Nin o apoio masivo aos paros parciais, nin o éxito das folgas que obrigaron a modificar a programación, nin os sete meses de venres negros que o persoal acaba de cumprir protestando “contra a manipulación e o desmantelamento” e polo cumprimento da lei de Medios. Nada. Nin o presidente da Xunta nin o director da CRTVG se inmutan ante as reiteradas demandas de solucións a un conflito que continúa sen resposta.
Foi Núñez Feijóo quen hai unha semana volveu desentenderse do problema apelando á “independencia” da CRTVG e derivando calquera responsabilidade no seu consello de administración –controlado por conselleiros nomeados polo PP e afíns ou ex-traballadores dese partido– logo de negarse mesmo a responder a unha pregunta sobre os venres negros. Este xoves foi o director xeral da Corporación, Alfonso Sánchez Izquierdo, quen reiterou que o “único e último responsable” do que ocorre nos medios públicos é el pero sen dar resposta clara nin solución ningunha ás demandas feitas pola oposición na comisión de control parlamentaria da CRTVG.
O director da CRTVG nega calquera inxerencia política e non achega solución ningunha a un conflito de máis de medio ano
“Están convencidos de que hai outras persoas que deciden ou outra longa man detrás e non cren que non é así”, asegurou Sánchez Izquierdo tras ser preguntado pola “manipulación” e a “propaganda” que En Marea, PSdeG e BNG atribúen aos medios públicos, en especial á hora de tratar a actualidade política e social en Galicia nos seus informativos.
Neste venres, persoal da CRTVG protesta de novo noutro venres negro, o 32º desde aquel primeiro do mes de maio. De novo de loito e superando xa os sete meses de protesta. Coincidindo co Día dos Santos Inocentes, os profesionais advirten de que non están “para bromas” e acusan a Feijóo e Sánchez Izquierdo de apostar por “uns medios públicos parciais, deshonestos e imprecisos”.
“Parece unha inocentada, pero sabes que hai empresas públicas en pleno século XXI que incumpren a lei pola que se rexen? Está a pasar na CRTVG”, denuncia nas redeso sociais o colectivo Defende A Galega.
Pero nada estraño ocorre, segundo di Sánchez Izquierdo, malia as denuncias de oposición, sindicatos e persoal da radio e da televisión públicas e logo de dimisións que denunciaron o “control informativo”. “Demostrar a cobertura correcta que fai a CRTVG deste e doutros temas non é complicado”, presumiu Sánchez Izquierdo ao ser cuestionado polo tratamento informativo dos continuos problemas e protestas na sanidade galega. E insistiu en tirar de datos de audiencias para defender o enfoque dos telexornais. Son moi vistos e, xa que logo, deben estar ben.
Sánchez Izquierdo presume da "cobertura correcta" da CRTVG de temas como a sanidade e insiste en tirar de audiencias para gabar o enfoque dos informativos
Toda a oposición pediu poñer fin á “instrumentalización” dos medios públicos. Ademais, a deputada do PSdeG, Noela Blanco, volveu reclamar que a CRTVG puxese fin xa á "política represiva" contra os traballadores implicados nas reivindicacións laborais. Referíase desta vez ao expediente aberto contra o presentador Carlos Jiménez, logo de ter locutado un programa elaborado por unha produtora e que foi adquirido e emitido pola propia TVG.
Blanco, que tamén fixo referencia ao expediente arquivado contra Beatriz Moyano, acusou a CRTVG de “abrir xuízos mediáticos e políticos contra profesionais dos medios, deturpando a Lei de Medios de 2011”, e lembrou que é o propio presidente da Xunta quen deriva responsabilidades políticas no seu cargo negándose a dar conta da situación do ente e a responder ás denuncias de manipulación.
O PSdeG acusa a CRTVG de “abrir xuízos mediáticos e políticos contra profesionais dos medios" e pide pór fin á "política represiva"
“Vostede actúa de maneira irresponsable por responder ás ordes de Feijóo e permitir a instrumentalización do ente”, acusou Blanco. Sánchez Izquierdo respondeu denunciando “o uso da palabra represión” e asegurando que acusar de “política represiva” á CRTVG é “moi de panfleto sindical”. Insistiu en que só se abriron oito expedientes a profesionais no que vai de ano, que só catro acabaron en sanción e que, á oposición, “só lle importan os casos que teñen máis repercusión mediática”.