O presidente galego vén desentendéndose da aplicación da lei que debera mellorar a independencia dos medios públicos galegos que el mesmo impulsou en 2011
O persoal mobilizado na CRTVG contra a manipulación informativa e o deterioro dos medios públicos de Galicia está a facer xirar este trixésimo venres negro de protesta arredor da figura do propio presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, do que intentan que se pronuncie persoalmente sobre o conflito. Para intentar conseguir máis visibilidade social e política, as protestas chegarán tamén o vindeiro mércores, 19 de decembro, coincidindo coa xornada de folga de 24 horas convocada tamén para ese día, ás portas do Parlamento de Galicia. Desde alí, tras unha concentración, sairá unha manifestación polas rúas de Santiago “para facer visible á cidadanía os problemas que sofren os medios públicos galegos e facer partícipes a todas aquelas persoas que desexen prestar o seu apoio”.
Nesa liña de intentar que Feijóo se pronuncie sobre as protestas na CRTVG, este xoves, unha vez rematada a súa habitual rolda de prensa tras a reunión semanal do seu Goberno, un reporteiro gráfico de RTVE, cuxo persoal segue a apoiar ao dos medios autonómicos tras a súa propia desmobilización, preguntou ao presidente se ía facer algún comentario a respecto de que se fose celebrar xa o venres negro número 30. “Eu contestáballe con moito interese, o que pasa é que a miña obriga é contestarlle aos periodistas”, dixo o presidente. Posteriormente o Colexio de Xornalistas de Galicia tomoulle a palabra e na súa conta de Twitter reiteroulle a Feijóo a pregunta de se ten previsto tomar algunha medida ou lle merece algún comentario o venres negro número 30.
"Eu non dirixo a TVG", foi a resposta de Feijóo o pasado xuño cando se lle preguntou polo incumprimento da lei de medios públicos que el mesmo impulsou en 2011
Sobre a falta de cumprimento por parte do Goberno galego da lei medios públicos que debera mellorar a independencia da CRTVG xa foi preguntado o presidente por Praza.gal o pasado xuño, cando só se levaban celebrados catro venres negros. “Eu non dirixo a TVG”, foi a resposta de Feijóo para desentenderse do cumprimento da lei que el mesmo impulsou en 2011. Posteriormente, a Feijóo tamén se lle preguntou pola situación da CRTVG no Parlamento galego, onde o presidente dixo que “o de TVE non é o modelo serio, independente e profesional da TVG”.