Unha xuíza do Social primeiro e o TSXG despois apreciaron fraude na sucesión de contratos, pero a corporación pública recorreu para non ter que recoñecer un despido improcedente, que agora ratifica o Supremo
O Tribunal Supremo vén de ratificar e facer firme unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que condenou á Corporación Radio e Televisión de Galicia (CRTVG) a readmitir ou indemnizar como despido improcedente a unha operadora de cámara á que contratou 152 veces nunha década. Unha xuíza do Social primeiro e o TSXG despois apreciaron fraude na sucesión de contratos coa muller, pero a corporación pública recorreu para non ter que recoñecer un despido improcedente e agora o Supremo volve rexeitar a súa postura.
A muller, operadora de cámara de primeira, tivo 14 contratos temporais entre finais de 2002 e mediados de 2006 e outros 151 contratos entre comezos de 2008 e o 29 de marzo de 2015. Catro meses máis tarde, o 4 de agosto de 2015, asinou un contrato de relevo que durou catro anos, ata agosto de 2019. Cando rematou ese último contrato reclamou ser recoñecida como indefinida desde comezos de 2008 para lograr ou unha indemnización por despido improcedente ou a súa readmisión.
Un primeiro xulgado do Social de Santiago apreciou “fraude contractual na maioría” dos contratos, pero rexeitou recoñecerlle o despido improcedente e antigüidade que reclamaba porque non considerou que houbese continuidade entre o último dos 151 contratos iniciais, rematado o 29 de marzo de 2015, e o seguinte tras o que denunciou a súa situación, asinado o 4 de agosto, xa que pasaran catro meses.
Considerar que os catro meses que pasaron entre dous dos 152 contratos rompía a súa continuidade "facilitaría precisamente o éxito da conduta defraudadora" da CRTVG, dixo o TSXG nunha sentenza agora ratificada polo Supremo
A traballadora recorreu e o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia revocou a valoración da xuíza de primeira instancia ao considerar que si que había continuidade entre as contratacións. O TSXG reiterou o carácter fraudulento da sucesión de contratacións previas e considerou razoable que ante esa situación “sigamos un criterio máis relaxado, con maior amplitude temporal, na valoración do prazo que deba entenderse significativo como rupturista da unidade contractual”. O contrario, dicir que catro meses entre o penúltimo e o último contrato xa era tempo suficiente como para non consideralos contratos sucesivos, “facilitaría precisamente o éxito da conduta defraudadora” da CRTVG.
Por iso, o TSXG considerou “que a relación laboral presenta características de indefinida” con antigüidade desde 2008, polo que o cese que se produciu en 2019 “é constitutivo de despido improcedente”. Ese tribunal condenou á CRTVG a readmitir á traballadora ou a indemnizala por un despido improcedente, pero a corporación pública recorreu ante o Supremo.
Agora o alto tribunal ratifica esa sentenza e rexeita o recurso de casación que lle formulou a CRTVG. Nel a corporación pública tentaba comparar este caso con outro no que noutra institución unha traballadora que tamén tivera varios contratos previos fora despedida tras rematar un deles. Naquel caso entre ese contrato e o anterior pasara ano e medio, e non se lle recoñecera á traballadora toda a antigüidade que solicitaba. Pero neste caso, salienta o Supremo, só pasaron catro meses, polo que as dúas sentenzas non son poden ser comparadas.
“Precisamente esa diferenza na duración da interrupción entre contratos nun caso e outro é o que determina a inexistencia de contradición”, di o alto tribunal, que inadmite así o recurso da CRTVG e converte en firme a sentenza do TSXG que obriga á readmisión ou indemnización da traballadora como despido improcedente.