Nunha das últimas sentenzas, datada o pasado 14 de febreiro, o TSXG ratifica un ditame anterior contra a CRTVG por despedimento improcedente, advirte de que a traballadora demandante virou en indefinida logo de máis de trinta contratacións temporais en fraude e certifica que en máis de doce anos como persoal dos medios públicos asinou un total de 150 contratos temporais, a unha media de un por mes.
Máis de 200 sentenzas xudiciais tornaron en indefinidos contratos de persoal da CRTVG, onde o 40% dos traballadores son temporais
É unha das máis de 200 demandas gañadas por persoal da CRTVG aos que se recoñeceu a indefinidade nos últimos anos por vía xudicial. Os cálculos dos sindicatos falan de arredor dun 40% do persoal temporal e denuncian o que consideran un "uso abusivo e fraudulento da relación laboral ou cesión ilegal de traballadores", situacións recoñecidas por xulgados, que asumiron máis de 300 demandas de traballadoras e traballadores dos medios públicos, moitas delas só á espera dun ditame firme que engada máis xente á lista de contratacións irregulares nos medios públicos.
Precisamente, este martes, persoal da CRTVG volveu mobilizarse na sede central de San Marcos e en todas as delegacións, secundando unha protesta para demandar estabilidade e a consolidación de todo o emprego temporal que evite, ademais, 40 despedimentos. Acabará -agás acordo previo- en varias xornadas de folga, nunha reclamación coa que o comité intercentros -con todos os sindicatos implicados- pretende pór fin á "precariedade, temporalidade e concatenación de contratos" que afecta boa parte dos traballadores e traballadoras da Corporación.
"Non é unha situación moi diferente á que denuncian as enfermeiras eventuais; o sistema de contratación do Sergas parécese bastante ao da CRTVG"
Son moitas as persoas afectadas. Persoal que acumula máis de vinte anos -algún mesmo máis de trinta- encadeando contratos sen relación de estabilidade, outros ás que a Xustiza lles recoñeceu ser vítima de cesión ilegal á CRTVG mediante empresas interpostas, xente que acumula máis de 1.000 contratos -a maioría por días-, traballadoras con máis de dez anos de experiencia e con sentenzas firmes de indefinidade ás que non lles aseguran o emprego...
"Non é unha situación moi diferente á que denuncian as enfermeiras eventuais; o sistema de contratación do Sergas parécese bastante ao da Corporación", conta a Praza.gal unha das traballadoras afectadas polo conflito.
Na súa protesta, persoal da TVG e da Radio Galega reclama que a empresa "reabra" a negociación que din que pechou "sorpresiva e unilateralmente" sobre as prazas afectadas polo proceso de estabilización de emprego prevista na lei de interinos que entrou en vigor a finais do pasado ano e coa que se prevé reducir a temporalidade no emprego público.
"Hai vinte anos que son os xulgados os que lle están a facer o cadro de persoal á CRTVG"
O comité intercentros denuncia que a dirección de Recursos Humanos busca "ratear prazas ou postos ocupados durante anos e anos por persoal temporal que poderían estabilizarse e consolidarse nos procesos extraordinarios que se deben desenvolver ao abeiro desta lei". Advirte que unhas 40 persoas perderán directamente o emprego de non incrementarse o número de prazas que prevé convocar a CRTVG e que acabarían na rúa traballadoras e traballadores con dez, quince ou vinte anos de experiencia e labor continuada nos medios públicos.
Coas negociacións aínda en marcha, a CRTVG ofrece facer emerxer perto de 270 prazas, das que máis de 200 son as que foran xa recoñecidas como indefinidas por sentenza xudicial. "Véñenlles feitas", chancea un traballador. "A esta compañía hai vinte anos que lle están a facer o cadro de persoal os xulgados", responde outro. A intención é que os sindicatos pacten unha proposta definitiva nestes días. "Se finalmente non hai folga, sería bo sinal", din.
Persoal lembra que xa en 2011, data na que "se convocaron só parte das prazas en temporalidade, case un cento de compañeiros saíron pola porta". "Algúns volveron traballar a media xornada, pendentes de chamadas ou para substitucións... Outros, nin iso", explican tras insistir nun sistema de contratación que só fomenta "a temporalidade, a precariedade e a fraude".
Algúns casos son o mellor exemplo. Unha das traballadoras consultadas por Praza.gal explica o seu. "Desde 1998, cando entrei de prácticas, debo levar asinados uns trinta contratos, un número baixo tendo en conta que hai quen asinou centos ou mesmo superou os mil ao ser contratado por días", explica.
Leva toda a vida na TVG traballando como xornalista, pero tivo contratos de todo tipo. Primeiro encadeou "todos os de prácticas posibles" durante dous anos e medio, "cobrando 300 euros ao mes, a xornada completa e sen dereito a nada". De aí en diante, un "baile" por diferentes modalidades: contrato artístico -"por aí cólase de todo, para ben e para mal", din desde dentro-, de adxunta á dirección, por ETT de substitución -"cando en realidade non substituías a ninguén senón que cubrías ocos"- ou de obra e servizo "para programas nos que en realidade non traballaba".
Unha xornalista resume tos tipos de contrato asinados en máis de vinte anos: de prácticas, artístico, de adxunta á dirección ou de substitución por ETT
Dez anos despois da súa chegada á TVG, denunciou a súa situación no xulgado, que sentenciou a súa indefinidade firme en xaneiro de 2011. Nese mesmo ano, nas oposicións nos medios públicos, e malia quedar entre os primeiros postos, o número de prazas non foron suficientes para obtela definitiva. "Desde aí, outra vez a encadear contratos de substitución e outras modalidades", di. Ata hai pouco. No verán, no seu último cesamento, advertíronlle que a única opción era asumir contratos a tempo parcial, de media xornada.
"O grave de todo este periplo é que moito persoal non sabe (non sabemos) cando empezan e cando acaban os contratos. Estás na man da empresa, sen poder organizar a túa vida nin poder tomar decisións claves como mercar unha vivenda ou ser nai. Vivimos a golpe de chamadas telefónicas", conta esta xornalista que compara a súa situación "coa das enfermeiras eventuais".
Como engadido, os atrancos que os contratos parciais e os períodos sen traballar -"ata de oito meses nalgúns casos"- supoñen á hora de sumar puntos nas oposición polos servizos prestados. "Durante un tempo chegábannos a dar de baixa os venres e de alta o luns, non cotizabamos as fins de semana", lembra. "E agora, a CRTVG parece decidida a non sacar todas as prazas que se precisan, deixando traballadoras con anos de experiencia na rúa cando a lei de interinos che dá unha oportunidade única", remata. "Hai xente que leva trinta anos aquí, con fillos, e que vai quedar sen nada se isto non se arranxa", engade outro.
"Moito persoal non sabe cando empezan e cando acaban os contratos. Estás na man da empresa, sen poder organizar a túa vida"
O desta traballadora é un dos casos comúns. Nas delegacións, os máis habituais parten de condenas por cesión ilegal. Na maioría dos casos, contratados por produtoras de medios de comunicación durante varios anos. "Pero traballabamos directamente para a TVG e non tiñamos ningún contacto coa empresa que asinaba as nosas nóminas... Iso si, tiñamos peores salarios e condicións laborais que os empregados da Corporación", destaca unha xornalista afectada.
Logo de catro anos así, a Xustiza recoñeceulle a antigüidade, obrigou a CRTVG a contratala -como a moitos outros- e pasou a ser indefinida por sentenza. Agora, é unha das afectadas que podería ter que marchar da televisión pública ao non dotarse as prazas suficientes. "Moitos non temos sitio malia que somos persoal estrutural e necesario para cubrir a información de todo o territorio", di esta muller que leva máis de quince anos traballando ininterrompidamente nunha delegación.
"A CRTVG non quere consolidar o emprego temporal necesario nin dar cobertura a todos os traballadores que levan anos precarizados", insiste sobre uns medios públicos que, advirten os sindicatos, contan cun cadro de persoal oficial "de pouco máis de 800 persoas pero que en realidade, contando todos os temporais en fraude ou as diferentes modalidades de contratación, rolda os 1.000".
"A situación idílica coa que algúns identifican o traballo na CRTVG non é tal", resumen varios testemuños
"Cada praza que conseguimos para que se estabilice e consolide tivémola que pelexar moi duramente, nunha negociación complexa, pero nin así se cobren as necesarias. É un problema de xestión de recursos humanos que vén de moi lonxe", insisten fontes sindicais.
"Desde hai case trinta anos que empecei na CRTVG traballei de autónomo, con contrato artístico e para empresas interpostas, unha situación que logo se recoñecería como cesión ilegal nos xulgados", conta outro traballador que relata o "difícil labor" de demostrar a "fraude" ante os maxistrados, que acabaron -como en centos de casos- condenando a Corporación. Coa oposición superada, tampouco sabe aínda se quedará na empresa, na que empezou sendo practicamente un rapaz.
Todos os testemuños, ademais, coinciden en que os seus relatos sirvan para negar "a situación idílica coa que algúns identifican o traballo na CRTVG". Polo menos non en todos os casos, nin moito menos. "O 40% dos traballadores e traballadoras dos medios públicos somos temporais, moitos deles con décadas encadeando contratos e tendo que acudir á Xustiza para que se lles recoñecese a fraude cometida e a indefinidade", coinciden todos. Agora, rematan, loitan por evitar que moita desta xente teña que marchar e que o "desmantelamento" que levan tempo denunciando sindicatos ou Defende A Galega se acentúe.