0 Gardados para despois

A protesta contra a "estafa" das preferentes das caixas, no interior da CRTVG

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


Son milleiros e teñen "atrapada" unha parte ou mesmo todos os seus aforros. En total, investiron uns 1.200 millóns de euros, segundo datos da Asociación de Usuarios de Bancos e Caixas, que agora non poden recuperar. Algúns sabían o que mercaban pero outros séntense simplemente "estafados". As persoas afectadas polas participacións preferentes das antigas caixas galegas levan meses esixindo a devolución dos seus cartos e este venres volvérono facer, primeiro cunha manifestación polas rúas de Santiago e despois con outra reivindicación imprevista: nos tres autobuses cos que chegaran á capital galega trasladáronse á parroquia compostelá de San Marcos e alí irromperon na sede central da Compañía de Radio Televisión de Galicia. A súa intención, facerlle chegar directamente á cidadanía a "estafa" da que, din, son vítimas, a través do Telexornal que se emitía neses intres.

O perfil do en torno a cento e medio de persoas que percorreron os corredores da sede da TVG non se corresponde coa do vandalismo ou a tan manida fórmula dos "antisistema". Había mozos, xubilados e persoas de mediana idade que, despois da manifestación que os levou ata a sede central da antiga Caixa Galicia en Santiago e ata as inmediacións do Parlamento, desexaban protestar directamente pola cobertura que o seu conflito recibe dos medios públicos. "Roubáronnos os aforros", resumen.

O tumulto no interior do edificio, a intención de entrar no plató -perfectamente audible para os espectadores que seguían o informativo- e o, en verbas de fontes presenciais, "lanzamento de fariña" deu lugar a momentos de tensión que se agudizaron coa chegada de ata cinco vehículos da Policía Nacional a San Marcos. Os afectados polas preferentes non chegaron ao plató pero si ata as entrañas da Galega, ata a propia redacción. Con todo, semella que non lograron o seu obxectivo: chegar tamén con amplitude á pantalla da televisión pública.

"Comprensión" dos persoal da CRTVG e apoio do BNG

A ocupación das instalacións de San Marcos deu lugar reacción ás poucas horas por parte do persoal dos medios públicos galegos, e non precisamente negativa. Ben ao contrario, o Comité Interempresas da CRTVG "comprende as motivacións dos manifestantes" e a súa "indignación pola liña informativa da TVG neste conflito". A protesta, explican, non é máis ca unha consecuencia da "manipulación informativa" dunha dirección "máis empeñada en ocultar todo o que a actualidade ten de conflitivo que en darlle á cidadanía galega a información veraz e plural á que ten dereito".

Neste sentido, os traballadores ven no acontecido este venres "o último" episodio "dunha longa serie de manipulacións realizadas pola dirección dos servizos informativos da TVG", a "penúltima das cales puideron ver todos os galegos e galegas nos telexornais que este xoves informaron da xornada de folga xeral". "Todo parecido entre a realidade (milleiros de persoas nas rúas manifestándose de xeito pacífico) e o que emitiron a TVG e a RG é pura coincidencia; xa que só se exaltaron os escasos incidentes que se produciron mentres se minimizou a participación nas manifestacións coa ocultación das imaxes das mesmas", censuran. Por este motivo, o Comité esixe que a liña dos informativos mude cara aos "criterios profesionais" e reclaman a dimisión da directora dos mesmos, Pilar Bermúdez, "que ademais de ser unha das responsables directas da manipulación, chegou a ameazar a algúns redactores, aos que acusou no medio da redacción de 'redirixir aos manifestantes ata o seu despacho", subliñan.

Nunha liña semellante, o BNG explicaba, a través dun comunicado, que "comparte a crecente indignación que senten amplos sectores da sociedade galega ante a manipulación informativa da TVG por parte do Goberno do PP". Os nacionalistas ven "evidente" que os medios públicos tentan "minimizar" a "estafa" das preferentes "e as súas consecuencias", nunha liña semellante á información "verdadeiramente escandalosa sobre a folga xeral", "todo isto ao servizo da estratexia política dun PP que comeza perder os nervios ante a crecente contestación social fronte ás súas políticas.

Afectados polas participacións preferentes das antigas caixas irrompen nas instalacións da CRTVG tras manifestarse polas rúas de Santiago

CC BY-SA Praza Pública

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Visita ao Valedor e apoio de PSdeG e BNG

Antes do traslado ás instalacións da CRTVG os afectados polas participacións preferentes das antigas Caixa Galicia e Caixa Nova percorreron o centro de Santiago para esixir a "devolución dos seus aforros". Nun percorrido no que tentaron, infrutuosamente, entrar en dúas sucursais do actual Novagalicia Banco, os manifestantes lamentaron que eles, as "vítimas", non teñan asistencia tras ser "roubados" mentres que os directivos teñan o apoio "da xustiza".

Con estas reivindicacións os afectados das preferentes, moitos deles de elevada idade, chegaron ás inmediacións do Parlamento de Galicia, onde se viviron momentos de tensión cos axentes da Policía Autonómica que custodian o recinto. Despois de recibir dende o comezo da protesta o apoio do portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, e de varios dirixentes nacionalistas, ao exterior do lexislativo galego achegouse tamén a voceira de economía do PSdeG, María José Caride, que lles transmitiu "todo o seu apoio".

A visita a Compostela serviu tamén para que as persoas que viron "atrapados" os seus aforros no coñecido como corralito financeiro achegasen tres millerios de sinaturas ao Valedor do Pobo. O titular da institución, Benigno López, xa anunciara horas antes a súa intención de abrir unha investigación de oficio en torno a esta "grave situación".