cos seus profesionais desde 2018 e ata xuño de 2022: 176 sentenzas, das que 87 foron favorables para os e as traballadoras. Algunhas implicaron mesmo a anulación de ordes da empresa que modificaban as condicións de traballo de varias persoas ou, moito antes, a confirmación da ilegalidade que supoñía a vixilancia do correo persoal dos traballadores levada a cabo pola dirección da CRTVG.
Pero hai moitas máis: son centos (máis de 200), por exemplo, as demandas gañadas por persoal da CRTVG ao que os tribunais recoñeceu a súa condición de indefinido nos últimos anos e logo de que se denunciase o "uso abusivo e fraudulento da relación laboral ou cesión ilegal de traballadores". Confirmábase así nos xulgados o abuso da temporalidade que os profesionais levaban tempo denunciando e que o propio Supremo evidenciara noutra sentenza na que obrigaba a TVG a indemnizar ou readmitir unha traballadora que asinara 152 contratos nunha década.
O mesmo alto tribunal confirmou tamén hai algo máis de tres anos a condena que se ditara contra a CRTVG por vulnerar o dereito á folga feminista do 8M. Daquela, o Supremo acusara a Corporación de substituír unha presentadora que secundara o paro para “limitar o dereito de folga” e “neutralizar o efecto propio e esencial do exercicio dese dereito”. Unha situación semellante á que lle valera outra condena por vulnerar o dereito ao paro en 2019.
Con todo, dos últimos golpes xudiciais á CRTVG destaca, sobre todo, a devandita primeira sentenza por represalias a un traballador crítico. O alto tribunal galego confirmaba a sentenza previa que acusaba a empresa de sancionar o xornalista Carlos Jiménez por mobilizarse contra a manipulación nos venres negros, que veñen de facer cinco anos. Un lustro de protesta permanente desde dentro dos medios públicos.
O BNG pide o "cesamento inmediato" da actual dirección da CRTVG, que di que aínda non recibiu notificación ningunha do caso
Tras coñecerse este último conflito, o BNG esixiu xa o "o cesamento inmediato" da actual dirección da CRTVG. A deputada nacionalista Olalla Rodil advirte da "imputación dunha importante parte dos dirixentes, incluído o director xeral, Alfonso Sánchez Izquierdo" e considera "gravísimo" o feito, polo que cre que "a actual dirección debe ser cesada de maneira inmediata" porque "non é a primeira vez que pasa".
Desde a CRTVG, e segundo o publicado pola axencia Europa Press, aseguran que nin a Corporación nin ningunha das persoas quereladas recibiron notificación ningunha. Ademais, aclaran que á vista do publicado, entende que a querela presentada é unha "réplica de accións previas e xa xulgadas".