Douscentos 'venres negros': "Feijóo deixa Galicia cuns medios públicos ao servizo do PP"

Concentración de persoal da CRTVG nun 'venres negro', en 2018 CC-BY-SA Praza Pública

Mobilizacións cidadás masivas pola sanidade pública en Valdeorras que foron silenciadas ou minimizadas nos telexornais mentres se gravaban imaxes de nevaradas a poucos quilómetros; unha emisión de bonos sostibles por parte da Xunta que o xornalista gaba definíndoos como "a marca de auga dos gobernos de Alberto Núñez Feijóo"; ou a recolleita dun testemuño dun cidadán citado para a vacinación contra a COVID que resultou ser o do director do Telexornal Mediodía. Son tres dos exemplos que a plataforma Defende A Galega difunde como dos "máis lamentables" da manipulación que levan case dous anos denunciando na TVG e na Radio Galega. 

"Feijóo deixa Galicia cuns medios públicos ao servizo do PP", denuncia Defende A Galega

Son xa 200 venres negros desde que a finais de maio de 2018 a plataforma que une boa parte do persoal dos medios públicos comezase a vestir de loito denunciando o "control político" e a inxerencia da Xunta, esixindo o cumprimento da lei de medios e a remuda do director xeral da CRTVG -Alfonso Sánchez Izquierdo leva doce anos no cargo a pesar de que a súa continuidade tiña que terse sometida a votación en 2012- ou reclamando a fin do "desmantelamento" tras a redución e posterior supresión dos informativos locais ou a "perda de calidade" nos contidos. 

"Despois de 200 semanas de protesta, a dirección da Corporación non deu ningún paso para avanzar cara a uns medios públicos plurais, imparciais e neutrais. A Radio e a Televisión de Galicia están cada vez máis lonxe de contribuír á formación dunha opinión pública plural e máis atentos a guiala cara a unha opción política concreta", di nun comunicado Defende A Galega, que denuncia que "Alberto Núñez Feijóo deixa Galicia cuns medios públicos ao servizo do Partido Popular". 

Alfonso Sánchez Izquierdo e Alberto Núñez Feijóo CC-BY-NC-SA Ana Varela

"Logo de 200 semanas de protesta, a CRTVG non deu paso ningún cara a uns medios plurais, imparciais e neutrais", di o colectivo

Case catro anos despois, a Corporación Radio e Televisión de Galicia aposta polo desgaste en forma de desleixo e silenciamento da protesta. Ou mesmo máis aló. "A resposta da dirección da CRTVG ás traballadoras e traballadores que se retratan de negro oscila entre o ostracismo e a represalia", explica Defende A Galega, que xunta desde caras ben visibles e coñecidas para o público -aínda que non todas- ata cámaras, redactores e demais persoal. 

"Despois de case catro anos e máis alá das prácticas sistemáticas de manipulación, os problemas que motivaron as primeiras protestas están aínda máis enquistados: desmantelamento do servizo público, especialmente nas delegacións e na información local (practicamente inexistente desde a supresión das desconexións territoriais), degradación profesional e redución ao mínimo da produción propia", lembra o persoal mobilizado, que repara tamén que tras dez anos da aprobación da lei de medios e logo de 200 semanas reclamando que se cumpra a lexislación, "nin a Radio nin a TVG contan aínda cun Estatuto Profesional e un Consello de Informativos que vele pola independencia, veracidade e obxectividade dos contidos". "Unha esixencia legal que continúa bloqueada pola dirección", advirten. 

"Que pasaría neste país ou no Estado se o que aquí pasa ocorrese na TV-3 ou en TVE?", adoitan reflexionar en privado desde o colectivo. Refírense a fitos como a concorrida manifestación en Compostela, a dimisión de dous destacados presentadores do Telexornal en protesta polo control informativo, o amplo seguimento de varias folgas, convocadas polos sindicatos e secundadas polo colectivo, o recoñecemento da mobilización cun Premio José Couso á Liberdade de Prensa que foi deliberadamente silenciado nos medios públicos,  reprimendas da Xunta Electoral por falta de "neutralidade" ou represalias en forma de apertura de expedientes a xornalistas críticos, como denuncia Defende A Galega, no caso de Tati Moyano ou Carlos Jiménez. Iso hai meses. 

A Xustiza condenou a CRTVG tras sancionar un xornalista por mobilizarse e persoal leva anos denunciando represalias en forma de expedientes

Nas últimas semanas, a "escandalosa" anomalía da que se advirte nos medios públicos fíxose evidente en forma de sentenzas xudiciais que sinalan de forma moi contundente o proceder da CRTVG. Nunha delas, o Supremo obrigou a TVG a indemnizar ou readmitir unha traballadora tras 152 contratos nunha década; noutra, o TSXG condenou a CRTVG por impedir conciliar a outra traballadora e vulnerar os seus dereitos fundamentais; na máis rotunda, como lembrou ester xoves Defende A Galega, un xulgado "atribúe a apertura dun expediente laboral a un traballador á súa participación nas accións de protesta de Defende a Galega", en referencia ao xornalista Carlos Jiménez, un dos rostros e voces máis coñecidas e moi activo nas protestas.

Carlos Jiménez, participando no Venres Negro 168º, o pasado agosto de 2021 CC-BY-SA Defende a Galega

"A Xustiza acreditou algo que levamos anos sufrindo e denunciando, que non existe liberdade de expresión e que existen represalias por esixir imparcialidade informativa e pluralidade", advertira o sindicato CUT, cuxo letrado levou o caso. 

A resposta da dirección da CRTVG, malia a gravidade das denuncias, é sempre a mesma: desleixo, desprezo ou ignorar as reivindicacións. Tamén Feijóo, que abandonará a Xunta logo de trece anos no goberno sen atender ningunha das demandas nin tan sequera considerar que existen. Cando a mobilización se achegaba ás cen semanas, o presidente asegurara que non sabía se seguía en pé. Ao iniciarse, dixera que a manipulación acabara coa súa chegada ao poder

Desde a dirección mesmo se evita aludir ao nome do colectivo: "Esa plataforma que vostedes citaron", "certos grupos minoritarios", "un grupo de persoas" ou "movemento reivindicativo" son algúns dos eufemismos empregados por Alfonso Sánchez Izquierdo nas súas comparecencias na comisión de control parlamentaria da CRTVG, onde chegou a acusar a traballadores de alegar persecución ideolóxica por "intereses persoais".

"Seguimos pedindo algo moi sinxelo: que se cumpra a lei, que se poña a CRTVG ao servizo da sociedade que a sostén"

"A sensación é de absoluta impotencia", coinciden en sinalar as portavoces de BNG e PSdeG na devandita comisión, Olalla Rodil e Noa Díaz, protagonistas da boa parte das preguntas e confrontacións con Sánchez Izquierdo, do que destacan que "cobra un soldo máis alto que o do presidente da Xunta, vai alí a escoitar e non dá resposta de nada". 

"200 Venres Negros despois seguimos pedindo algo moi sinxelo: que se cumpra a lei, que se poña a CRTVG ao servizo da sociedade que a sostén", conclúe o colectivo mobilizado desde hai catro anos. 

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.