A Xustiza volve condenar a CRTVG e anula os servizos mínimos da folga de decembro

Concentración de persoal da CRTVG en San Marcos durante un paro © CUT CRTVG

Outra sentenza máis contra a CRTVG tras a súa actuación perante unha folga do seu persoal. Desta vez, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) anulou os servizos mínimos impostos pola Corporación para a folga do pasado 19 de decembro e o paro parcial do 22 do mesmo mes por ser contrarios ao ordenamento xurídico. 

O TSXG anula os servizos mínimos impostos pola CRTVG ao entender que non se xustificaron o suficiente nin se achegaron datos sobre os criterios seguidos

Así, o Superior anula a resolución do 11 de decembro de 2018 que fixaba eses servizos mínimos e establece o pago das custas procesuais á CRTVG, ao aceptar o recurso imposto polo comité de empresa contra a orde. 

O TSXG, baseándose na doutrina do Tribunal Supremo e do Constitucional, aclara que a devandita resolución “non proporciona os datos que evidencian os criterios que manexou a Administración” para determinar eses servizos mínimos, unha “falta de explicitación” que impide unha “motivación axeitada” que debe ser “especialmente rigorosa á hora de xustificar os recortes no dereito de folga” e que, neste caso, non xustifica “a determinación dos efectivos” fixada para levar a cabo os traballos nos medios públicos. 

Folga na CRTVG © Comité de folga CRTVG

O tribunal entende que, ante as escasas explicacións e argumentos, non pode resolver se houbo ou non vulneración do principio de proporcionalidade. Con todo, e ante a reclamación do comité polo feito de que fose o director xeral da Corporación, Alfonso Sánchez Izquierdo, e non a Xunta quen determinase os servizos mínimos, o TSXG asegura que “non resulta de recibo” atribuír a este cargo “ a competencia para concretar o persoal que debe permanecer e cubrir” estes servizos mínimos. Entende que, deste xeito, crébanse as “naturais esixencias de neutralidade, obxectividade e imparcialidade que cabe agardar da autoridade gobernativa”. 

O TSXG critica que fose o director xeral da CRTVG e non a Xunta quen fixase os servizos mínimos: "Non resulta de recibo"

“Non esquezamos que o director xeral da CRTVG é directivo, administrador e representante da Corporación, depende da mesma entidade afectada pola folga, polo que, en principio, está privada da esixible neutralidade e imparcialidade para fixar os servizos mínimos esenciais”, engade o Superior, atendendo en parte o recurso do comité e ás da Fiscalía, que pediu que se estimase a demanda por entender que a resolución “foi ditada por un órgano incompetente” e que actuou “de forma desproporcionada”. 

Contra a sentenza, emitida o pasado mércores 25 de setembro, cabe recurso ante o Tribunal Supremo ou ante o mesmo TSXG “sempre que se acredite interese de casación”. 

O ditame é un máis dos varios que nos últimos meses foron emitidos contra a CRTVG. De feito, respecto do paro do 19 de decembro, o mesmo tribunal xa condenara a Corporación por vulnerar o dereito de folgan tras sentenciar que incorrera en “esquirolaxe interna” ao encomendar a unha traballadora “non folguista” a presentación dun programa non incluído nos servizos mínimos que correspondería conducir a “traballadores que seguían a folga”.

En setembro de 2018, a Xustiza condenara a Xunta por uns servizos mínimos “maliciosos” e vulnerar así o dereito á folga feminista no 8M, tamén na CRTVG. Nesa mesma xornada, a TVG vulnerara o dereito á folga, segundo o Superior, que a condenara por unha medida “encadrable na esquirolaxe interna” ao substituír unha presentador que secundara o paro por un home que realizou o seu traballo. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.