0 Gardados para despois

Dimiten os presentadores do Telexornal Serán en protesta polo control informativo na TVG

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


Alfonso Hermida e Tati Moyano, xornalistas do Telexornal Serán da TVG, presentaron o pasado venres a súa dimisión como presentadores do espazo por "razóns profesionais" e "discrepancias coa liña informativa". Así o adiantou este martes a sección do sindicato CUT na Corporación Radio e Televisión de Galicia (CRTVG) e o confirmou Praza.gal con fontes do persoal dos medios públicos galegos. 

Hermida e Moyano continuarán presentando o Telexornal durante este verán e ata que comece a nova temporada de outono na TVG, momento no que deixarán o seu posto. A noticia non foi recibida con excesiva sorpresa pola xefatura de informativos nin pola dirección do ente público, conscientes das diferenzas que desde hai tempo mantiñan ambos presentadores coa deriva que gran parte do persoal dos medios públicos leva denunciando desde hai tempo. Tampouco intentaron facer nada por convencelos para que reconsiderasen a súa decisión, que era firme desde hai tempo. 

Hermida e Moyano abandonan o Telexornal Serán por "razóns profesionais" e "discrepancias coa liña informativa" do espazo

Segundo fontes do persoal, o "día a día na redacción" e o feito de que os dous xornalistas non dubidasen en amosar o seu malestar coa liña informativa e o xeito de tratar as novas por parte da xefatura fixo que a decisión fose agardada. Só quedaba saber cando se produciría. Ademais, fontes dos órganos de dirección da compañía pública din extraoficialmente que a CRTVG xa tiña pensado prescindir dos dous presentadores pola baixada de audiencia no Telexornal Serán.  

A comunicación da dimisión destes dous recoñecidos profesionais, con anos de experiencia na TVG, chegou no mesmo día no que boa parte do persoal mobilizábase no cuarto Venres Negro, unha iniciativa na que os profesionais dos medios públicos galegos apoian as reivindicacións dos seus compañeiros da TVE, denuncian a "manipulación informativa" que din sufrir na televisión e na radio galegas e reclaman xa a creación dun Consello de Informativos.

As diferenzas de criterio entre Hermida e Moyano e os dirixentes da CRTVG eran evidentes e palpables desde hai tempo. Ademais, ambos os dous non dubidaron en situarse na vangarda das reivindicacións das catro xornadas de Venres Negro nas que o persoal vestiu de loito e difundiu a través das redes sociais as súas reclamacións e imaxes con vestimenta moura. "Insistimos na nosa demanda duns medios públicos distintos. É difícil, pero por nós non vai quedar", publicaba Hermida nese día 15 na súa conta de Twitter, cunha mensaxe semellante á que xa expresara no resto dos días de mobilización. Tamén Tati Moyano difundiu en varias ocasións o seu apoio ás denuncias de manipulación. 

Non é a primeira vez, ademais, que Alfonso Hermida denuncia, mesmo publicamente o control político sobre a CRTVG. Hai anos, durante a xornada de folga en contra da reforma de lei dos medios públicos galegos, dirixiu un informativo reivindicativo presentado na praza do Toural de Compostela

O sindicato CUT aplaude "a súa dignidade, tan necesaria nestes momentos"

"Disque teñen xente de sobra para poñer a cara pola manipulacion sen cuestionarse constantemente os contidos, como intentaron facer Alfonso e Tati. Grazas, compañeiros", publicaba a CUT, sindicato que anunciou que neste vindeiro Venres Negro aplaudirá "a súa dignidade, tan necesaria nestes momentos". "A ver a quen atopan para substituír estes profesionais con dúas décadas de experiencia, que seica un informativo pode conducilo calquera", insistiu. Este diario intentou por varios medios obter a vesión da CRTVG respecto da marcha dos dous xornalistas, pero finalmente declinou facer comentario ningún. 

O Comité Intercentros da CRTVG entregou ao director xeral máis de 550 sinaturas do persoal reclamando que non se supriman os informativos locais da RG

A dimisión dos dous presentadores chega tamén no medio de continuas protestas de boa parte do persoal da CRTVG. Neste mesmo martes, o Comité Intercentros da CRTVG entregou ao director xeral, Alfonso Sánchez Izquierdo, máis de 550 sinaturas de traballadoras e traballadores da Compañía coas que "demandan a continuidade dos informativos locais na Radio Galega" e que a dirección decidiu suprimir a partir do 9 de setembro. Tamén solicitan, ademais, "o reforzo das delegacións territoriais, mermadas de persoal e sen técnicos de control, para ofrecer a información de proximidade con maior calidade". 

 

Porhíbenlle o paso a persoal da RTVE a San Marcos

Segundo indica o Comité Intercentros, a entrega das sinaturas coincidiu cunha xuntanza prevista en San Marcos entre o devandito comité e o de empresa provincial da Compañía de RTVE en Galicia. Segundo denuncia, a dirección de Recursos Humanos "non permitiu a entrada dos sindicalistas" dos medios públicos estatais, polo que o encontro tivo que realizarse "na porta do edificio", unha decisión que, din, "é a primeira vez que se produce" e que relacionan coas mobilizacións que se veñen producindo nas últimas semanas e que reclaman tamén que non se elimine o programa Diario Cultural, da Radio Galega, que deixará de ser un espazo independente desde o vindeiro outono. 

"É intolerable, propio doutros tempos nos que non se respectan os dereitos sindicais máis elementais", denuncia o comité da RTVE

Ademais, o comité de empresa de RTVE na provincia da Coruña explica que eles mesmos recibiron unha notificación da directora de Recursos Humanos da CRTVG denegándolles o paso ás instalacións de San Marcos, un feito que consideran "intolerable, propio doutros tempos nos que non se respectaban os dereitos sindicais máis elementais"

"O que buscaban con estas actitudes totalitarias era impedir o normal desenvolvemento das nosas competencias", aseguraron, logo de criticar a "vulneración a liberdade sindical". "Lonxe de amedrentarnos, isto énchenos de razóns para seguir loitando pola recuparación dos dereitos, entre outros, o que este martes intentou cercenar a dirección da CRTVG", rematan. 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

O presentador do informativo xa dimitira do seu posto en 2012

A dimisión de Alfonso Hermida non é a primeira. Xa en 2012, o que era editor e presentador do Telexornal Serán dimitira de ambos postos logo de varios e continuos desencontros coa dirección de informativos. Daquela, fora o tratamento da noticia da ocupación das instalacións da CRTVG por máis dun cento de preferentistas das antigas caixas a última das diferenzas coa xefatura. 

Aquela dimisión chegara tan só uns meses despois de que Hermida, xunto á súa compañeira Ana Pérez, presentase un telexornal en plena praza do Toural, en Santiago. Era un dos actos de protesta durante a folga que o persoal da CRTVG levou a cabo en contra da reforma de lei dos medios públicos galegos.

Alfonso Hermida xa dimitira en 2012 do seu posto de editor e presentador do Telexornal por diferenzas coa dirección de informativos

Hermida dimitira naquela primavera de 2012 e, logo de media década noutras funcións dentro da Corporación, regresara tan só hai uns meses como presentador ao Telexornal Serán, posto ao que agora renuncia xunto á súa compañeira Beatriz Moyano. Ambos os dous significáronse e difundiron o seu apoio ás reivindicacións do persoal da CRTVG "en contra da manipulación informativa" e pola creación dun Consello de Informativos. 

A loita de moitos traballadores daquela foi contra unha lei que entendían que favorecía o control político e que substituíra a lei de creación da CRTVG. A norma, que partira unha iniciativa do PSdeG, fora elaborada por membros dos que daquela eran os tres grupos da Cámara e saíu finalmente adiante cos votos a prol de PP e PSdeG. No entanto, apenas seis meses despois da súa aprobación xa comezou a ser incumprida no referente aos prazos para renovar os órganos de dirección do ente público.

Esa é unha das reclamacións constantes do persoal e das tres formacións da esquerda parlamentaria, que buscan que esa lei sexa finalmente cumprida nos ámbitos aínda pendentes. Entre elae, a elección da dirección xeral por maioría reforzada do propio lexislativo ou a constitución do Consello de Informativos. No entanto, o PP insiste en impedilo, votando en contra no Parlamento e bloqueando calquera tipo de avance. 

Telexornal no Toural durante a folga do persoal da CRTVG en 2011

© CRTVGComité