A cuarta xornada de paros parciais --terceira na quenda semanal-- pola folga na CRTVG mantivo o seguimento e un apoio masivo. De novo arredor dun 80% do persoal sumouse a eles logo de que as reivindicacións no sábado e no domingo as secundasen un 70% dos traballadores e traballadoras dos medios públicos galegos, que continúan a mobilizarse "contra o desmantelamento e a manipulación".
O seguimento dos paros parciais mantense no 80% entre o persoal da CRTVG
A loita do persoal continúa, ao igual que as negociacións entre o comité de folga e a dirección da Corporación, que pasou de negarse nin tan sequera a debater respecto dalgunhas reivindicacións a facer unha oferta, aínda que xeral e sen concreción ningunha. Así aconteceu cunha das demandas principais dos representantes dos profesionais, a de recuperar e aumentar a "produción propia interna" con programas informativos e de debate e entretemento e a recuperación de formatos "de servizo público" como as reportaxes ou a programación infantil e para a mocidade.
Malia que a dirección da CRTVG e negou nas primeiras xuntanzas a abordar ese tema, na última das reunións apareceu cunha oferta pola que estaba disposta a incrementar en 15 horas mensuais, unha media hora diaria, a emisión de programación propia. "Polo menos semella que se dignaron a empezar a falar sobre o tema", explican fontes do comité respecto dun ofrecemento que cualifican de "xeral, insuficiente e inconcreto".
A dirección pasou de negarse a debater sobre a produción propia nos medios públicos a ofrecer media hora máis diaria
"De nada nos vale se incrementan dez minutos en cada programa informativo para sumar así máis minutos; non é unha cuestión de minutos senón de modelo", engaden as mesmas fontes, que critican que entre os datos para xustificar o incremento da produción propia a dirección inclúa redifusións e repeticións de programas, mesmo de madrugada. "Reclamamos produción propia de servizo público e non que nos tomen o pelo aumentando algo os minutos; a información non debería estar en mans de produtoras externas", insisten.
Con todo, a CRTVG, malia defender o seu modelo e argumentar que hai minutos dabondo de formatos propios, abriuse a iniciar unha negociación que non avanzou en case nada polo momento. Negouse a dirección a debater sobre os contidos, que consideran unha "potestade empresarial". De feito, os dirixentes recoñecen que a Lei de Medios establece o incremento da produción propia pero aluden a outro artigo, o que sinala a Corporación como motor do audiovisual galego, para xustificar a habitual contratación de produtoras externas.
A CRTVG ofrece 15 horas mensuais máis de produción propia pero négase a debater sobre os contidos, que o comité reclama que sexan "de servizo público"
Ademais, e respecto da demanda de recuperación das desconexións locais na Radio Galega, a CRTVG advirte de que a información de proximidade aumentou nos programas informativos, mentres que o comité lembra que a súa solicitude "non vai por ese lado, senón pola necesidade de recuperar eses programas de información máis achegada e específica que desapareceron da grella". "A audiencia está marchando cara a outras emisoras que si contan con esas desconexións locais", lembran fontes dos representantes do persoal.
Alén diso, e en canto á petición para que se recupere Diario Cultural, a dirección insiste en que non cambiará de posición e considera que a eliminación do formato como programa independente e a repartición de información cultural co mesmo nome en diferentes espazos é unha decisión correcta. "Insisten en que non pensan nin discutilo", aclaran as mesmas fontes, que destacan a "concienciación" por parte dos profesionais mobilizados de que o conflito será "longo".
A dirección négase a recuperar as desconexións locais ou o 'Diario Cultural' como programa independente na Radio Galega
As conversas, que inclúen a das negociacións dos servizos mínimos para as folgas totais dos días 19 e 22, retómanse este martes, un día antes dunha nova xornada de paros parciais. Será momento para outras reivindicacións, que inclúen unha mellor "dimensión" do cadro de persoal ou a fin da "utilización fraudulenta da contratación en prácticas", así como a "erradicación da manipulación informativa" e o cumprimento íntegro da lei de medios do ano 2011, que é unha das demandas de cabeceira.
Ás esixencias do persoal engádesenlle dous aspectos relacionados coas mobilizacións contra a manipulación e pola cumprimento da lexislación, que celebraron a pasada semana o seu 27º venres negro. O comité pide a "fin da política represiva" mediante o "arquivo" do expediente disciplinario aberto ao locutor Carlos Jiménez e a "reparación pública do dano causado" á xornalista Tati Moyano co expediente que a atinxiu, arquivado o pasado outubro. Solicitan, asemade, a "apertura dunha mesa paritaria" para "aclarar e interpretar as normativas" nas que a área de Recursos Humanos baseou ambos expedientes.