A protesta dos 'venres negros' na CRTVG fai un ano mentres a dirección admite que decidiu ocultala

Representantes do colectivo 'Defende a Galega', na entrega do premio José Couso CC-BY-SA Defende a Galega

Un ano de protestas e de venres negros. Foi o 25 de maio de 2018 cando persoal da TVG e da Radio Galega se uniu á iniciativa xurdida entre os seus compañeiros da Radio Televisión Española, en solidariedade coas súas demandas e para denunciar a manipulación nos medios da CRTVG. Tamén para reclamar o cumprimento da lei de Medios aprobada en 2011 e incumprida dende seis meses despois da súa entrada en vigor, coa creación do Consello de Informativos e a elección da dirección xeral por maioría reforzada do Parlamento entre os incumprimentos máis destacados.

Esta mobilización, na que xermolou o colectivo Defende a Galega, é inédita nos medios públicos galegos tanto pola súa duración como polo seu impacto interno e, sobre todo, externo -con fitos como a manifestación do pasado setembro ou o amplo seguimento da folga de finais de ano, convocada polos sindicatos e que o colectivo secundou-. Esa transcendencia pública da mobilización incomodou especialmente na cúpula da compañía pública. 

Cadrando co primeiro aniversario das protestas de 'Defende a Galega' o director xeral da CRTVG detallou a "decisión corporativa" de obviar que lle fora concedido o premio José Couso primando a "protección da marca e da reputación" sobre "o dereito á información"

O seu director xeral, Alfonso Sánchez Izquierdo, admitía este mesmo xoves no Parlamento a "decisión corporativa" de ocultar a súa existencia. Nomeadamente, tras a concesión a Defende a Galega do Premio José Couso á Liberdade de Prensa, galardón concedido polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e o Club de Prensa de Ferrol que as canles públicas obviaron tras informar con normalidade ao respecto en anteriores edicións. A preguntas do PSdeG, que como o resto da oposición considerou a decisión un caso evidente de "censura", o director xeral concluíu que a canle pública non emitiu esta nova, "como non emite outras moitas cousas", porque "entre a protección do dereito á información, lexítimo" e a "protección da marca e da reputación", decidiu "tomar en consideración" a segunda. Trátase dunha decisión "lóxica", considera Sánchez Izquierdo.

O director xeral cargou tamén contra o Colexio de Xornalistas, entidade regulada por lei dende 1999, por "expedir carnés de xornalistas previo pago dunha cota, pero para ser colexiado non é necesario ter formación regrada" de xornalista. En realidade, a formación universitaria en xornalismo é un requisito legal para ser membro do CPXG, coa única excepción dun período transitorio previo á aplicación da lei e só para xornalistas en exercicio naquela altura (en Galicia non houbo estudos universitarios de Xornalismo ata o curso 1991-92). Diante destas declaracións a entidade profesional emitiu un comunicado "aclarando" as súas funcións e defendendo a "independencia do poder político" que deben ter os medios públicos.

Desde hai  un ano, as camisetas negras e o lema Defende A Galega espallaron as súas demandas por toda Galicia e fóra dela, apañando apoio e recoñecemento pero non a resposta ás súas demandas por parte da CRTVG. Neste tempo Sánchez Izquierdo quitou ferro neste tempo ás protestas, advertindo de que non existe problema ningún ou acusando a quen as impulsan de “técnicas manipuladoras”. Esta semana foi un chisco alén para insinuar a existencia de intereses "políticos", "económicos" ou "de amizades" por tras das protestas dun colectivo ao que atribúe "linchamento dos moitos que non se manifestan". O propio Feijóo desdeñou as mobilizacións e mesmo se negou a responder algunha pregunta sobre o asunto.

As xornalistas Beatriz Moyano e Marga Pazos e mais o locutor Carlos Jiménez son presentados por Defende a Galega como mostra das "represalias" contra as protestas, que o director xeral reduce a "falacias" cuxa difusión, advirte, traerá consigo "consecuencias"

Xunto aos incumprimentos da lei e a "manipulación informativa", o persoal mobilizado denuncia tamén “represalias” en forma de expedientes a varios traballadores implicados nas protestas de Defende a Galega. Pouco despois de iniciarse os venres negros, Alfonso Hermida e Beatriz Moyano, presentadores do Telexornal Serán, dimitiran do seu labor á fronte do informativo polo control informativo ao que dicían ser sometidos. En outubro pasado, a dirección xeral de Recursos Humanos da CRTVG arquivou o expediente que abrira á presentadora durante aquel verán. Moyano fora expedientada por utilizar o servizo de maquillaxe da canle para presentar unha gala benéfica contra o cancro e o proceso contra ela suscitara unha vaga de solidariedade. 

Só uns días despois daquel arquivo, a Corporación abriu outro expediente, desta vez contra o locutor Carlos Jiménez, unha das voces máis recoñecibles das últimas dúas décadas na TVG e na Radio Galega e activo participante, tamén, nas mobilizacións dos venres negros. Abríuselle por unha presunta incompatibilidade tras locutar nun programa elaborado por unha produtora e emitido pola propia TVG, un labor que tiña feito xa en moitas outras ocasións. Cinco meses despois, e logo de múltiples mostras de apoio de compañeiros e persoal da CRTVG que pediron o arquivo do proceso por consideralo unha “represalia” pola súa coñecida significación a prol dos medios públicos, o proceso acabou cunha suspensión de emprego e soldo de nove días por unha falta grave e o recurso nos xulgados do afectado. 

Ante o balbordo xerado por varias das intervencións de Sánchez Izquierdo, a CRTVG deu en divulgar a gravacións da súas respostas "íntegras" a través das redes sociais

Semanas antes, o comité intercentros da CRTVG tamén denunciara “represalias” contra outra xornalista, Marga Pazos, que fora “apartada” das tarefas de redactora, segundo a denuncia, por participar nas mobilizacións dos venres negros, pola defensa da lingua e por denunciar o boicot da TVG á folga feminista. Na súa última intervención parlamentaria Sánchez Izquierdo reiterou que "as represalias non son tal" e gabouse de non "utilizar toda a potencia comunicacional" da CRTVG para "desmontar" as "mentiras" por "sentido institucional". Nesa mesma resposta deixou unha advertencia: haberá "consecuencias" para quen "espalle" o que define como "falacias" sobre o que está a acontecer nos medios públicos galegos. Xa na xornada do 53º venres negro e ante o balbordo xerado por varias das respostas de Sánchez Izquierdo, a CRTVG deu en divulgar a gravación "íntegra" das súas intervencións a través das redes sociais

As concentracións na sede central da CRTVG durante os venres negros tornaron xa en icona das protestas CC-BY-SA Defende a Galega

O persoal mobilizado advirte de que "seguirá loitando" e lamenta e pregúntase cal sería a repercusión da súa mobilización se no canto de na CRTVG se desenvolvese na catalá TV3

Defende A Galega, con todo, teima nas protestas e os seus membros advirten de que "seguirán loitando". Aseguran estar “construíndo unha Galicia inexistente ao servizo do poder” e afirman que “as únicas protestas que caben” nos informativos dos medios públicos son “as que atacan o Goberno central ou os gobernos municipais que non son do PP”. “Debería preocuparnos asumir con naturalidade que ser crítico en Galicia pode supoñer o ostracismo”, resaltaban nunha entrevista con Praza.gal pouco antes de recibir o Premio José Couso, ademais de advertir de que se traten con detalle posibles irregularidades na catalá TV3 pero nada sobre as denuncias na CRTVG. Xa no momento de recibilo, Beatriz Moyano e Carlos Jiménez denunciaron o “mesto valado de silencio” nun emocionado discurso. 

As demandas do persoal mobilizado espalláronse e foron reivindicadas en galas como a dos María Casares, que non foi retransmitida pola canle pública, ou os Martín Códax e mesmo en entrevistas e espazos da propia TVG ou da RG, a onde convidados acudiron coas camisolas negras ou amosaron a súa solidariedade cos traballadores. O director xeral sinala estes pronunciamentos como mostras da manipulación do persoal mobilizado. Malia todo, e como denuncia Defende A Galega, “non houbo un só xesto da CRTVG por achegar posturas”. “Igual alguén debería pensar en botarse a un lado”, din. 

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.