Dentro das protestas de persoal da CRTVG: "Construímos unha Galicia inexistente ao servizo do poder"

Persoal da CRTVG, durante o último venres negro © Defende A Galega

Desde hai case nove meses, profesionais dos medios públicos galegos mobilízanse contra a “manipulación” e o “desmantelamento” e para esixir o cumprimento da lei de Medios e a creación do ansiado Consello de Informativos. Fano a través do colectivo Defende A Galega, que agrupa a maioría do persoal da CRTVG e impulsa a protesta que cobre de loito a redacción de San Marcos e as delegacións territoriais cada venres negro desde finais de maio. Van xa polo 39º.

Desde que comezaran, o colectivo denuncia “represalias” contra aqueles xornalistas que se implican nas protestas, ben sexa nas de cada venres, na manifestación que percorreu as rúas de Santiago o pasado setembro ou mesmo na folga e paros convocados polo comité de empresa. As últimas, denuncian, contra Marga Pazos, que foi relegada a un posto de locutora tras gañar unha sentenza contra a TVG, declarar no xuízo que condenou a Corporación por vulnerar o dereito á folga no 8-M e dar a cara -con lectura de manifesto incluído- nas mobilizacións dos seus compañeiros. Antes, foron Carlos Jiménez, Ana Pérez ou Beatriz Moyano e Alfonso Hermida, estes dous últimos protagonistas por dimitir como presentadores do Telexornal Serán polo control informativo que dixeron sufrir

"A resposta da dirección é en forma de sancións, expedientes e represalias contra aqueles que decidiron dar a cara e plantarse contra a manipulación"

É tal o conflito nos medios públicos galegos? Existe a forte manipulación que denuncian profesionais? Hai solución? Defende A Galega responde, aínda que como colectivo e non a través dun portavoz único. 

“Nin temos nin agardamos ter interlocución ningunha por parte da dirección da CRTVG”, di Defende A Galega cando se lle pregunta sobre a resposta da empresa ás 39 semanas de mobilizacións. O que si teñen, din, son “respostas”: “En forma de sancións, expedientes e represalias contra aqueles que decidiron dar a cara e plantarse contra a manipulación que exercen os responsables dos medios públicos”.

Redacción da CRTVG, co persoal de loito polo venres negro © Defende A Galega

O último caso, denuncian, no Telexornal Serán da fin de semana pasada, cando se deu "prioridade" e dedicou moito máis tempo á concentración da dereita e da ultradereita en Madrid, con cortes da lectura do manifesto e de varios líderes políticos, que á manifestación pola sanidade pública en Santiago, sen referencia ao manifesto nin declaracións dos líderes da oposición. 

"A manipulación é un mal endémico da CRTVG, pero quizais agora é máis evidente. As únicas protestas que teñen cabida son as que atacan o Goberno central ou os gobernos municipais que non son do PP"

É peor agora a manipulación? “A manipulación informativa é un mal endémico da CRTVG. Todos os dirixentes políticos tentaron, dun xeito ou doutro, empregar os medios públicos no seu propio beneficio ao longo da historia, conseguindo con esta mala praxe degradar a nosa imaxe pública. Pero dende hai uns meses esa manipulación é quizais máis evidente”, responde Defende A Galega, que é claro: “As únicas protestas que teñen cabida nos informativos da Radio Galega e da TVG son aquelas que serven para atacar o Goberno central ou aqueles gobernos municipais que non están en mans do PP”. 

Pero o director xeral da Corporación, Alfonso Sánchez Izquierdo, negou xa moitas veces calquera tipo de manipulación. Hai pouco na última comisión de control parlamentaria, onde dixo que "demostrar a cobertura correcta da CRTVG non é complicado", ademais de asegurar que usar a palabra "represión" era “moi de panfleto sindical” e acusar a oposición de fixarse só nos expedientes "con máis repercusión mediática". 

Defende A Galega, integrado por traballadores, moitos con anos de experiencia, asegura que “todos os conflitos cuxa resolución depende directamente da Xunta son relegados ou mesmo obviados nos espazos informativos”. “Hai colectivos que se senten silenciados, maltratados polos medios públicos”, recoñecen, ademais de sinalar a consecuencia da supresión das desconexións locais, tamén moi criticada. “Fai que cada día cubramos menos roldas de prensa e, ás veces, cubrímolas para despois non informar delas”, din para aclarar que están “fartas de colocar o micro a sabendas de que a declaración non se vai ver nin escoitar”. 

"Non calaremos cada vez que os dirixentes políticos teñan a tentación de transformar a Radio Galega e a TVG no seu gabinete de prensa particular”

Por todo isto e moito máis din levar tanto tempo protestando, malia non ter recibido aínda resposta da dirección. “Xogan a ignorarnos pero non o conseguen”, din, conscientes de que molestan. “Algún dirixente político foi incapaz de disimulalo diante de todos e todas”, engaden, tras advertir de que non van calar. “En cada ataque, en cada sanción, en cada intento de ensuciar a imaxe pública dos nosos compañeiros e compañeiras, vannos a atopar. E non calaremos cada vez que os nosos dirixentes políticos teñan a tentación de transformar a Radio Galega e a TVG no seu gabinete de prensa particular”, aseguran. 

Ademais, tamén avisan de que a intensidade das protestas “será directamente proporcional á utilización política que fagan dos medios públicos e á política represiva que exerza a dirección”. E lanzan unha mensaxe: “Gustaríanos que a cidadanía nos acompañase. Non o facemos por nós, facémolo por todos vós”. 

Marga Pazos, Ana Pérez e Alfonso Hermida, durante un venres negro na CRTVG © Defende A Galega

Todo malia as “presións”. “Claro que as hai; hai compañeiros aos que se lles insinuou que non vestisen de negro os venres e en oito meses dous traballadores foron expedientados empregando argumentos do máis peregrinos, e dúas das presentadoras máis veteranas da TVG viron como as súas condicións de traballo cambiaban radicalmente despois de vinte anos de servizo”, lembran. Din ter a “sensación” de que o departamento de Recursos Humanos “se está a empregar a fondo para mergullar nos historiais de todos e todas nós na procura dalgunha escusa que lles permita aplicar unha sanción exemplar”. “Iso tradúcese nun ambiente de traballo irrespirable”, denuncian. 

De feito, varias fontes do persoal advirten de que o apoio aos venres negros, xa maioritario, medra cada día, ao igual que as críticas polas “represalias”. “As fotos están aí; percibimos que cada semana son máis os que se atreven a vestir as nosas camisetas e alzar a súa voz para dicir non á utilización política da CRTVG”. “Sentímonos apoiadas dentro e moi arroupadas fóra”, din. 

 "Sufrimos noutros medios o que moitos colectivos sofren na TVG"

Non tanto noutros medios. E critícano. “Estamos sufrindo nas nosas carnes o mesmo que padecen a diario moitos colectivos críticos coa acción de goberno aos que a dirección da radio e a televisión públicas non lles conceden nin medio minuto de gloria”, din, pero advirten de que saben mesmo de “compañeiros e compañeiras doutros medios aos que os seus superiores lles prohibiron rotundamente fotografarse” con eles nos venres negros. “Cóntanse cos dedos dunha man as veces que as nosas demandas se fixeron un oco nos medios tradicionais”, insisten. 

“Recibimos cen vídeos de apoio de colegas doutros medios que decidiron dar a cara por nós, algúns en contra do criterio dos seus superiores”, lembra Defende A Galega sobre unha solidariedade “emocionante”. 

"Estamos sufrindo noutros medios o mesmo que moitos colectivos críticos co Goberno sofren nos medios publicos, onde non se lles concede nin medio minuto de gloria"

Pero a lei de Medios segue sen aplicarse logo de sete anos. “Está na man dos politicos”, explica o colectivo, que destaca que estám “gardados nun caixón” a “creación dun Estatuto Profesional e un Consello de Informativos e, en xeral, todos os artigos que blindan a independencia e a imparcialidade dos medios públicos”. “Son os partidos políticos con representación no Pazo do Hórreo os que teñen a obriga de esixirlle ó Goberno que a aplique. Non por nós, senón porque é un dereito de todos os galegos e galegas”, insisten. 

Ademais, advirten tamén do seu temor a que se “pechen ou recorten tanto a produción propia” e que a dirección “faga da radio e da televisión uns medios de comunicación totalmente prescindibles e innecesarios”. 

“A Radio Galega e a TVG temos a obriga de representar e dar voz a todos os galegos e galegas. Deberiamos ser os primeiros en chegar á noticia, pero cada día vemos como nos pasan por diante os nosos compañeiros e compañeiras das privadas porque nós estamos demasiado preocupados en construír unha Galicia ideal e inexistente ao servizo do poder”, rematan. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.