Despois de que a folga de 24 horas do pasado día 19 lograse mudar a programación habitual da CRTVG e tras un novo venres negro, o trixésimo primeiro, o persoal mobilizado nos medios públicos galegos tiña convocada para este sábado unha nova mobilización. Neste 22 de decembro a folga desenvolveuse só durante a mañá coa intención fundamental de condicionar a emisión do sorteo da lotaría do Nadal na Televisión de Galicia e na Radio Galega para así facer visible o conflito. E o persoal dá o obxectivo por logrado.
Dende o comité de folga cifran nun 87% o seguimento da mobilización deste 22 de decembro, que obrigou a emitir o especial da lotaría do nadal sen apenas recursos propios
Dende o comité de folga cifran nun 87% o seguimento da mobilización, fixada das 8 da mañá ás dúas da tarde. Durante esas horas, aseguran, "nas instalacións da CRTVG en San Marcos e nas delegacións" os postos de traballo "baleiros" eran abondosos e, no caso da TVG, o especial da lotaría foi emitido, pero en circunstancias ben distintas ás habituais.
A canle pública "emitiuna en sinal compartida da FORTA", a rede que comparten as televisións autonómicas de todo o Estado, pero cunha "mínima personalización da TVG, só un comentarista en Madrid" e sen grafismos propios. Pero alén o impacto da folga tamén atinxiu ás conexións en directo cos puntos de Galicia nos que tocou a lotaría -este tipo de coberturas son realizadas na TVG, en boa medida, por persoal de produtoras privadas contratadas pola corporación pública-.
"Non nos tocou a lotaría, pero grazas a ela puidemos contarlle á xente que estabamos en folga", sinalan. Non en van, nas conexións realizadas pola TVG e tamén por outras canles foi evidente a presenza do persoal en folga, con pancartas deseñadas para a ocasión simulando billetes de lotaría que foron perfectamente visibles durante as conexións. "Non sempre nos van poder silenciar", sintetizan.
A reivindicación do persoal foi visible nas conexións con algunhas das administracións de lotaría que repartiron premios da lotaría do nadal
As organizacións sindicais "agradecen" o apoio recibido nunha xornada de folga na que "temían" que "a dirección tentase suplir" a carencia de persoal "solicitando á audiencia documentos gráficos a través das redes sociais para que a retransmisión se vise menos alterada". Por iso realizaran "un chamado á cidadanía para que apoie á folga non achegando vídeos ou fotografías á CRTVG sobre a incidencia do sorteo da lotaría".
Como nas anteriores xornadas de folga, o obxectivo desta mobilización é frear o que consideran un proceso de "desmantelamento dos medios públicos", con "sucesivas decisións que van en detrimento da encomenda de servizo público coa que foron concibidos". Entre as medidas que reclaman figura a "recuperación da produción propia interna, con programas de servizo público" como os debates políticos ou os programas de reportaxes de actualidade, unha "estrutura de persoal axeitada" e "a erradicación da manipulación informativa co cumprimento da lei de medios e o cesamento da exteriorización indiscriminada de produtos e servizos".
Unha vez concluída a folga dende o colectivo Defende a Galega xa se avanza a intención de continuar cos venres negros. "Seguimos no noso empeño de denunciar o que non se pode permitir nos medios públicos", advirten.