O pasado 19 de decembro numeroso persoal da CRTVG secundou a folga convocada formalmente polos sindicatos con representación nos medios públicos. O seguimento da mobilización, con clave estritamente laboral pero tamén contra as prácticas informativas da dirección dos medios públicos, mesmo obrigara a alterar a programación habitual. No entanto, directivos da corporación pública quixeron forzar a emisión dun dos espazos non previstos no servizos mínimos, O Tempo. Ata o punto de vulnerar o dereito á folga das persoas encargadas da súa elaboración.
É a conclusión dunha sentenza ditada este 28 de xuño pola sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que, atendendo a demanda interposta pola CRTVG, condena a corporación pública por poñer en práctica a coñecida como "esquirolaxe interna". Isto é, por decidir que o labor de persoal en folga fose realizado por outros traballadores. O mesmo motivo polo que os medios públicos galego xa foran condenados o pasado 2018, daquela por quebrantar a folga feminista do 8M.
O Tribunal Superior sentencia que a CRTVG incorreu en "esquirolaxe interna" durante a folga do 19 de decembro ao encomendar a unha traballadora "non folguista" a presentación dun programa non incluído nos servizos mínimos que correspondería conducir a "traballadores que seguían a folga"
Segundo consta na sentenza, a cuxo contido tivo acceso Praza.gal, ficou demostrado no proceso que a CRTVG fixo valer o seu "interese en emitir" O Tempo encomendándolle a unha persoa "non folguista" os labores de presentación. Nunha xornada ordinaria "debería ser emitido con traballadores que seguían a folga". "Polo tanto, non podía ser emitido ao non atoparse incluído dentro dos servizos mínimos", conclúe o tribunal.
A canle pública defendeu ante a Xustiza que non incorreu en tal "esquirolaxe interna". O programa, razoa, foi emitido ás 15:35 horas do día da folga, en formato reducido e conducido por unha persoa do mesmo departamento d'O Tempo que comezaba quenda ás 15 horas. A razón desa emisión, agrega, foi "dar satisfacción ao interese xeral", xa que se producira o naufraxio do buque Sin Querer Dos, noticia que "chegou á redacción" da TVG "minutos antes das 14 horas", segundo declarou a directora de Informativos. O Tempo, defendeu, tivo que emitirse para dar conta do naufraxio, "do estado da mar (...) e das previsión nas horas seguintes".
Pero, sempre segundo a sentenza, o TSXG non dá por bos os argumentos da CRTVG. Para comezar, sinala, é irrelevante que a quenda de traballo da persoa "non folguista" comezase ás 15 horas. "Non por iso lle correspondía presentar o programa (...), pois dita presentación correspondía ao persoal" da quenda de mañá, "que se prolonga ata ás 16 horas", isto é, ás dúas persoas "ausentes por estar seguindo" unha folga na que O Tempo non era parte dos servizos mínimos.
O Tribunal Superior dá por demostrado que a CRTVG xa decidira emitir o programa "antes de coñecer o naufraxio", considera probada a "esquirolaxe interna" e condena a corporación a indemnizar o Comité con 6.251 euros por danos e prexuízos
Ademais, resalta, "a nova do naufraxio chegou antes das 14 horas". Para o TSXG ese dato é clave porque demostra que "ben se puido facer referencia á mesma e ao estado da mar no Telexornal Mediodía", que si estaba incluído -en formato reducido- nos servizos mínimos. Tamén porque a xefa de informativos chamou á persoa que substituíu os folguistas "pouco antes das 13 horas", cando "aínda non se coñecía o naufraxio", indicándolle que "consultada a asesoría xurídica, podíase emitir O Tempo". Isto, resalta, "mostra que a decisión de emitir O Tempo se tomara antes de coñecer o naufraxio", noticia "sobre a que pretende amparar o servizo público e o interese xeral para a súa emisión".
Por todo isto, e abeirándose en diversa xurisprudencia ao respecto, o TSXG chega á conclusión que o que primou naquela xornada foi "o mero interese" da CRTVG por "emitir cunha traballadora non folguista un programa, aínda que fose de forma abreviada e resumida, que debería ser emitido con traballadores que seguían a folga" e que, daquela, "non podía ser emitido" por non estar incluído nos servizos mínimos. Dá, por demostrado que "se produce a denunciada esquirolaxe interna e a denunciada violación do dereito fundamental de folga", xa que "merma" a "presión que o comité intercentros pretendía realizar no exercicio lexítimo dun dereito fundamental", o de folga, "contido na Constitución".
Estas son as razóns polas que o Tribunal "declara nula a decisión empresarial" de "substituír" a traballadora en folga por outra que non a secundaba para presentar O Tempo e "declara vulnerado o dereito á folga" por parte da empresa pública. Ademais, o Comité Intercentros debe ser indemnizado por danos e prexuízos con 6.251 euros.