Persoal de CRTVG e RTVE únese "contra a manipulación" e pola "despolitización" dos medios públicos

Protesta do persoal da CRTVG e de RTVE noutro 'venres negro' © CUT-CRTVG

Sexto venres negro de protesta na CRTVG. Hai xa máis dun mes que persoal da Televisión de Galicia e da Radio Galega decidiu secundar a vaga de mobilizacións que, tamén na RTVE, clama pola fin da inxerencia do Goberno na liña informativa das canle pública. Desta vez, o apoio mutuo pasou a ser unha mobilización conxunta, compartida e difundida por traballadores e traballadoras das dúas corporacións en Galicia. E cada vez con máis seguimento,maís persoas vestidas de loito e máis repercusión.

Persoal da CRTV e da RTVE en Galicia mobilizáronse conxuntamente contra a inxerencia dos gobernos na liña informativa das canles públicas

Se a semana pasada foi o debate sobre o influxo da Xunta nos medios públicos galegos o que volveu e estoupou con forza, especialmente tras a dimisión dos presentadores do Telexornal Serán en protesta polo control informativo, desta vez o foco xirou un chisco cara a canle estatal. PSOE e Podemos pactaron popor a Andrés Gil, xornalista de eldiario.es, como director de RTVE, un acordo que defraudou o persoal mobilizado da compañía e que levou a PNV e ERC a ameazar con bloquear o nomeamento tras criticar as formas nas que os dous partidos o negociaron. 

Sexa como for, persoal da CRTVG volveu liderar as protestas contra a "manipulación informativa", reclamando de novo o cumprimento íntegro da lei dos medios públicos, aprobada en 2011 e incumprida dende seis meses despois da súa entrada en vigor, e difundindo moreas de imaxes reivindicativas baixo os cancelos #VenresNegro6CRTVG ou #ViernesNegro10, en referencia á décima xornada de protesta dos compañeiros da canle pública estatal. Ambos cadros de persoal preparan, ademais, mobilizacións máis amplas, na rúa e tamén conxuntas para despois do verán. 

Protesta conxunta de persoal de RTVE e CRTVG / @DefendeAGalega

Protesta conxunta de persoal da RTVE e da CRTVG no sexto 'venres negro' na canle pública galega / @DefendeAGalega

"Sen medo a loitar" pola "despolitización dos medios públicos" e "contra a manipulación informativa". É o que advirte constantemente o persoal da CRTVG, que creou mesmo unha conta de Twitter onde recoller todas as reivindicacións, vídeos e fotografías. "A nosa loita é a súa loita", dicía o xornalista Alfonso Hermida ao pé dunha foto na que acompañaba á súa compañeira Tati Moyano e ao periodista de TVE en Galicia, Xabier Fortes, que respondía: "Imos de negro contra a manipulación e a censura, tamén na TVG". 

Traballadores da CRTVG e de TVE claman pola "despolitización dos medios públicos" e "contra a manipulación informativa"

"Non se trata de cambiar cromos entre partidos, senón de crerse que a aposta é pola independencia e a pluralidade nos informativos", aseguraba Fortes nas súas redes sociais. Porque todo isto aconteceu no que era o décimo venres negro en RTVE, no que os traballadores volveron reclamar unha televisión pública plural, imparcial e independente, coa intención e a lema de ser "de todos/as e de ninguén".

Despois de que aprobasen en asemblea seguir coa protesta, e de que o novo Goberno de Pedro Sánchez aprobase un Real Decreto-lei para desbloquear a renovación de RTVE, a xornada coincidiu coa proposta de consenso entre o PSOE e Podemos para que Andrés Gil, actual redactor xefe de política de eldiario.es, fora o novo presidente da Corporación.

A xornada abriuna, como habitualmente polo horario de La2 Noticias, Mara Torres. Foi unha vez máis a primeira profesional que apareceu en pantalla vestida de negro, e tras ela sumáronse de novo a maioría de compañeiros, tanto detrás como diante da cámara.

Protesta conxunta de persoal da CRTVG e da RTVE noutro 'venres negro' / © CUT-CRTVG

"Non entenderon nada"

A través das redes sociais, cos cancelos #ViernesNegro10 e #DeTodxsYdeNadie, os profesionais fixeron outro chamamento aos políticos para que garantan que a nova RTVE sexa plural, independente, cumpra a igualdade de xénero, despolitizada e que non sexa moeda de cambio de ningún partido. Na redacción era evidente a decepción ante a situación que se produciu esta semana á hora de designar os nomes que terán que votarse no Parlamento. "Non entenderon nada" é a frase que se repetiu máis nesta nova xornada de protestas.

Os profesionais aplauden o fin da etapa do control do PP pero lamentan que se use a presidencia de RTVE "como un intercambio de cromos" entre os partidos

Así, aínda que os profesionais aplauden o fin da etapa do control do PP, lamentan que se estea utilizando a presidencia de RTVE "como un intercambio de cromos" e que os partidos se agarren ao control político do ente. "Ninguén me obriga a vestir de negro, pero a rexeneración da RTVE non é moeda de cambia e aínda non podemos dicir que somos de todos e de ninguén", dixo Mara Torres. 

Logo de coñecerse que o PSOE e Podemos alcanzaran un acordo de consenso para propor a Andrés Gil como novo presidente, os traballadores de RTVE mostraron o seu desacordo porque o nomeamento, a priori, fose alcanzado de forma privada entre os dous partidos, sen ter en conta o propio persoal da Corporación.

Por iso foi polo que sumaron á xornada de venres negro o cancelo #NoSeEnteran, sinalando os partidos políticos e incidindo en que a despolitización de RTVE non é compatible co nomeamento do novo presidente por un acordo entre dúas formacións. 

Xabier Fortes, Tati Moyano e Alfonso Hermida, no sexto 'venres negro' na CRTVG Dominio Público @xabierfortes

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.