"CRTVG, publica e plural!". Era unha das consignas que berraba persoal da CRTVG que este mércores se manifestou polas rúas de Compostela "contra o desmantelamento, a manipulación e a represión" nos medios públicos galegos. Fixérono desde o mediodía, logo de se concentraren ante as portas do Parlamento ás 10 da mañá e levar as súas reclamacións ante a Cámara galega nunha xornada de folga de 24 horas que, segundo fontes sindicais, tivo un seguimento de arredor dun 90% na quenda de mañá e que provocou que a programación habitual se vise afectada tanto na radio como na televisión públicas.
Os sindicatos cifran nun 90% o seguimento dunha folga que obrigou a mudar a programación habitual na TVG e na Radio Galega
Diversos avisos, escritos e radiados, avisaban da alteración ou supresión dos programas previstos "por mor da folga convocada polo comité intercentros da CRTVG" e tras un apoio ao paro que foi masivo e que logrou visualizar os seus efectos malia os "abusivos" servizos mínimos que denunciou o comité. Segundo aclaran, na sede central de San Marcos, e á marxe das presenzas obrigadas por este servizos mínimos, a presenza foi de trabalaldores foi cativa.
A xornada de folga de 24 horas iniciouse coa concentración ante a Cámara, á que acudiron representantes políticos de En Marea, PSdeG e BNG para amosar o seu apoio aos traballadores. Desde a rúa do Hórreo, ao pé do Parlamento, partiu unha manifestación cunhas 300 persoas, practicamente todas profesionais da Corporación, que rematou na praza Roxa, onde membros do comité intercentros da CRTVG leron un comunicado co que denunciaron a situación que din sufrir nos medios públicos.
As protestas e a folga deste mércores dan continuidade aos paros parciais e ás 30 semanas de venres negros
A protesta e folga deste mércores dá continuidade aos paros parciais que se levaron a cabo nas últimas semanas -- tamén con importante seguimento --, así como ás protestas que desde hai 30 semanas impulsa o colectivo Defende A Galega nos venres negros, nas que a maioría das reclamacións son coincidentes coas das mobilizacións deste mércores.
Entre as medidas que reclama o persoal está a recuperación da produción propia interna, con programas de servizo público e unha estrutura de persoal axeitada, a “erradicación da manipulación informativa co cumprimento da lei de Medios” e a fin da “exteriorización indiscriminada de producións e servizos”. Tamén solicitan medidas laborais como o remate da contratación fraudulenta, a substitución do persoal ausente ou “o cambio da actual política represiva e sancionadora”, en referencia aos expedientes como os abertos a Carlos Jiménez ou Beatriz Moyano, xunto con accións a prol dunha conciliación efectiva da vida familiar.
O persoal pide a recuperación da produción propia, máis persoal e a fin da "exteriorización indiscriminada" e a manipulación
Malia a conflitividade, recoñecida mesmo polo director xeral da CRTVG no Parlamento, as referencias á folga e á problemática laboral nos medios públicos galegos son nulas por parte da Xunta. O pasado venres, o presidente Núñez Feijóo negouse a responder a un reporteiro gráfico que lle preguntara sobre posibles medidas para rematar coa problemática. Meses atrás, mesmo se desentendera do cumprimento da lei de Medios. "Eu non a dirixo", dixera.
No Parlamento, pola contra, a deputada do PP Raquel Arias asegurou que a devandita lei "se está a cumprir" e presumiu dunha CRTVG que é "lider en audiencias, ten contas saneadas, é a mellor dotada tecnoloxicamente de Europa e garante mandato de servizo publico e independente".
As protestas continuarán con outro paro durante a mañá do vindeiro sábado, coincidindo coa retransmisión so sorteo da lotaría de Nadal.