O persoal da CRTVG mobilízase no 25º venres negro, o penúltimo antes do inicio da folga

Persoal da delegación da CRTVG en Vigo, no 25º venres negro © DefendeAGalega

O persoal da CRTVG celebrou o seu 25º venres negro, unha xornada máis da mobilización coas que desde hai case seis meses levan reivindicando a fin da "manipulación informativa" e do "desmantelamento e externalización" na Corporación, así como o cumprimento da Lei de Medios Públicos, aprobada hai xa anos no Parlamento.

Son 25 semanas vestidos de loito e case seis meses de protesta, desta vez centrada na reivindicación da información local e comarcal como "vertebración do país", así como da protesta que está a piques de cumprir medio ano. "Levamos moito tempo, si, pero non imos cansar. Defende a Galega con nós das agresións da actual dirección, da privatización e da manipulación", insiste o colectivo que aglutina as diferentes accións. 

A mobilización deste venres foi a penúltima antes da primeira das xornadas de folga convocadas polo comité

Foi a deste venres a penúltima mobilización antes do inicio das varias xornadas de folga que convocou o comité intercentros da CRTVG "contra o desmantelamento do servizo público". Así o aprobou o pasado mércores o persoal unha masiva asemblea de traballadores, que deu o visto e prace á proposta tras varios días de xuntanzas e negociacións.

Así, a folga iniciarase xa neste mes de novembro con paros de dúas horas en cada unha das quendas de traballo durante os días 20, 22, 24, 26, 28 e 30, ademais do 2 de decembro. Será nese mes, ademais, cando a protesta se amplíe a unha folga de 24 horas o mércores 19, día no que tamén se celebrará unha manifestación, tal e como confirmaron fontes do comité a Praza.gal, mobilización que se repitiría tamén nos primeiros meses de 2019.

O día 19 de decembro haberá un paro de 24 horas e unha manifestación

Ademais, o sábado 22 de decembro tamén se levarán a cabo folga á que está chamada, na proporción horaria que lle correspondería de ser un paro de 24 horas, o persoal desta quenda especial de fin de semana.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.