Persoal da CRTVG cumpre oito meses de loito contra o "desmantelamento" e a "manipulación"

Mobilización na sede da CRTVG en San Marcos polo 36º venres negro © Defende A Galega

#VaiSendoHora. Con este cancelo en Twitter reivindicou o persoal mobilizado da CRTVG a necesidade do cumprimento íntegro da Lei de Medios Públicos e de rematar co "desmantelamento" duns medios públicos que queren "rigorosos e honestos ao seu servizo". Fano boa parte dos profesionais da TVG e da Radio Galega, de novo de loito, xusto no día no que se cumpren oito meses de venres negro, o 36º. 

O persoal mobilizado da CRTVG cumpre oito meses de venres negros contra o "desmantelamento" e a "manipulación" e polo cumprimento da Lei de Medios

Foi o 25 de maio pasado cando persoal da CRTVG decidiu unirse por primeira vez aos venres negros impulsados polos seus compañeiros de RTVE. Mobilizáronse en solidariedade coas súas demandas e para esixir a creación do Consello de Informativos e a fin da "manipulación". Desde aquela primeira xornada, e cada venres, moitos xornalistas, operarios e demais empregados visten de negro e concéntranse na entrada principal das instalacións de San Marcos, así como noutras delegacións, ademais de difundir as súas reivindicacións e fotografías vestidos con roupa escura nas redes sociais.

Nestes oito meses houbo tamén manifestacións do persoal "pola dignidade dos medios públicos" e varias mobilizacións co gallo dos paros parciais e das folgas convocadas polo comité de empresa. Como pano de fondo, reivindicacións comúns e unha consigna común que comparte nome co colectivo que lidera e organiza as mobilizacións dos profesionais: Defende A Galega. 

Persoal da Radio Galega, de loito no 36º venres negro © Defende A Galega

Nesta ocasión, as mensaxes dos profesionais centráronse en lembrar as reivindicacións que levan defendendo desde hai oito meses. Reclaman uns medios públicos nos que "manden os criterios profesionais, sen inxerencias" e nos que ver un Telexornal supoña "saber o que pasa e non coñecer só o ideario dun goberno". Así, denuncian, como exemplo,  que as mobilizacións pola sanidade pública en Vigo están sendo "relegadas a un segundo plano nos informativos da radio e a televisión públicas".

Defende A Galega lembra que a Lei de Medios Públicos ten máis de sete anos e segue "sen cumprirse na súa integridade", polo que piden que se reclame para a CRTVG "o cumprimento da súa lei co mesmo afervoamento co que se defenden outras leis". "#VaiSendoHora de que se cree un consello de informativos que vele pola independencia, a veracidade e a obxectividade dos contidos", insisten. 

Defende A Galega pide que se reclame para a CRTVG "o cumprimento da súa lei co mesmo afervoamento co que se defenden outras"

Ao tempo, os profesionais mobilizados piden que "rematen os expedientes a traballadores como Carlos Jiménez" e "cesen as represalias aos traballadores e traballadoras dos medios públicos de comunicación". 

Precisamente, máis de 400 sinaturas pediron xa o pasado venres o arquivo do expediente a Carlos Jiménez, que enmarca a posible sanción nun intento por reprimir as protestas. Nese mesmo día a xornalista Ana Pérez anunciou o seu adeus aos labores de presentadora. "O fácil sería pensar que é unha represalia, pero sería arrogarme unha importancia que non me corresponde e unha decisión tan burda que prefiro pensar que ninguén xuizoso tomaría", dixo. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.