O pasado mes de outubro, a dirección xeral de Recursos Humanos da Corporación Radio e Televisión de Galicia (CRTVG) arquivou o expediente que abrira durante o verán á xornalista Tati Moyano, presentadora do Telexornal Serán que dimitiu dese labor xunto a Alfonso Hermida para denunciar control informativo na canle pública e que reivindicara ante o presidente da Xunta as protestas dos venres negros a prol do cumprimento da lei de medios. A xornalista fora expedientada por utilizar o servizo de maquillaxe da canle para presentar unha gala benéfica contra o cancro e o proceso contra ela suscitara unha vaga de solidariedade. Só uns días despois daquel arquivo, a CRTVG abriu outro expediente, desta vez contra o locutor Carlos Jiménez, unha das voces máis recoñecibles das últimas dúas décadas na TVG e na Radio Galega e activo participante, tamén, nas mobilizacións dos venres negros. Abríuselle por unha presunta incompatibilidade tras locutar nun programa elaborado por unha produtora e emitido pola propia TVG, un labor que tiña feito xa en moitas outras ocasións. Cinco meses despois, e logo de múltiples mostras de apoio de compañeiros e persoal da CRTVG que pediron o arquivo do proceso por consideralo unha “represalia” pola súa coñecida significación a prol dos medios públicos, o proceso ten xa resultado: Carlos Jiménez foi sancionado coa suspensión de emprego e soldo de nove días por unha falta grave.
Carlos Jiménez foi sancionado con suspensión de emprego e soldo de nove días por falta grave por ter locutado un programa emitido pola TVG e non ter, segundo a CRTVG, compatibilidade para facelo
“É unha inxustiza, unha barbaridade, mesmo se puidese haber algún problema burocrático ou formal, pero é moi desproporcionado, máis aínda tendo en conta o histórico que temos nesta casa”, din fontes sindicais, convencidas de que ao caso “váiselle dar a volta por vía xudicial”.
Porque a sanción non será aplicable, polo menos de momento. Carlos Jiménez decidiu acudir á xustiza, polo que só sería sancionado no caso de que a sentenza lle dese a razón á CRTVG, algo que fontes coñecedoras do caso non cren que ocorra. Todo no día no que a sanción foi coñecida polos traballadores, nun venres negro, o 46º xa, “contra a manipulación e polo cumprimento da lei de Medios”.
No seo do persoal sempre se interpretou o expediente a Jiménez como unha represalia contra el -gañou varios procedementos xudiciais á CRTVG nos últimos anos en materia laboral que implicaron mudanzas na súa contratación e lle recoñeceron unha antigüidade de 25 anos-, pero tamén unha advertencia ante as continuas mobilizacións. Un "cambio na estratexia" na que as autorizacións ou non de compatibilidades tornaron en "ferramenta" para "ir contra" determinados integrantes do cadro de persoal que se suman ás reivindicacións dos venres negros contra a manipulación informativa ou a outras mobilizacións na mesma liña.
No seo do persoal sempre se interpretou o expediente aberto a Jiménez como unha represalia contra el por ter gañado varios procedementos xudiciais á CRTVG e por mobilizarse nos venres negros
“Logo de que arquivasen o expediente a Tati Moyano, tiñamos bastante claro que este non o ían deixar pasar”, insisten fontes sindicais e do persoal sobre un caso de traballador que aínda se atopa en pelexas xudiciais coa CRTVG, á que gañou unha ducia de xuízos. Tres días despois da última demanda por outra reclamación laboral foi cando lle foi aberto este expediente que acaba en sanción por falta grave pero que puido ser peor.
Nun principio, a CRTVG advertira dunha falta moi grave que podería supor a suspensión de emprego e soldo de 16 a 60 días ou mesmo o despedimento. Logo considerou a súa actuación unha falta grave, que supón unha suspensión de emprego de tres a quince días. O instrutor do caso propuxo finalmente seis días de sanción, pero a Dirección de Recursos Humanos acabou por elevalo a nove.
A Corporación pasou de considerar que exercera “actividades privadas ou públicas sen solicitar e obter autorización de compatibilidade do órgano competente para iso”, como aclara o artigo 91.4.12 do convenio colectivo da CRTVG, a rebaixar o feito a un presunto “incumprimento dos prazos ou outras disposicións de procedemento en materia de incompatibilidades”.
O proceso aberto refírese, en concreto, á locución por parte de Carlos Jiménez no programa Polo Rego, emitido pola propia TVG, o que suporía unha presunta incompatibilidade. Foi o director da Área de Contidos quen advertiu de que escoitara a voz de Jiménez na emisión, en outubro de 2018, dese espazo, segundo consta no expediente ao que tivo acceso Praza.gal. Así foi como se lle abriu o proceso disciplinario ao afectado por un labor idéntico ao que o locutor realizou durante anos e polo que foi mesmo felicitado, segundo fontes do persoal, por directivos e cargos de responsabilidade que nunca lle puxeran pega ningunha.
O director da Área de Contidos da CRTVG advertiu da locución de Jiménez nun programa emitido pola canle pública en outubro pasado, polo que se lle abriu un expediente disiciplinario
Jiménez advertiu que presentara máis de dez anos antes a petición de compatibilidade e que lle fora concedida, tal e como consta no expediente. A CRTVG argumenta que aquela compatibilidade non o ampara ao modificar as súas condicións contractuais. Cando se lle concedeu era traballador temporal e na actualidade é indefinido, tras vencer varias batallas xudiciais contra a Corporación. Ademais, tamén argumentou, entre outras cousas, que aquel permiso permitía realizar o labor de “locutor publicitario”, pero non o de “locutor”.
Jiménez, pola súa banda, alegou a irrelevancia da relación laboral que tiña cando se lle concedeu a compatibilidade, a falta de tipificación dos feitos atribuídos, a ausencia de seguridade xurídica, o intento por parte da CRTVG de revogar a súa autorización a través do procedemento sancionador ou a vulneración de dereitos fundamentais. Todos os casos foron rexeitados, tamén aquel no que o avogado do locutor advertía de que o expediente “non é senón unha represalia pola súa reiterada acción xudicial e pola súa mobilización nos venres negros”.
“Querer enmascarar unha conduta prohibida con presuntas represalias pola conduta do traballador é unha simple manobra de defensa, ante a imposibilidade de acreditar que a autorización concedida no seu día non comprende a actividade de locutor, senón única e exclusivamente a de locutor publicitario por conta propia”, responde a dirección da empresa.
Fontes do persoal, no entanto, insisten en sinalar esta sanción como unha “represalia” e un “castigo” o profesional, máis aínda cando, como lembran, son múltiples e variados os programas que a TVG emitiu nos últimos anos nos que exerceu tamén o labor de locutor e polos que nunca foi advertido, senón todo o contrario. Estas mesmas fontes advirten de que as continuas batallas xudiciais gañadas, a súa participación nos venres negros e o seu apoio claro a compañeiros que denunciaron ter sufrido tamén “represalias” por protestar contra a manipulación ou o control informativo están detrás deste expediente que supón case un terzo do soldo mensual de Carlos Jiménez.
“Querer enmascarar unha conduta prohibida con presuntas represalias pola conduta do traballador é unha simple manobra de defensa", advirte a CRTVG
A directora de Recursos Humanos advirte de que a sanción “ten en conta o criterio de proporcionalidade”, así como “o feito de que o traballador non continuase coa situación de incompatibilidade desde que se lle comunicou o inicio do expediente”. E decide impoñerlle a sanción de suspensión de emprego e soldo de nove días. Nin os quince máximo que supón unha falta grave, nin os seis que propuxera o instrutor. Tampouco a falta moi grave que prevía nun principio a CRTVG e que podería supor mesmo o despedimento.
"Intentan amedrentar"
“Intentan amedrentar e empregan estes expedientes para ir contra aqueles que se mobilizan e que non calan; será a xustiza quen decida agora quen ten razón, pero a CRTVG pode estarse metendo nun problema maior”, din fontes sindicais e do persoal que advirten da “deriva” da dirección ante as mobilizacións do persoal, cada vez máis visibles en diferentes ámbitos.
Como proba, din, a proliferación de apoios ao colectivo Defende A Galega logo de que se coñecese esta semana o recordatorio por parte da dirección dunha circular sobre a indumentaria que os profesionais deben lucir ante e detrás das pantallas e que ven como un intento por acalar os venres negros.
Precisamente, neste 46º venres negro, o colectivo Defende A Galega difundiu imaxes de coñecidos xornalistas ou persoeiros da cultura apoiando as súas demandas coa camiseta negra con ese mesmo lema: #DefendeAGalega. Ademais, integrantes do grupo Familia Caamagno presentaron o seu novo disco no programa Zig Zag, da TVG, lucindo esas mesmas camisolas.
Durante este venres, Defende A Galega advertiu de que os traballadores volvían “dara a cara” malia “as ameazas e coaccións”.