0 Gardados para despois

Persoal da TVG únese á campaña 'en negro' contra a manipulación informativa

Redacción | @prazapublica

Persoal da TVG e da Radio Galega uniuse este venres á campaña en negro que levan a cabo traballadores e traballadores da RTVE desde hai semanas, en solidariedade coas súas demandas e para esixir a creación do Consello de Informativos e denunciar a manipulación informativa nos medios públicos galegos. Nunha novidosa protesta, xornalistas, operarios e demais empregados vestiron de negro e concentráronse na entrada principal da CRTVG, así como noutras delegacións, ademais de difundir as súas mensaxes e as súa fotografías vestidos con roupa escura nas redes sociais. 

Persoal da TVG únese aos compañeiros da TVE, reclama a creación do Consello de Informativos na CRTVG e denuncia a manipulación informativa

Baixo o cancelo #VenresNegroTVG, foron varios os xornalistas e presentadores da televisión pública galega que deixaron clara a súa reivindicación "por uns medios públicos libres e independentes" e a súa unión á "loita por unha televisión pública ao servizo da cidadanía" e ás demandas dos seus compañeiros e das súas compañeiras da TVE. Mesmo a veterana correspondente na canle pública estatal, Anna Bosch, destacou o apoio do persoal en Galicia. "Tamén na TVG", dixo. 

"As súas demandas son as nosas demandas. Venres negro tamén na TVG", coincidiron en sinalar varios xornalistas da canle pública galega neste venres, o quinto consecutivo no que os profesionais da Corporación da radiotelevisión pública estatal vestíronse de luto para protestar contra o bloqueo do PP á renovación da RTVE e reclamando unn cambio de rumbo tanto na radio como na televisión.

Traballadores da TVG reivindican "uns medios públicos libres e independentes" e "unha televisión pública ao servizoo da cidadanía"

Tamén en Galicia, persoal da delegación territorial de RTVE tinguíronse de luto para unirse á protesta apoiada polos seus compañeiros da TVG. A protesta "en negro" levouse a cabo tanto nas redes sociais como ante as cámaras, tal e como se puido comprobar durante a emisión do avance informativo de TVE polo anuncio de moción de censura de Pedro Sánchez. 

Neste quinto venres de protestas, as mensaxes realizáronse, na súa maioría, baixo o cancelo #VoydeNegroPorque, onde se recompilaron os motivos para pedir o cambio en RTVE. Algúsn deles fixeron referencia a episodios recentes dentro de TVE, como a rectificación a realizar logo de ofrecer unha información "falsa" sobre o goberno de Rivas e o silencio que gardou o programa La Mañana logo de se coñecer a sentenza da Gürtel. 

Durante moitos meses, traballadores da TVG recompilaron nun blog diferentes denuncias sobre a manipulación informativa na televisión pública, unha eiva que continuan a denunciar desde os diferentes órganos de representación do persoal. Hai menos dun ano, a denuncia foi  por impedir a unha xornalista sinalar nunha información a afiliación ao PP dun xihadista.

Neste mesmo mes, a dirección da Radio Galega anunciou mudanzas na programación de despois do verán que incluía, entre outras novidades, a desaparición do programa Diario Cultural como espazo independente ou a eliminación das desconexións informativas locais, o que levantou fortes críticas entre traballadores, oposición parlamentaria e mundo cultural. 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.